Xoves, 18 Setembro de 2025

Nigrán inviste no formigonado e pulido do novo Torreiro de Parada

0

O Concello de Nigrán ven de investir 25.000 € no formigonado e pulido do novo Torreiro de Santiago de Parada co obxectivo de optimizar esta superficie de 1.330 m2 habilitada ao carón do cemiterio municipal.

O espazo foi cedido pola Comunidade de Montes de Parada ao  Concello durante cinco anos co obxectivo de, precisamente, emprender estas obras demandadas  desde as diferentes entidades da parroquia para poder empregar o recinto como novo torreiro de festas, espazo deportivo, aparcamento, etc.

“O seguinte paso será dotalo de equipamento deportivo e de xogos para que sexa un verdadeiro lugar de ocio e recreo para a veciñanza, paralelamente poderá servir como recinto para as festas ou aparcamento, tal e como funciona a día de hoxe o Torreiro de Priegue'”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a gran vantaxe de que se atope nun “punto neurálxico” da parroquia (ao carón da Igrexa de Santiago de Parada) e de fácil acceso. “Sen dúbida, será unha nova infraestrutura que dará moita vida á parroquia ao poder empregarse como lugar de xogo para os nenos, recinto de festas con amplitude suficiente, etc”, conclúe o rexedor.

O Rosal aproba as subvencións para as traídas de augas veciñais

0

O pleno do Rosal aprobou ás bases da convocatoria de subvencións ás traídas de augas veciñais, coa que se ofrecen axudas económicas para financiar ata o 80 % do orzamento presentado para melloras das súas instalacións, sempre e cando este non supere os 5.000 euros, cantidade máxima a recibir por traída.

Poderán presentarse a estas subvencións todas as comunidades que desenvolvan a súa actividade no Rosal. O obxecto da axuda comprenderá a adquisición de materiais, ou equipamentos, e inversións para mellorar instalacións de sistemas de captación de augas (fontes, pozos…), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP de Pontevedra. Esta convocatoria tamén estará publicada na páxina web do Concello. As solicitudes presentaranse no Rexistro electrónico do Concello.

Esta subvención é unha acción máis dentro do compromiso do Concello coas traídas de augas veciñais. A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, explica que tamén se ofrecen axudas económicas para financiar as análises de potabilidade obrigatorias en fontes e pozos, así como, soporte para calquera reparación urxente a realizar.

Sanidade establece o nivel máximo de restricións en Baiona

0

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola Covid-19, vén de acordar, na súa xuntanza desta tarde, o nivel máximo de restricións para os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro, Monterroso, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Así mesmo, tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Cambados, Boiro, O Barco de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Ames, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ortigueira, A Laracha, Betanzos, Sada, Padrón, Teo, Cee, Pontedeume, Lugo, Chantada, Monforte de Lemos, Ourense, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Pontevedra, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vigo, Melide, Carballo, Fisterra, Oleiros, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Avión, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Marín, Poio, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Barro, Portas, Valga, Vilaboa, Salvaterra de Miño, Tui, Xove e Palas de Rei.

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos seguintes  concellos: Beariz, Boborás, Caldas de Reis, Maceda, Mondoñedo, Oroso, Pereiro de Aguiar, Pontecesures, Sarria, Silleda, Vilalba, Vilamartín de Valdeorras, Vimianzo, Bergondo, A Capela, Carnota, Cedeira, Corcubión, Coristanco, Curtis, Narón, Outes,  Rianxo, Celanova, Coles, Monterrei, Pobra de Trives, Riós, A Rúa, Arbo,  Cangas, A Lama, Ponteareas, As Neves, As Pontes, Arzúa, Tomiño, Ribadumia, Boqueixón, Laxe, Miño, Muxía, Oza-Cesuras, Neda, Touro, Tordoia, Cospeito, Outeiro de Rei, Xinzo de Limia, Catoira, Cuntis, Mondariz, Salceda de Caselas e Esgos.

Os restantes  concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 7 de agosto.

Continúan a bo ritmo os traballos de roza nas diferentes parroquias de Redondela

0

Os traballos de roza que o Goberno local de Redondela desenvolve nas parroquias do municipio dende o día 1 de xuño, continúan a bo ritmo centrándose, nestes días nas parroquias de Cedeira e Reboreda (esta última xa ao 50 %) para, unha vez rematados, iniciar as labores en Chapela, Transmañó e Quintela, as tres últimas parroquias que quedarían por rozar.

Cómpre salientar que, por primeira vez, os traballos de limpeza e rozado non os realiza unha empresa externa, senón que o Goberno local optou pola contratación de veciñas e veciños en situación de desemprego a través do Plan Concellos e por medio da Oficina de Emprego. Este sistema permitiu, por unha banda, unha axilización no proceso de contratación e, por outra, dar unha saída a desempregadas e desempregados do municipio.

A alcaldesa Digna Rivas fixo un chamamento á comprensión da veciñanza porque, lembrou, “son 13 parroquias e, como ben se pode comprender, non se poden facer todas ao tempo”. Ao mesmo tempo, Rivas lembrou que “desta vez comezamos polas que o ano pasado, foron as últimas”.

Asemade, a rexedora local redondelá fixo fincapé no feito de que “nunca antes se comezaran os traballos de roza con tanta antelación xa que o día 1 de xuño poñíanse en marcha cando, os anteriores gobernos, non comezaban ata o mes de xullo”.

Os as labores son desenvolvidas por tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con maquina rozadora a pe e dous operarios/as de limpeza de cunetas e recollida de maleza. “A veciñanza –explica Digna Rivas– transmitiunos a súa satisfacción polo traballo que se está a realizar non só no referente á roza en si, senón tamén á recollida posterior dos restos”.

Amais das tres brigadas que actualmente traballan nas labores de roza, unha cuarta –desta vez contratada a través dunha empresa– encargarase do traballo de mantemento co fin de manter limpos as estradas e camiños durante moito máis tempo. Esta brigada de reforzo ou mantemento, foi posta en marcha o pasado ano “cun resultado máis que satisfactorio”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas.

A Guarda suspende as celebracións tradicionais das Festas do Monte da Guarda debido á incidencia da crise sanitaria no municipio

0

A Subdelegación do Goberno vén de informar dos criterios de actuación e colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil durante as Festas do Monte de A Guarda, tras a celebración dunha Xunta Local de Seguridade na que participaron representantes da corporación municipal, da policía local, da Garda Civil e da propia Subdelegación do Goberno co obxectivo de establecer os criterios de seguridade durante esta semana festiva.

Tal e como xa avanzara o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, a celebración destas festas “terá este ano un carácter reducido debido á incidencia da crise sanitaria na localidade”. É preciso lembrar que A Guarda está en situación de risco alto segundo as últimas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia.

As festas, polo tanto, limitáranse a actuacións de animación na rúa e ao peche do centro da vila de 21 h a 01 h, co obxectivo de que a xente poida desfrutar tranquilamente das actividades musicais programadas, así como da hostalaría.

O domingo, día da tradicional subida ao Tegra, non poderá accederse ao monte, cuxos accesos permanecerán pechados desde a noite do sábado. Así mesmo, queda suspendido o gran desfile de bandas mariñeiras, así como a tirada de fogos pirotécnicos desde o porto.

Pola súa banda, Policía Local e Garda Civil prestarán especial atención e vixilancia á posible celebración de botellóns. Para evitar as agrupacións de xente e o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, sinalizaranse e prohibiranse os accesos a aquelas áreas nas que tradicionalmente adoita concentrarse a mocidade para beber.

Ademais, a agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a vixilancia de consumo de drogas e alcohol ao volante coa realización de controis móbiles. Esta medida ten ademais un obxectivo disuasorio ante a posible chegada de xente doutras zonas para participar nos botellóns.

O alcalde incidiu na “máxima colaboración ofrecida polas bandas” e apelou á responsabilidade individual durante estes días festivos. Os integrantes da Xunta Local de Seguridade fixeron tamén un chamamento á veciñanza para maximizar as medidas de protección fronte ao virus co obxectivo de gozar con seguridade de todos os actos programados.

Concello de Salceda e Ministerio de Educación asinan un convenio para desenvolver o programa de formación aberta ‘Aula Mentor’

O Concello de Salceda de Caselas e o Minsterio de Educación veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá desenvolver o programa de formación aberta denominado ‘Aula Mentor’. Cómpre lembrar que dende o 2014 o Concello de Salceda de Caselas formaba parte da rede de Aulas Auxiliares, pasando agora a ser titular da Aula Mentor e formando parte así da estrutura orgánica básica do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

O convenio asinado terá unha vixencia de 4 anos prorrogables e a Concellería de Emprego e Formación, que xestiona a alcaldesa Verónica Tourón, subliña “a importancia de formar parte destes programas avanzados de educación a distancia, tanto de ensinanza regrada como non regrada”.

A Aula Mentor é un recurso que pretende impulsar e mellorar as competencias persoais e profesionais das persoas adultas, promovendo a cultura e a participación da cidadanía no uso sostible das Tecnoloxías da información e as comunicacións. Hai que destacar que é unha formación aberta onde non existen requisitos de acceso e proporciona unha oferta formativa de carácter non formal moi ampla que se adapta as necesidades de conciliación laboral e familiar da poboación adulta.

A Aula Mentor do Concello de Salceda ten as súas instalación físicas e o equipamento tecnolóxico no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, co fin de dar soporte a esta formación a distancia. Ademais disporá de dúas persoas administradoras que asistirán ás persoas usuarias nas necesidades telemáticas para a realización dos cursos, e á orientación e información nos procesos de matriculación e a organización das probas de avaliación que serán presenciais.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, subliñou que “ás administracións públicas correspóndenos o deber de promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas, obtendo as correspondentes titulacións”. Polo tanto, engade a rexedora local “está é unha oportunidade sobre todo para aquelas persoas mozas e adultas que abandonaron ou tiveron que deixar o sistema educativo sen ningunha titulación”.

Vila Nova de Cerveira conta episódios da História através da arte do crochet

‘O Crochet sai à Rua’ … em Cerveira (2021) já está espalhado pelo centro histórico, até ao final de outubro. Este ano, comemoram-se os 700 anos da Fundação de Vila Nova de Cerveira, contando episódios da História através da arte do crochet!

[su_image_carousel source=”media: 42444,42443,42445″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Um dos destaques é a assinatura do Foral de Vila Nova de Cerveira pelo Rei D. Dinis!!! No total, 13 cenários nos que há reis e rainhas, casamento e mercado medieval e muitas surpresas…

Um conjunto de trabalhos realizados por colaboradores municipais envolvidos, juntas de freguesia, duas IPSS’s, comunidade e comerciantes!

Salvaterra de Miño presenta unha ‘Festa do Viño do Condado do Tea’ adaptada á normativa COVID

A pesares da situación sanitaria que restrinxe de forma considerable a celebración de actos e celebracións, o Concello de Salvaterra de Miño non quere deixar pasar a ocasión para celebrar a Festa do Viño do Condado do Tea, a súa festa por excelencia, declarada de Interese turístico de Galicia e que, neste ano, estará totalmente adaptada a normativa COVID.

En todo caso o programa no presenta innovación alguna respecto a edicións anteriores e xirará, polo tanto, en base a cinco piares, a Cata á procura dos viños deliciosos do ano, o Túnel do viño, Catas comentadas, Visita ás adegas e diversos concertos.

As actividades desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de agosto. Así o túnel do viño arrancará o venres pola mañá ata o domingo nas instalacións do Museo da Ciencia do Viño; durante ese fin de semana os participantes poderán degustar os viños das 27 adegas que participan da subzona do Condado do Tea e dos espumosos da DO Rías Baixas. Durante os mesmos días todos aqueles que queiran poderán desfrutar das catas comentadas que ofrecerán 14 das adegas participantes na Casa do Viño.

Tamén nesa fin de semana seis adegas que participan na Festa ofrecen a posibilidade de visitas as súas instalacións con degustación de viño incluída.

Todas as persoas que queiran participar nalgunha das actividades que se realizan en torno a Festa do Viño do Condado do Tea terán que inscribirse previamente.

O sábado 28 levarase a cabo a cata á procura dos viños deliciosos do ano.

A música chegará da man dos concertos da Banda Crebinsky o venres; o sábado será a quenda de Susana Seivane e o domingo pecharase co concerto de A Roda. Todos os concertos celebraranse na praza do Concello.

O Concello opta por unha aposta segura, lonxe de innovación e apostando por unha programación que, dende hai anos, da un bo resultado aínda que, esta vez, adaptada ás restricións sanitarias vixentes.

O Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa Asociación Solidariedade Galega do Pobo Saharauí

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que a administración local se compromete a destinar 6.000 euros ao programa ‘Axuda alimentaria para a poboación refuxiada Saharauí en Tindouf (Alxeria)’, co cal se pretende dar solución á falta de alimentos básicos nos campos de refuxiados desa zona alxerina.

Ata o comezo da pandemia, o Concello de Ponteareas colaboraba co programa da Vacacións en Paz, co que moitas nenas e nenos pasaban o verán con familias do municipio. A COVID imposibilitou estas activades, polo que se decidiu destinar a mesma cantidade de cartos a tratar de contrarestar a difícil situación coa que conviven as persoas refuxiadas.

Nos campos de Tindouf as persoas máis vulnerábeis representan o 88 % dos 173.600 refuxiados. A isto hai que engadir que a taxa de anemia entre as mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou até superar o 73 %, como a porcentaxe de malnutrición entre as persoas menores de 5 anos, que se aproxima ao 25 %, así como tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e alta presión sanguínea arterial.

O Rosal acolle un dos espectáculos o programa ‘Coñece o teu camiño’

O Concello do Rosal acollerá, o vindeiro sábado, 7 de agosto, na Praza do Calvario, un dos seis espectáculos do proxecto Coñece o teu Camiño, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil a cargo de Barafunda Animación centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional que correrá a cargo da Asociación Folclórica Corisco, a Banda de Gaitas Xarabal e a Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas.

A xira continuará no Pazo da Crega de Barro o sábado 28 de agosto, o Auditorio de Portas o domingo 29 deste mes e o Auditorio de Catoira o sábado 4 de setembro para finalizar ao día seguinte na Alameda Talo Río de Soutomaior.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e representantes da Asociación Cultural Interfolk, promotora desta actividade, presentaron onte as datas, os lugares e o contido destas actuacións no edificio administrativo de Campolongo.

“Dende a Xunta de Galicia estamos absolutamente comprometidos co Xacobeo 2021-2022 tanto pola súa importancia intrínseca como polo seu enorme valor como ferramenta de reactivación socioeconómica pola crise sanitaria da covid-19. Por elo, estamos a difundilo e a estendelo por todo o territorio da nosa comunidade, con máis de 400 eventos dende o pasado ano, para universalizar aínda máis o Camiño de Santiago e seguir favorecendo que os galegos sintan o Ano Santo como algo propio e que forma parte da nosa identidade”, sinalou o representante autonómico, que agradeceu ao colectivo Interfolk o esforzo e a calidade do seu espectáculo.

A Xunta de Galicia, a través da colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, impulsa esta iniciativa que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nas rutas xacobeas e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra ao longo deste mes.

Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas e cumprirán os protocolos de protección e seguridade sanitaria fronte á covid-19 incluíndo control de accesos e aforos, rexistro de asistentes, medidas hixiénicas e emprego de máscaras, entre outras.

Nigrán ofrece este xoves ‘Días Felices’, na Carrasca

0

O Concello de Nigrán, en colaboración co ‘C.C.D. Bolos da Carrasca’, ofrece este xoves 5 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Carrasca a obra ‘Días Felices’ da compañía local ‘Teatro do Ar’. Adicionalmente, o venres 6 ofrecerá o concerto de Argonat Band ás 22:00 horas. O consistorio programa ambas actuacións para suplir a non celebración este ano da ‘Semana Cultural’, evento que a entidade suspendeu por precaución sanitaria.

O grupo de mozos e mozas de Teatro do Ar presentan unha comedia propia para todos os públicos baseada nun mundo distópico no que desapareceu a risa. A obra, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar,  mostra a busca do pallaso Trombón, que  traballa nun tanatorio da risa. “É unha forma de reflexionar desde a comedia da necesidade de sermos un mesmo e de ser conscientes da nosa identidade”, explica o autor. A música en directo, a cargo de Lucía Doval, tamén forma parte importante da identidade desta obra.

O Museo Diocesano de Tui reabre as súas portas para visitar o patrimonio que custodia

0

Dende hoxe mércores, 4 de agosto, poderá volver visitarse o Museo Diocesano de Tui –en horario de 11 a 14 h e de 18 a 20 h de luns a venres–, grazas ao acordo acadado entre o Concello de Tui e o Bispado da Diocese de Tui-Vigo. O donativo para a entrada é dun euro.

O Museo Diocesano, situado no antigo Hospital de Pobres e Peregrinos, na praza do Concello, custodia valiosas pezas do patrimonio tanto de Tui coma da comarca do Baixo Miño.

Destacan os Sambenitos atopados nos anos 80 na Catedral de Tui, pezas destacadas do patrimonio xudeu tudense, poden visitarse de novo este verán no Museo Diocesano. No terceiro andar do edificio expóñense cinco lenzos cos 14 sambenitos dos que 10 son os orixinais e 4 son copias, xa que os orixinais atópanse agora no Museo Catedralicio.

O Museo Diocesano acolle tamén outras pezas vinculadas á cultura xudía coma é o caso da cruz parroquial do Porriño do século XVII do prateiro converso Joâo de Sousa. Forma parte da colección de pratería onde destaca tamén a cruz parroquial de Mos.

Na visita podemos realizar un percorrido pola historia a través de pezas coma o casco celta do século III-II a.c atopado en Caldelas, xunto a outros elementros atopados en escavacións realizadas na zona, que se atopan expostos na planta baixa.

Posúe o Museo Diocesano unha importante colección de arte sacro procedente das igrexas da Diocese de Tui-Vigo, destacando a pintura renacentista de Juan de Juni da “Virxe co neno”. Tamén conta cunha colección de cadros con retratos de bispos, entre eles Rosendo Salvado.

Ponteareas sube o pano dunha semana chea de teatro coa cuarta edición do ‘Festival Internacional de Teatro de Rúa’

Mañá Ponteareas volverá a subir o pano da cuarta edición do ‘Festival Internacional de Teatro de Rúa’. Unha das actividades máis destacadas dos últimos veráns do concello, e que este ano conta con 14 actuacións que se prolongarán ata o sábado. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destacou o “grande valor artístico” deste festival que “trae a Ponteareas a grupos moi recoñecidos no ámbito teatral, entre eles un catalán, un cubano, e outro arxentino”.

Os escenarios destas representacións serán as rúas de Ponteareas, pero no caso de que chova, as actuacións celebráranse no patio cuberto do CEIP Nosa Señora dos Remedios. Nesta edición o teatro tamén terá gran prensencia a música, xa que os espectáculos itinerantes estarán acompañados das charangas Alecríns, SDK e The Turre’s Band.

O festival comezará mañá martes 4 de agosto ás 19:00 horas, nos Xardíns da Xiralda, co espectáculo itinerante da Compañía Opakar de Catalunya, que percorrerá os Xardíns, a Praza de Bugallal, a Rúa Oriente, a Praza Maior, a República Arxentina, ata rematar na Praza Doutor Fernández Vega ás 19:30. A esa hora no mesmo lugar será a quenda do mago cubano Yimi Mouler, que volverán ceder o protagonismo ás 20:30 a Opakar para que realice o seu espectáculo no sentido contrario, dende Fernández Vega ata os Xardíns da Xiralda.

O mércores o festival comezará de novo ás 19.00 horas co espectáculo de Opakar. Esta vez o recorrido partirá do Paseo Matutino ata o Parque da Feira Vella, pasando por Rogelio Groba, Praza Bugallal, Vidales Tomé, e Emilio Rodríguez. Ás 19.30 as persoas que asistan ao Parque da Feira Vella poderán disfrutar da actuación de circo da Compañía AsacoCirco (Galicia), e dende o mesmo lugar, ás 20.30 horas Opakar volverá a facer outro percorrido teatral ata o Parque das Pombas.

A compañía galega EducaTeatro abrirá a xornada do xoves coa súa actuación itinerante “Ponteareas é un conto”. Comezará ás 19.00 horas no praza Doutor Fernández Vega, e rematará no Parque da Perillana ás 19.30 horas. Momento no que os monicreques da Compañía Micromina Títeres collerán as rendas do espectáculo, para cedelo de novo a EducaTeatro noutro percorrido teatral que rematará nos Xardíns da Xiralda. Lugar onde se pechará ás 21.00 horas o terceiro día do festival co teatro clow da Compañía Pablo Picallo de Arxentina.

As actuación do sábado tamén abrirán o pano ás 19.00 horas co espectáculo “Ponteareas é un conto” de EducaTeatro. Esta vez o percorrido partirá dos Xardíns da Xiralda para rematar no Parque da Feira Vella. Alí, media hora máis tarde, volverán os monicreques da Compañía Micromina Títeres, e ás 20.30 horas, EducaTeatro levará ao público co seu teatro ata a Praza Maior. Lugar que acollerá o peche do festival coa actuación ás 21.00 da Compañía Pakolas.

A Deputación contratará un novo estudo para buscar alternativas ao actual transbordador entre A Guarda e Caminha

0

A Deputación de Pontevedra vai contratar un estudo para reforzar as conexións transfronteirizas no Miño entre A Guarda e Caminha co obxectivo de poñer enriba da mesa alternativas ao actual transbordador e mellorar a mobilidade entre ambas vilas. Unha vez no traballo quede evidenciada a proposta máis viable ambiental e economicamente o AECT Rio Minho buscará fondos europeos para o proxecto.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou este estudo subliñando a importancia “dunha comunicación máis directa que desenvolva e modernice a mobilidade tanto en volume como en frecuencia”. Iso, destacou, faría que as sinerxías entre ambas vilas medrasen, con máis interaccións económicas e una maior integración dos seus núcleos urbanos, aumentando a  oferta de servizos de todos tipo, tanto para as e os residentes como para visitantes. 

A contratación do estudo xurde despois dunha reunión do deputado coas dúas delegacións municipais dos concellos de A Guarda e Caminha, encabezadas polos seus respectivos máximos responsábeis, o presidente da Cámara Municipal de Caminha,  Miguel Alves  e o alcalde de A Guarda Antonio Lomba. Nese encontro analizouse a situació0n de falta de comunicación regular e directa entre ambos concellos, así como a situación do transbordador, que nestes momentos non cubre as  expectativas de comunicabilidade entre ambos concellos e cuxo uso, ademais, está mermado pola pandemia.

No estudo técnico incluirase unha descrición da situación actual e dos problemas e limitacións existentes ademais de recoller información por parte das cámaras e actores institucionais e civís implicados; avaliaranse as posibles alternativas de conexión en función da súa previabilidade técnica, económico-financeira, e de custos- beneficios tendo en conta a alta sensibilidade ecolóxica da zona; e, finalmente, presentaranse as conclusións e as recomendacións para a súa execución, tendo en conta que , polo seu carácter transfronteirizo, a procura de financiamento para este proxecto deberá ser liderada polo AECT Rio Minho, entidade de cooperación territorial que engloba o territorio de ambos municipios e da que é socio a Deputación de Pontevedra.

Aposta pola mobilidade na Estratexia 2030

A mellora da mobilidade entre A Guarda e Camiña supón na práctica desenvolver un dos eixos estratéxicos da Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030,  impulsada polo AECT do Río Miño, para promover fórmulas sustentables de mobilidade local transfronteiriza que crucen o río favorecendo a mobilidade transfronteiriza,  reducindo as emisións de CO2 e apostando por ferramentas e fórmulas de mobilidade local que permitan superar aínda máis os efectos da fronteira con nula ou pouca incidencia no patrimonio natural existente. 

As vilas fronteirizas de  A Guarda e Caminha teñen unha longa historia de relación dende hai séculos. Segundo o estudo de diagnóstico da Estratexia 2030 do Río Minho Transfronteirizo, o 10% do total de desprazamentos fai unha década facíase usando o transbordador ente Caminha e A Guarda. Actualmente este volume veuse reducido polas dificultades do transbordador xunto coa paralización producidas pola pandemia COVID 19, “polo que faise mais necesario aínda, apostar pola conexión entre A Guarda e Caminha para superar a situación de impase producida pola pandemia”, subliña Benítez.

A situación actual de fluxo de visitantes dende o sur, a pé e en bicicleta, que se incrementa coa maior utilización nos últimos anos da rota da costa do Camiño de Santiago por parte de persoas camiñantes e peregrinas, engade ademais un elemento de maior necesidade á realización dun estudo.

A Illa de San Simón acolle o campo de voluntariado da Xunta

0

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladouse hoxe ata a Illa de San Simón para acompañar aos 12 mozos e mozas que desde onte e ata o vindeiro 13 de agosto participan no campo de voluntariado da Xunta.

Durante a visita, a representante autonómica, que recordou que a Illa de San Simón está intimamente vencellada a algunhas das traxedias e avatares marítimos máis relevantes da historia de Galicia e que hoxe representa un enclave único de gran valor cultural e patrimonial, tivo ocasión de coñecer de primeira man as actividades que se desenvolveran neste espazo no marco da campaña “O verán que mereces”.

Un amplo programa de actividades que inclúe visitas interpretativas e teatralizadas polas illas de San Simón e San Antón, mostrando o seu pasado e presente, así como a súa biodiversidade e conxuntos artísticos; labores de catalogación e conservación das instalacións e dos elementos patrimoniais; e de apoio ás actividades culturais.

Asemade, os mozos e mozas terán oportunidade de gozar doutras actividades complementarias iniciándose nos deportes náuticos tradicionais (traiñeiras e bateis) e no baile tradicional galego e coñecendo os usos, costumes e artes tradicionais de pesca da zona, entre outras propostas. 

Estes campos de voluntariado, tal e como sinalou Fernández-Tapias, están orientados a mozos e mozas entre 18 e 30 anos de idade nunha proposta de ocio que aposta pola conciliación familiar e laboral, a formación biosaudable dos mozos e a seguridade sanitaria. Neste sentido, recordou que, por mor da covid-19, se reduciron os aforos das actividades, se reforzou o persoal e se incrementaron as medidas hixiénico-sanitarias.

A oferta da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra, ademais deste campo de voluntariado na Illa de San Simón en colaboración coa Consellería de Cultura e  das catro quendas correspondentes ás actividades medioambientais nas Illas Cíes, complétase cos campos de voluntariado no Camiño Portugués pola Costa, en Oia; A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove; Salvemos o mar: Plásticos cero, en Vilanova de Arousa; o campo itinerante Botarse ao Camiño, que rematará en Santiago; Rural influencers, en Cerdedo-Cotobade; Soutomaior fai Camiño; Tradición en Verde, en Lalín e A Idade do Bronce, en Campo Lameiro, tamén coa colaboración de Cultura. Asemade, promóvense nove campamentos, para mozos e mozas de 9 a 17 anos, nas Sinas (Vilanova de Arousa), Ponte Maril (Forcarei), Albergue Vicente Agulló (Lalín), FervenzAventura (Silleda) –que é a novidade da presente campaña–, Illa de Ons (Bueu), Concello de Mondariz-Balneario, El Kiriko (Fornelos de Montes), Granxa-Escola Albergue de Tomiño e Residencia de Tempo Libre de Nigrán. As prazas de inclusión outorgáronse no Salnés e na Terra de Montes.

Nigrán abre o prazo de solicitude de axudas para material escolar e libros de texto

0

O Concello de Nigrán abre desde este martes 3 de agosto ata o luns 23 de agosto un novo prazo para solicitar axudas municipais en Educación Infantil para a  adquisición de libros de texto ou material escolar no curso 2020/21 (extracto publicado no BOP de onte e penduradas na web municipal en ‘Sede Electrónica’).

Coma en anos anteriores,  a contía máxima  é de 65 euros por cada crianza e mantense o requisito indispensable de que os beneficiarios sexan unidades familiares empadroadas no municipio e con fillos matriculados en centros públicos de Nigrán en Educación Infantil no curso 2021-2022.

Para presentar as solicitudes requírese cita previa no teléfono 986.365.000 no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán, encargado da tramitación.

Os beneficiarios deben estar ao corrente do pago das taxas e impostos municipais e non superar o límite de recursos establecido (toda a información está contida nas propias bases, en Sede Electrónica).

Nigrán comezou esta semana un programa de atención a persoas con problemas de saúde mental

0

O Concello de Nigrán arrancarou desde este luns, de xeito pioneiro, co programa ‘Achego’ da asociación de saúde mental Avelaíña, coa particularidade de incorporar de xeito pioneiro en Galicia a figura do “asesor persoal” para que aqueles veciños que viven sos manteñan a súa autonomía. O obxectivo desta iniciativa integrada no programa ‘Un Nigrán para todos’ é evitar a súa institucionalización suplindo a ausencia de lazos familiares ou veciñais mediante un referente para eles que lles facilite o acceso a uns servizos básicos e a unha vida comunitaria. O Concello ten consignados 7.857€ para que funcione durante todo este ano e no 2022 fará o correspondente.

“Queremos que as persoas con problemas de saúde mental que viven soas ou ás que de pronto lles falten os seus titores teñan un referente que supla esa ausencia para garantirlles unha vida autónoma e integrada na sociedade”, explica o alcalde, Juan González, a quen precisamente proxenitores maiores lle trasladaron esta inquedanza polo futuro dos seus fillos. “Son persoas que teñen problemas de saúde mental pero que poden vivir perfectamente de xeito independente se lles facilitamos un apoio, ou tamén persoas que viven cos seus pais moi anciáns e que, de pronto, deben afrontar a vida sen eles”, explica González, quen incide en que “se trata de evitar o seu ingreso en residencias ofrecendo un mínimo de axuda”.

Segundo a prevalencia dun 16% deste tipo de doenzas en Galicia, Nigrán contaría con 2.880 persoas que sufren algún problema de saúde mental (moitos sen diagnosticar) e, oficialmente, 443 dispoñen dun certificado de discapacidade ao respecto, rexistrándose no 2019 un total de 2.158 consultas de psiquiatría de veciños do municipio. Sen embargo, os propios técnicos de Avelaíña subliñan que a pandemia e os confinamentos e consecuencias laborais asociadas teñen aumentado de xeito alarmante na poboación os problemas de ansiedade, medos, apatías, incertezas, cambios emocionais…

Ante esta realidade preocupante, a partir do luns 2 de agosto este servizo municipal formado por unha psicóloga e unha traballadora social comezará a operar inicialmente no Centro de Información á Muller (Estrada pola Vía, 69) con atención directa os luns e mércores de 8:30 a 14:30 horas e posteriormente se trasladará a unha oficina nas antigas casas dos mestres de Vilameán, cuxa reforma como centro social para os maiores comezará nas vindeiras semanas.

A entidade sen ánimo de lucro Avelaíña centrarase inicialmente na liña 1 do seu programa ‘Achego’ como punto de arranque para desenvolver outras iniciativas ao tempo que deseña e analiza os casos axeitados para recibir o servizo de “asistente persoal’.

“O equipo de intervención psicosocial funcionará como unha sala previa á Unidade de Saúde Mental sendo os referentes da poboación e traballando coordinadamente cos Servizos Sociais do Concello, Atención Primaria, Xulgados, etc.”, inciden desde Avelaíña, onde sinalan a dispersión poboacional e dos servizos terapéuticos como un dos principais problemas en Galicia para recibir unha asistencia correcta en saúde mental. “O máis importante é actuar de xeito temperá e rápido para evitar un maior sufrimento á persoa e á súa contorna e poder mellorar a situación”, explican. Neste sentido, as perspectivas non son nada favorables xa que, segundo diversos estudos, as consecuencias psicolóxicas desta pandemia manifestaranse nas persoas máis vulnerables en forma de estrés postraumático, trastorno obsesivo compulsivo, fobias, hipocondría, traumas, etc. “Por iso este servizo é máis urxente que nunca”, conclúe González.

Así, esta unidade de apoio comunitario ofrecerá información e asesoramento persoal, apoio psicolóxico tamén para os coidadores, rehabilitación específica para actuar no aspecto deteriorado de cada quen (estimulación cognitiva, autocontrol e manexo do estrés, adherencia ao tratamento…) e, finalmente, promoverá hábitos saudables entre a poboación. 

Gondomar pospón a celebración da III edición de Gladiator Kids

0

As concellerías de Xuventude e Deportes, dirixidas por Nuria Lameiro, anunciaron o cambio de data para a celebración deportiva familiar da proba Gladiator Kids, prevista para este sábado 07 de agosto, ao próximo 16 de outubro “confiando que entón a situación sanitaria do concello sexa moito mellor que a actual”.

O alto número de participantes, un total de 400, así como o número de familiares que os acompañen fan difícil garantir o respecto de aforos ao ser unha proba que cobre un percorrido con diferentes obstáculos. Co fin evitar aglomeracións de persoas tómase a decisión de trasladar a proba ao próximo 16 de outubro, a partir das 16.30 horas.

A organización respectará todas as inscricións actuais e só se retirarán aquelas cuxos participantes avisen de non poder asistir como consecuencia do cambio de data da celebración da III edición de Gladiator Kids.

A IX edición do Festival Groba converterá a Ponteareas na capital galega da música de cámara

Ponteareas, un ano máis, converterase na na capital galega da música de cámara entre o 14 e o 20 de agosto coa IX edición do Festival Groba –en homenaxe do mestre Rogelio Groba–, que onte se presentou na Casa do Concello ponteareá. Durante estes días, preto dunha decena de intérpretes de todo o mundo compartirán a súa arte en distintos espazos do municipio, tanto ao aire libre como no auditorio municipal.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destacou que este evento “democratiza a alta cultura”, e xa forma parte do “ADN de Ponteareas”. O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, apoia con todos os medios dispoñíbeisun festival que este ano, debido á crise sanitaria, “é máis importante ca nunca”. “Estou segura de que a música axudará a mellorar a nosa saúde mental e cultural”, destacou Cristina Fernández, ao tempo que felicitou a Orquestra de Cámara Galega polo seu “gran traballo” na organización do festival.

O director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, agradécelle ao Concello, á Deputación de Pontevedra, e á Xunta de Galicia, a súa aposta pola música e pola alta cultura. “Ponteareas é a vila das flores do Corpus, pero tamén das flores sonoras”, afirmou durante a presentación dun evento que traerá ao municipio “artistas de gran recoñecemento internacional”. Entre as propostas musicais que soarán entre o 14 e o 20 de agosto tamén haberá de compositores galegos, tomando especial atención a obra do mestre Rogelio Groba, que as seus 92 anos continúa compoñendo e xa suma 721 pezas.

Durante o acto tamén estiveron presentes a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, que quixo felicitar a organización polo “gran cartel acadado”, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que resaltou a labor do festival para glorificar a figura de Rogelio Groba Groba, un músico “moi admirado en Galicia e en toda España”.

A entrada ás actuación é de balde, pero as persoas que queiran aistir poderán facer as súas reservas na plataforma: https://www.eventbrite.es/

Esgotadas as prazas dos “Bosques terapéuticos” para agosto

Mergullarse na natureza da provincia segue a ser unha das opcións de ocio e turismo máis demandadas. Tantas son as ganas de todas e todos por sentir as fragas de Pontevedra provincia que o programa da Deputación “Bosques terapéuticos” xa ten esgotadas as 195 prazas que ofrecía no mes de agosto para desfrutar de trece rutas que percorrerán nove espazos naturais da provincia. Ademais, todas elas contan unha ampla lista de agarda.

As saídas de agosto comezaron no concello de Pontevedra cunha ruta polos Salóns do Lérez o pasado domingo, á que se sumará outra saída polo mesmo escenario o 28. O programa chegará tamén ao parque do Monte Aloia, en Tui, o día 6, así como ao espazo natural Arco da Vella, na parroquia viguesa de Bembrive, os días 7 e 22. Ademais, tamén se somerxerá en Cabo Udra, en Bueu, con dúas visitas os días 8 e 27; na ruta da Pedra e da Auga do concello de Meis o día 13 e no Bosque da Picaraña, situado no concello de Ponteareas, o día 14. Para completar a oferta a Deputación tamén ten programadas rutas polo Sendeiro Azul do río Verdugo, en Ponte Caldelas, o día 15, pola Senda do Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, os días 20 e 29 e pola Fraga de Catasós, en Lalín, o 21.

Cada unha das rutas de “Bosques terapéuticos” ten un tema central deseñado segundo as características e valores de cada espazo, o que as fai únicas. Con elas se anima á poboación a gozar dunha experiencia cultural, sustentable, terapéutica e enriquecedora na que se prima a propia experiencia das persoas coa natureza e a interpretación do patrimonio.

Máis rutas en setembro

Os baños de bosque volverán en setembro con outros sete percorridos aos que poderán acudir un total de 105 persoas. Comezarán cunha ruta polo Monte Aloia, o día 4, e continuará polo sendeiro do río Verdugo, os días 5 e 19. O almanaque do vindeiro mes encherase tamén con dúas visitas á Fraga de Catasós, os días 11 e 25, unha actividade pola ruta da Pedra e da Auga, o día 12, e unha ruta pola Senda do Almofrei, o 18.

O Parque das Pombas recupera a súa cafetería

O Parque das Pombas de Ponteareas recupera a súa cafetería. O Concello acaba de adxudicar a explotación do servizo, e o local abrirá as súas portas proximamente tras unhas obras de mellora das instalacións. O novo concesionario abonará 500 euros ao mes, o dobre da cantidade mínima esixida no proceso de licitación. Foi a mellor proposta das cinco presentadas.

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, destaca que esta cafetería é un “servizo de interese social moi demandado polas persoas usuarias do Parque das Pombas”. Por iso, dende que o anterior concesionario renunciou a súa explotación en 2019, o Concello non deixou de traballar para que volvera estar activa.

A reapertura da cafetería únese á recente transformación da rúa Redondela, e contribúe a dotar de máis atractivo a estes espazos, agora conectados co centro urbano a través dun “traxecto amábel e de calidade”, afirma o concelleiro. O edil destaca que o novo servizo será unha fonte de ingresos “razoábeis” para o Concello. Agora ingresará 500 euros ao mes, o que supón 6.000 euros ao ano, 10 veces máis ca os 600 que se obtiñan na anterior adxudicación. A duración do contrato tamén é máis limitado, 10 anos, fronte aos 30 que lle correspondían ao anterior adxudicatario.

A concesión do servizo supón, ademais da contía mensual, a adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes, e dotar de auga quente os aseos e a cociña.

Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.

O PSdeG-PSOE de Salvaterra de Miño renova a súa executiva

O PSdeG-PSOE de Salvaterra de miño celebrou esta pasada fin de semana Asemblea extraordinaria para elixir aos componentes da nova executiva que chega co claro obxectivo “de apuntalar o traballo do grupo municipal”.

A executiva, apoiada polo 100 % dos e das militantes presentes na Asemblea, queda distribuída conformada por Maximino Ledo como presidente; Félix González, secretario xeral; Rocío Bernárdez, secretaria de Organización; María Pérez, secretaria de Política Municipal; Alberto Rodríguez, secetario de Acción Electoral e Alicia Domínguez, secretaria de Igualdade.

Con estes nomeamentos, explican as e os socialistas de Salvaterra, conséguese “o equilibrio entre veteranía, xuventude e renovación, xa que, parte dos seus membros nunca ocuparan cargos de responsabilidade na agrupación local”.

Entre os postos da executiva cabe destacar a creación, por vez primeira na agrupación, do cargo de presidente, posto que ocupará un veterano dos socialistas de Salvaterra como é Maximino Ledo.

Segundo Félix González, novo secretario xeral, a executiva saída desta asemblea extraordinaria está pensada “para impulsar o traballo do grupo municipal formado por catro concelleiros, en coordinación coa agrupación local co fin de chegar a mais xente”

“E necesario abrir o partido ao resto da cidadanía, e ir sumando ao proxecto dos socialistas de Salvaterra mais xente comprometida do noso Concello”, remata González.

O Rosal prosege a súa loita pola mellora da súa atención primaria

O Rosal non abandona a súa loita para denunciar o desmantelamento do servizo de atención primaria no municipio. Hoxe, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal, representada pola Alcaldía, a concellaría de Sanidade, todos os grupos municipais, persoal médico sanitario, e o tecido asociativo do concello, fixo entrega das súas demandas na Delegación da Xunta en Vigo. Este documento contaba con máis de 1.200 firmas de veciños e veciñas do Rosal que subscribían cada unha das denuncias e demandas formuladas pola Plataforma.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, encabezou a presentación deste documento. “Nel solicitamos unha ampliación de persoal sanitario que vaia acompañado de melloras en termos de infraestruturas e equipamento”, afirma. A alcaldesa denuncia que o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente polas deficiencias nas instalacións e a falta de medios persoais. Hoxe mesmo só había un médico dispoñíbel para atender citas de receitas cun mes de demora.

A situación agravouse de xeito importante durante a pandemia. Sanidade desprazou á Guarda o servizo de pediatría, pechou a consulta de San Miguel, e non corrixiu a carencia de espazo e de dotación material do Centro de Saúde. Ademais, a implantación da atención telefónica supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite ao enfrontarse a unha multiplicación da carga de traballo e a unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo. Esta situación fai que no Rosal o persoal atenda a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS.

Para corrixir esta situación a Plataforma demanda un servizo de pediatría no Rosal, a recuperación da praza de matrona, a substitución das baixas e vacacións do persoal sanitario, a atención presencial dotando ao persoal dos medios adecuados, a creación dunha praza máis de persoal médico e dúas de persoal de enfermaría, e melloras na dotación de infraestruturas, espazos, e equipamentos precisos para unha atención de calidade.

Comeza a prestar actividade o Servizo de Atención Temperá agrupado de Salvaterra, Arbo e Crecente

A agrupación de Concellos formada por Salvaterra de Miño, Arbo e Crecente, beneficiarase do servizo de atención temperá que esta semana bota a andar. Prestará os seus servicios á poboación de 0 a 6 anos, ás súas familias e ao seu entorno co obxectivo principal de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan as nenas e nenos con trastornos no seu desenvolvemento, ou que teñen risco de padecelos, a través de tratamentos globais e individuais impartidos por un equipo multidisciplinar.

A unidade, integrada na Rede Galega de Atención Temperá, está formada por un equipo especializado composto por tres profesionais do ramo da psicoloxía, fisioterapia e logopedia e as usuarias e usuarios serán derivados polos servizos de saúde do SERGAS.

Trátase, explica a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, “de achegar un recurso de tanta importancia e de calidade á infancia da poboación rural”.

Os concellos apostan por este modelo baseado na prevención, na identificación e tratamento precoz, co fin de dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estas e estos menores.

No caso de Salvaterra, a atención levarase a cabo os martes en horario de 9.00 h a 14:30 h e os xoves, de 9:00 h a 14:30 h e de 16:00 h a 18:00 h, ubicándose no propio edificio do Concello.

A unidade de atención temperá conta co apoio apoyo da Xunta de Galicia financiando o 90 % do seu custo e o resto finánciase con achegas dos distintos Concellos participantes, non supoñendo custo algún para as familias usuarias da mesma.

Continúa o procedemento xudicial contra a Comunidade de Montes de Tameiga

0

A audiencia previa practicada perante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 2 do Porriño, dentro do procedemento xudicial establecido entre un grupo de empresas situadas en terreos do municipio de Mos, en Monte Faquiña e a Comunidade de Montes de Tameiga, concluíu sen acordo e o procedemento segue o seu curso, con data para xuízo o dia 23 de novembro de 2021.

Segundo explica o Equipo Xurídico que defende a estas empresas “a audiencia previa tiña por obxecto buscar unha vía de diálogo coa Comunidade de Montes co fin de poder chegar a un entendemento amigable coa mesma. Con todo, os representantes da Comunidade de Montes de Man Común de Tameiga néganse a negociar acordo algún polo que o trámite xudicial concluíu sen achegar posturas. Con estes aumentos abusivos dos canons ou alugueiros que se pretenden sobre empresas que realizaron investimentos millonarios en instalacións e obras de carácter público e coas que tamén pretende quedar a Comunidade de Montes, desprezando os acordos, pactos e compromisos que os empresarios levaran a cabo coa anterior Administración titular, poden estar en perigo miles de postos de traballo e traslado das empresas a outros lugares”.

Por iso, o procedemento xudicial segue o seu curso ao non recoñecer tales dereitos e, mesmo, nalgún caso, negar os acordos e compromisos que a Xunta Reitora levou a cabo con algún dos empresarios, que procederon a facer tales investimentos baixo a seguridade dunha prolongación nos prazos tales concesións.. No seu momento, os empresarios chegaran a acordos e pactos co Concello de Mos, anterior titular, que xestionaba os terreos, ata que unha sentenza xudicial anterior fallou que os mesmos pertencían aos comuneiros e non á institución local.

Os empresarios non queren ningún trato de favor, senón que se recoñezan os pactos e acordos anteriores e que a subida dos alugueiros e/ou canons fáganse non de forma abusiva senón atendendo á situación do mercado e ás propias normas que rexen nun Estado de Dereito que busca a ponderación e o equilibrio para manter a estabilidade e seguridade dos postos de traballo, os investimentos e o desenvolvemento sostido e cumprindo as esixencias de protección do medio ambiente e integridade do monte veciñal.

A V Feira do Peregrino celébrase en Tui o 4 e o 5 de setembro

0

O sábado 4 e o domingo 5 de setembro celebrarase en Tui a V Feira do Peregrino cun programa de actividades destinado a potenciar o Camiño de Santiago Portugués.

A feira está organizada por ACITUI, Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, a Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Tui e a Asociación Turismo Cidade de Tui , coa colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Iacobus e AGACS. 

Na presentación deste evento, o pasado venres, participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Comercio, Ana María Núñez; o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco; vicepresidente da Asociación Turismo Cidade de Tui, Miguel Martínez, e o historiador Alfonso Ferreira. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradecía na presentación o labor de ACITUI na organización desta feira. Un evento que cualificaba coma “un instrumento máis dende o seu nacemento para traballar por seguir pondo en valor e seguir defendendo o Camiño Xacobeo ao seu paso por Tui”. Un evento que “este ano seguirá crecendo tras a pandemia e que vai a ser un rotundo éxito polo moito traballo que ten detrás para conseguir que sexa un referente máis alá do noso concello”. 

Pola súa banda o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, salientaba que “este proxecto naceu no ano 2016 co obxectivo de potenciar o Camiño de Santiago Portugués histórico que discorre pola cidade de Tui”. Lembraba amais que no pasado mes de marzo inauguraron un monumento en forma de vieira na Praza de Galicia “demostrando que o Camiño Portugués está máis vivo ca nunca na cidade, un gran traballo para que este camiño non se esqueza”.

Miguel Martínez, representante da Asociación Turismo Cidade de Tui explicaba que “con esta Feira do Peregrino tratamos de loitar o máximo posible polo Camiño Portugués, motor económico importantísimo de Tui”. Un camiño que “trataremos de impulsar con esta quinta edición da Feira do Peregrino, estando ademais nun ano Xacobeo”.

Alfonso Ferreira, representante de Iacobus Tui Baixo Miño, avanzou as charlas e conferencias previstas sobre o Camiño Portugués. Nelas participarán personalidades tan importantes como Marcela Biserni, experta en camiños  europeos e creadora da iniciativa “The ways of Europe” ou o docente Gonzalo García. Tamén haberá unha charla coloquio co escritor Luís Ferreira, experto especialista no Camiño de Santiago, quen falará das lendas e historias do Camiño portugués, outra co historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela, e ademais o propio Alfonso Ferreira presentará o seu libro “Lembranzas dun peregrino, contos de Lareira”.    Un mercado do peregrino será unha das actividades previstas durante a fin de semana do 4 e 5 de setembro.  No programa figura tamén a celebración dun Forum cun ciclo de conferencias sobre o Camiño de Santiago Portugués coa presenza de diversos expertos. Completan a feira o pregón, unha homenaxe ao peregrino na figura de Cosme de Médici coa escenificación do seu desembarco no embarcadoiro da rúa Olímpicos Tudense, unha misa do peregrino, o concurso de pintura “Ilustra o Peregrino”, xunto a proxeccións audiovisuais, teatro, actividades infantís e unha andaina, forman parte do abano de propostas previstas.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 6 e sábado 7 de agosto

0

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 6 en horario de 10:00 ás 14:00 horas e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 7 de 10:00h ás 15:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Ponteareas acollerá o festival Rogelio Groba entre o 14 e o 20 de agosto

A Xunta de Galicia apoia un ano máis a celebración do festival Rogelio Groba, que encherá Ponteareas de música clásica entre o 14 e o 20 de agosto. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da novena edición desta iniciativa que reunirá preto dunha decena de intérpretes de distintas partes do mundo.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha proposta que ano a ano demostra o potencial de Galicia na música sinfónica e a capacidade creativa neste xénero musical. “É un festival impulsado polo compositor galego egrexio Rogelio Groba, no que cremos desde hai anos, polo que na Xunta de Galicia vimos apoiando cada edición e entre todos garantimos a súa continuidade”, expresou.

Anxo M. Lorenzo enmarcou este novo impulso no traballo que está a facer o Goberno autonómico para potenciar a música clásica na programación do Xacobeo 21-22. Neste sentido recordou que, cun investimento global de 1M€, está a levar a cabo un proxecto de apoio a diferentes orquestras e entidades galegas, entre as que se atopa a Fundación Rogelio Groba. Como expresou, ademais de apoiar este festival, a Xunta colabora este ano “de xeito decidido e extraordinario” con esta orquestra impulsando concertos de cámara en 10 localidades galegas e a edición de dous discos especiais.

Nestas propostas haberá tamén música de compositores galegos, facendo especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e se incluirán accións especiais que poñan en valor os  26 anos na escena musical da Orquestra de Cámara Galega.

Dez intérpretes

A edición do festival deste ano inclúe a participación de preto dunha decena de intérpretes, entre os que se atopan Simone Portes (violín), Kiryl Zlotnikov (cello), Federico Colli (piano), o cuarteto Quartour Mona, Laura Lorenzo (flauta), Alba Reirís (cello) e Spyros Fakiolas (clarinete), entre outros.

Crecente mellorará os sistemas de abastecemento e saneamento cunha achega da Xunta

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de conceder axudas para a mellora dos sistemas de abastecemento e depuración de augas aos concellos da Lama, de Dozón e de Crecente ao abeiro da orde para estas actuacións orientadas aos municipios de ata 5.000 habitantes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación destas achegas, outorgadas por Augas de Galicia, nunha visita realizada este mediodía á Lama xunto ao alcalde, Jorge Canda.

“A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está comprometida coa mellora dos servizos de subministración de auga potable e saneamento, malia tratarse de competencias municipais e por iso establece constantes liñas de colaboración cos concellos, como é o caso desta nova convocatoria, que vai cofinanciar máis dun cento de proxectos en toda Galicia”, explicou Luis López.

No caso da Lama, a achega realizada pola Xunta, que ascende a case 30.000 euros, orientarase á mellora da rede de saneamento no lugar de Laxedo, pertencente á parroquia de Covelo.

Ademais, tamén se investirán máis de 90.000 euros no concello de Crecente, que se destinarán ao reforzo do abastecemento nos lugares das Cavadas e O Cazapal e á dotación de saneamento nas aldeas da Xesta e Xestal.

Así mesmo, o concello de Dozón será beneficiario de dúas achegas, que tamén superan os 90.000 euros e que financiarán a modernización da subministración no polígono industrial e no lugar de Aldea Grande e a redacción do anteproxecto para unha depuradora na Gouxa.

Estas axudas servirán para sufragar gastos realizados dende o pasado 1 de xaneiro e inclúen tanto o investimento directo na execución das obras como os gastos asociados a elas, entre os que poden figurar o control de calidade ou a dirección dos traballos.

Estas achegas están financiadas co eixo React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Primeira concentración solicitando a reapertura do consultorio médico de Goián, en Tomiño

0

Éxito de participantes na primeira concentración organizada pola Plataforma en defensa da sanidade Pública de Tomiño. A concentración celebrouse o pasado sábado 31 de Xullo ás 12:00 horas do mediodía en Goián, reinvindicando mais médicos, mais administrativos e a reapertura do consultorio médico de Goián.

A resposta foi moi impactante, mais de trescentas persoas déronse cita para reclamar aos  Sergas os dereitos dunha sanidade digna. Un acto sencillo que foi presentado por Violeta de Santiago, pertenecente á Plataforma, agradecendo a asistencia a concentración; falou tamén Finucha Troncoso Goianesa,  foi unha das primeiras en recoller firmas en Goián xunto con outras persoas para reinvindicar a apertura de dito consultorio, tamén  como apoio a esta causa e a Plataforma contamos con Jesús Araujo Nores, médico especialista en otorrinolaringoloxía, exdirector de centro do Chuvi, e membro da asociación galega en defensa da Sanidade Pública e da Plataforma SOS Sanidade Pública.

O acto pechouse anunciando que se abre un tempo para recollida de firmas, e anunciose a próxima concentración o vindeiro sábado 7 de agosto, tamén ás 12:00 horas do mediodía na praza do Seixo, en Tomiño. Lembrouse tamén que dende a Plataforma irase informando de tódolos pasos que se van dando: recollida de firmas, actos e reunións co Sergas, entre outros.

[su_image_carousel source=”media: 42342,42340″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Deputación e o Consello Regulador do Mexillón traballan para modernizar o sector

A presidenta da Deputación Carmela Silva vén de recibir á presidenta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Lina Solla, no marco dun primeiro encontro de traballo para estudar vías de colaboración que impulsen e modernicen un sector “onde somos os e as mellores do mundo”. Carmela Silva amosou a boa predisposición da institución provincial para colaborar cos proxectos que está a liderar o Consello para impulsar o crecemento económico e a creación de emprego. “Estou segura que nos imos entender –remarcou a presidenta – xa que compartimos unha visión do mundo que nos dá o feito de ser mulleres”.

“Xa no pasado temos asinado proxectos de colaboración –recordou- e imos, a partir desta primeira reunión, retomar ese traballo conxunto nun momento no que en toda Europa, no Estado e en Galicia, estase a traballar para facer que todos os tecidos produtivos poidan dar un salto cualitativo para seguir avanzando”. Para Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para enxalzar o papel das mulleres do mar na xeración de riqueza e dinamismo económico en Galicia ao longo da historia, o mexillón galego “que se define pola súa calidade, é un dos produtos que máis nos identifica no mundo”.

Neste eido, a presidenta fixo fincapé na necesidade de dotar ao sector do impulso necesario en toda a súa cadea de valor, dende a produción ata a comercialización. Pola súa banda a presidenta do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Lina Solla, quen presumiu do mexillón de Galicia, “o mellor do mundo”, e da “demanda fantástica” do produto, adiantou que “imos facer cousas moi importantes xa que temos moitas iniciativas en marcha, dende melloras de trazabilidade ata portuarias, e queremos impulsar actuacións para minimizar a pegada do carbono e a contaminación das rías”. “Temos que facer unha forte aposta pola calidade porque temos o mellor produto”.

O Sergas incorporará 48 novos ecógrafos

A Xunta de Galicia vén de publicar, na plataforma de contratos públicos de Galicia, despois da autorización do Consello da Xunta, a licitación da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas. Este contrato licítase por un importe total de 5,6 millóns de euros, e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o día 17 de agosto.

O obxectivo desta compra é dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

Con esta contratación renovaranse os ecógrafos de diversos centros sanitarios nas sete áreas sanitarias do Sergas. En concreto, na área de Ferrol, no Arquitecto Marcide; na área da Coruña e Cee, no Hospital Universitario da Coruña, no Materno-Infantil e no Centro de Especialidades do Ventorrilo; en Santiago e Barbanza no Hospital Clínico, no Gil Casares e no Hospital da Barbanza; en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, no Hula; en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no Hospital Cristal, no Santa María Nai e no Hospital de Valdeorras; en Pontevedra e O Salnés, no Montecelo e no Provincial e, en Vigo, no Álvaro Cunqueiro, o Meixoeiro e o Nicolás Peña.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un presuposto de 60 millóns de euros.

Froito dese plan xa se acometeron neste ano outras dúas licitacións: un investimento de 4,3 millóns para a adquisición de 37 equipos radiocirúrxicos (tres deles radiocirúrxicos vasculares) para os hospitais do Sergas e a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias.

Últimos días para inscribirse na carreira pola praia ‘X Nigrán Area’

0

Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor, coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos, Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego, retoman o sábado 7 de agosto a décima edición da ‘Nigrán Area’, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca. O prazo de inscrición remata este martes 3 de agosto ás 23:59 horas.

Despois do parón en 2020, obrigado pola pandemia, volven as probas populares pero facendo un chamamento a responsabiliade colectiva. Nesta ocasión, por parte da organización optouse por unha saída dos maiores moito antes do habitual (ás 10:00 horas) para que os corredores non teñan que cruzarse con paseantes pola praia.

Está aberta a tódalas categorías e terá saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km dende ás 11:00, o sub 14 farán 1500 desde ás 11:15, os sub 12 un kilómetro ás 11:30, os sub 10 percorrerán 300 metros ás 11:40, os sub 8 farán 200 metros ás 11:50 e rematarán a xornada atlética os máis pequenos que farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo e será o protocolo de esta federación o que se terá en conta a hora de tomar medidas contra a covid. Este protocolo obriga a que as saídas sexan escalonadas (máximo 10 atletas e cunha separación mínima de 1,5 m ) e así se desenvolverán tódalas probas da matinal. Na meta ofrecerase máscara e non haberá duchas nen servicio de guardaroupa debido ao protocolo establecido.

Os tempos serán recollidos por chip e farase unha clasificación en función dos tempos que reflicta ese chip que vai na zapatilla.

Terá avituallamente ao remate, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes. De igual xeito entregarase unha camiseta conmemorativa.

As inscricións poden realizarse a través da web da FGA adicada as carreiras populares www.carreirasgalegas.com (acceder a través da sección calendario).

Tomiño consulta a opinión veciñal sobre o seu terceiro Plan de Igualdade

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Tomiño vén de colgar na web municipal unha enquisa dirixida á cidadanía co obxectivo de coñecer a opinión e valoración que a mesma ten sobre as accións levadas a cabo neste eido.

“Dado que é fundamental coñecer as necesidades do noso Concello a fin de articular ferramentas e medidas efectivas de traballo, é de vital importancia a participación de axentes sociais, polo que até o 15 deste mes está a disposición de aquelas asociacións e entidades sociais, deportivas, veciñais, culturais, ANPAS, Comunidades de montes e augas… unha enquisa para que dende ditas entidades e de xeito anónimo participen achegando ideas”, explica a concelleira da área, Cristina Martínez.

A enquisa tenta recadar información sobre que actividades das xa celebradas foron as máis relevantes, como se valora o traballo colaborativo realizado até o momento, que áreas de acción considera prioritarias, etc.

Por mor da precaución e cumprimento das normas sanitarias optouse por este xeito virtual de participación, evitando así os riscos derivados das reunións presenciais.

Trátase de realizar unha avaliación externa do 3º Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes do Concello de Tomiño 2017-2020.

“Dita avaliación contempla unha metodoloxía indagatoria e participativa, polo que precisamos coñecer, de xeito anónimo, a valoración dos diferentes departamentos e axentes sociais que dalgún modo colaboraron e/ou participaron na execución do mesmo. Dende esta perspectiva, a súa colaboración cumprimentando este cuestionario é parte esencial do proceso de avaliación”, comenta a concelleira.

O 3º Plan de Igualdade estruturouse en 3 áreas estratéxicas (sensibilización e participación; emprego e conciliación e eliminación da violencia machista), 9 obxectivos específicos e 42 accións.

A Guarda acolle este sábado un espectáculo de baile e música da Man de “O Fiadeiro”

0

Este sábado día 7 de agosto o Auditorio de San Benito da Guarda será o escenario dun espectáculo de Baile e Música a cargo de “O Fiadeiro” e que terá inicio ás 20:30h da tarde.

As agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos presentan “Danza 3”, un proxecto arredor do folclore que desenvolve tres espectáculos de música e baile tradicional co obxectivo de visibilizar o baile e a música tradicionais de Galicia e achegalos ó público. As 3 asociacións están dedicadas, desde a súa fundación, á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia.

O proxecto reúne as claves que fundamentaron a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes intrinsecamente valioso (o traballo de campo, a compilación de material videográfico, a edición e publicación de discos e monografías baseados neste material, etc.) cos elementos que cabe atopar detrás do concepto de espectáculo: deseño escenográfico, recurso a equipos técnicos de luz e son, elaboración detallada da posta en escena…

Desde o inicio do proxecto no ano 2008, os sucesivos espectáculos de cada agrupación percorreron Galicia coa colaboración das diversas administracións públicas galegas (Consellería de Cultura, AGADIC, Xacobeo), contribuíndo así á difusión e divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia, e proporcionando ao público unha información fundamental para que poida comprender e valorar na súa xusta medida a importancia do noso patrimonio inmaterial.

Debido ao protocolo covid é preciso realizar unha inscrición previa no correo electrónico [email protected] indicando o nome completo dos asistentes e un teléfono de contacto.

Aberto o prazo de inscrición para novas actividades de “Aviventa o Deporte”

O mes de agosto trae consigo novas actividades deportivas do programa provincial “Aviventa o Deporte”. A Deputación abre hoxe o prazo de inscrición para unha nova DepoAndaina que o día 22 percorrerá a senda do río Tea, en Mondariz. Tamén as persoas afeccionadas á BTT poden inscribirse desde este luns na primeira Deporuta de este ano que  atravesará o 29 de agosto a costa da Vela, en Cangas. Igualmente hoxe ábrese o prazo para inscribirse na primeira  de Depo Orienta que se realizará o 5 de setembro polo Monte Galiñeiro, en Gondomar. En todas elas poderán participar ata un máximo de 200 persoas que deberán encher un formulario na web (www.depo.gal) para reservar a súa praza.

Máis polo miúdo, a que será a terceira das DepoAndainas ten un percorrido de 14 quilómetros durante os que as persoas que participen nela poderán gozar da tranquilidade dos camiños e das praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz. Cun percorrido circular e unha dificultade media, a ruta comezará ás 10.00 horas na praia fluvial do Val e o prazo de inscrición na mesma está aberto ata o 16 de agosto.

Para todas aquelas persoas que desfrutan pedaleando a Deputación ofrece tamén a posibilidade de anotarse na primeira Deporuta BTT deste 2021. A actividade contará cun percorrido circular de aproximadamente 30 quilómetros que permitirá mergullarse nun dos enclaves máis senlleiros da provincia: a canguesa Costa da Vela. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse antes do 20 de agosto.

A orientación é outra das disciplinas deportivas que o ente provincial inclúe no seu catálogo estival. As persoas que participen no primeiro Depo Orienta deberán pasar por todas as balizas que a organización da actividade vai distribuír polo Monte do Galiñeiro, en Gondomar, na orde que se indica nun mapa. Para rexistrar cada paso facilitaráselles ás unha tarxeta electrónica e ao rematar a proba daráselles avituallamento. Trátase dunha actividade que poderá realizarse de xeito individual ou grupal, na que haberá distintas categorías e cuxo prazo de inscrición remata o 30 de agosto.

As actividades de “Aviventa o Deporte” continuarán ata o mes de outubro espallando os hábitos de vida saudables por toda a provincia á vez que descobren ás persoas que participan nelas recunchos nos que poder desfrutar da natureza. Deste xeito, estas saídas da Deputación están dirixidas a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables.

Nigrán abre o prazo de inscrición para o roteiro polo ‘Outeiro dos Mouros’

0

O Concello de Nigrán ten aberto o prazo de inscrición para participar este mércores 4 de agosto no roteiro guiado polo ‘Outeiro dos Mouros’, na parroquia de Parada. As prazas están limitadas por cuestións sanitarias e os interesados poden inscribirse a través do formulario da web www.nigran.es.

A dificultade é baixa, a duración 1 hora e 30 mi e o percorrido de 4 km que inclúen un fantástico miradoiro na cima do outeiro. O punto de encontro é ás 10:00 da mañá desde o lavadoiro da rúa Areíña. Os seguintes roteiros programados desde o Concello son o 11 de agosto polo Río Muíños, o 18 por Chandebrito e o 25 por Monteferro, en todos os casos as inscricións abren o venres anterior a celebrarse a través da web municipal. Recoméndase levar roupa cómoda, calzado axeitado, auga e proteción solar.

O TMKiteClub aposta polo deporte feminino coa primeira Master Class de kitesurf para mulleres

0

O TMKiteClub aposta polo deporte feminino coa primeira Master Class exclusiva para mulleres, unha actividade totalmente gratuíta enmarcada dentro do proxecto GALP para a dinamización de Cesantes e coa que o club pretende fomentar e impulsar o papel da muller dentro do deporte do kitesurf. A instrutora francesa Helene Lambrey, vencedora do IV KiteFest Trofeo Xacobeo en Twintip Feminino, foi a encargada de impartir un curso para o que apenas se tardou 24 horas en cubrir as 15 prazas dispoñibles desde o momento no que se abriu o prazo de inscrición.

Tras comezar a xornada cunha clase de pilates e estiramentos, foi ao redor das 12:00 horas cando se inaugurou oficialmente a Master Class cunha primeira charla en terra para resolución de dúbidas e planificación do adestramento en función do nivel das participantes, antes de pasar directamente á parte práctica na auga. A parte de seguridade, tanto na auga como en terra, foi un dos puntos nos que se centrou a actividade.

[su_image_carousel source=”media: 42294,42292,42295″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Foi un gran día e as mozas viñeron con moito ánimo e moitas ganas de mellorar”, comezaba explicando Lambrey. “Un dos puntos que crin que era máis importante para empezar a clase foi a parte de seguridade para aprender a confirmarnos de que a nosa práctica é segura, facendo exercicios de lanzamento de cometa en terra e practicando o auto rescate. Despois aproveitamos para facer exercicios de control avanzado de cométaa, e cando subiu o vento xa nos fomos á auga para poder poñer todo en práctica”.

Artur Fariñas, director deportivo do TMKiteClub, afirmou que “a verdade é que a actividade tivo moi boa acollida e as mozas han empatizado moi ben con Helene. A convocatoria ademais foi un éxito e aínda que ao principio parecía que non ía haber moito vento, ao final púidose aproveitar a tarde para navegar, polo que sen dúbida foi unha xornada moi completa”.

Unha vez terminada a actividade e antes de poñer punto e final á I Master Class para mulleres do TMKiteClub, as participantes recibiron un obsequio por cortesía de Aceites Abril, patrocinador do evento.

Carmela Silva destaca o papel da mocidade contra o cambio climático

A denuncia sobre os danos aos nosos recursos naturais, a lección da traxedia da pandemia da Covid que debe de servir de aprendizaxe, e a concienciación do impacto da contaminación no planeta con novos formatos e en clave de rap. Son as reflexións dos tres traballos audiovisuais que este ano logran os premios da segunda edición de  “Reacción polo Clima” que promove a Deputación co obxectivo de implicar a mocidade da provincia na defensa do medio ambiente e na loita contra o cambio climático. A presidenta Carmela Silva deu a coñecer os vídeos gañadores e mostrou o seu orgullo polo grande nivel dos audiovisuais presentados e polo “gran compromiso” da xente máis nova, que son capaces de facer vídeos de tanta calidade e cun contido tan potente. Deixan claro que si que hai futuro e si que temos unha mocidade que ten futuro”.

Lara Cores, de 23 anos, de Pontevedra, alzouse co primeiro premio, dotado con 2.400€, co traballo titulado “Adeus ríos, Adeus fontes”, unha peza que, como apuntou a presidenta, “nos serve de recordatorio para non esquecer como debemos actuar para manter a nosa Galicia e non estragala”. O xurado valorou a escolla da autora de expoñer os danos da contaminación en Galicia nunha peza que creouse coa música do grupo Baiuca, poemas e lírica galega e imaxes da nosa paisaxe.

O segundo premio, que ascende a 1.000 €, foi para Manuel Albariñas, de 21 anos, de Marín, por “Puro aire”, peza que destaca pola súa “reflexión sobre os meses máis duros do confinamento pola Covid-19, pero que tamén supuxo unha lección e unha aprendizaxe porque deixou claro que a solución está nas nosas mans”. Finalmente, o terceiro premio, de 600 €, recalou nun grupo de alumnos e alumnas do colexio Marcote de Vigo, de 1º de Bacharelato por “Antropoceno destrucción”. Neste caso o xurado valorou a participación do alumnado na elaboración da peza e o seu formato de videoclip en clave rap que conciencia sobre a contaminación e o cambio climático.

O xurado tamén realizou unha mención especial, pola temática empregada, ao traballo de Luis Villanueva, un rapaz de 23 anos, de Silleda, que fixo un audiovisual co título de “Ioane”. Ioane é o home de Kiriwati que a ONU declarou en 2020 o primeiro refuxiado climático e que representa a tantas persoas obrigadas a desprazarse por mor do impacto das crisis climáticas.

Os premios “Reacción polo clima” entregaranse no próximo outono na Gala dos Premios Provinciais á Xuventude.

Nigrán mantén a súa esencia na programación sociocultural de agosto

0

O Concello de Nigrán continúa este verán co seu lema ‘Nigrán, equilibrio natural’ para presentar unha programación sociocultural de agosto no que se manteñen os principais eventos de cada ano e se engaden novidades para todo tipo de públicos e gustos.

Así, entre os festivais destaca o tradicional Chandefolk en Chandebrito o 21 de agosto co gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o festival da cervexa artesana do 11 ao 15 de agosto na Alameda de A Ramallosa, o Parrulas Fest para os máis pequenos na Foz (do 18 ao 21 de agosto) ou Rock´n Patos para despedir o verán o 28 de agosto na zona do mercado (o Solpor Monteferro, previsto para xullo pero suspendido dúas veces por choiva, está reprogramado para o 16 e 17 de agosto).

A maiores, o Concello continúa co seu programa municipal #MúsicaNasParroquias para manter as festas patronais con actuacións tan destacadas como o Grupo América en Lourido o día 14, A Banda da Loba nas Angustias o día 15 e A Roda o 24 en Camos. Así, a música voltará a ser gran protagonista do verán nigranés tamén con tres concertos de Carlos Núñez os días 6 e 7 de agosto no miradoiro de Monteferro (entradas esgotadas xa, agás para o matinal do día 7) ou a través do novo Espazo Fest que continúa nos distintos pazos de Nigrán con grupos como Marlango (5) , Tequila (7), Coque Malla (14), Depedro (21) e Mclan (27).

A maiores, haberá citas habituais deste mes como a feira de Oportunidades Portobello o día 8 na Alameda ou diferentes roteiros guiados ao longo de todo agosto con aforo limitado