A Xunta de Galicia incorpora ao Catálogo de árbores senlleiras dúas sobreiras, localizadas no concello de Valga, e unha formación de 14 exemplares desa mesma especie, que se atopan no municipio de Tomiño, segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
As Sobreiras da Capela dos Mártires, son dous exemplares cunha idade estimada de máis de 200 anos, localízanse xunto a unha antiga necrópole na parroquia de San Miguel de Valga. De feito, baixo estas sobreiras, hai dous sartegos, de granito, a ras do chan e semisoterrados. Ademais, cómpre salientar que o lugar se atopa no trazado dun antigo camiño sacramental que coincide coa actual Vía Mariana Luso-Galaica.
No que atinxe á formación das 14 sobreiras que se atopan na parroquia de Goián (Tomiño), distribúense en 4 grupos ao longo do adro a carón da capela de San Roque, espazo de interese histórico e patrimonial. A idade estimada dos exemplares está en máis de 250 anos.
Unha ferramenta en constante actualización
O catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso das sobreiras que veñen de incorporarse.
Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 192 elementos —151 exemplares e 41 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:
PROVINCIA | ÁRBORES | FORMACIÓNS | TOTAL |
A Coruña | 43 | 14 | 57 |
Lugo | 35 | 6 | 41 |
Ourense | 20 | 6 | 26 |
Pontevedra | 53 | 15 | 68 |
Total | 151 | 41 | 192 |