O Concello de Nigrán proxectará este venres no Auditorio Municipal o resultado dos obradoiros audiovisuais para a prevención da violencia de xénero ofrecidos ao alumnado da ESO no marco da programación municipal do 25-N (‘Día internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’). Así, os 150 participantes de 3º e 4º da ESO do CPI Arquitecto Palacios, IES Proval e IES Val Miñor asistirán a esta xornada matinal que contará coa actuación da drag-pandereteira Meiga-i (Javi Sánchez) e na que poderán ver os microdocumentais que eles mesmos elaboraron grazas á formación ofrecida desde Cru Producións. O Concello investíu nestes obradoiros impartidos durante 4 sesións por tres especialistas un total de 8.000 €.
“A mocidade domina a linguaxe audiovisual e amosa moito interese en manexala correctamente, por iso apostamos por estes obradoiros e o resultado non puido ser máis acertado. A rapazada esforzouse e participou moi activamente”, explica o alcalde, Juan González.
O obxectivo destes obradoiros eran, por unha banda, promover a igualdade, previr a violencia de xénero e fomentar as relacións igualitarias e, por outra, reflexionar sobre a construción das identidades de xénero, cuestionar as relacións establecidas entre homes e mulleres ou promover unha educación afectivo-sexual igualitaria. Para elo, primeiramente o alumnado compartíu e comentou os produtos audiovisuais que consumen, despois recibiron formación e achegamento ao cinema desde unha perspectiva feminista e, finalmente, ensinóuselles a montar un pequeno set de gravación no que, mediante entrevistas, eles mesmos plasmaron na pantalla as súas impresións, reflexións, coñecementos adquiridos… Froito desta gravación e das que a produtora realizou das anteriores sesións, xurdiron os documentais de entre 5 e 7 minutos que verán a luz mañá no Auditorio.