Luns, 24 Marzo de 2025

Salvaterra de Miño presenta unha ‘Festa do Viño do Condado do Tea’ adaptada á normativa COVID

A pesares da situación sanitaria que restrinxe de forma considerable a celebración de actos e celebracións, o Concello de Salvaterra de Miño non quere deixar pasar a ocasión para celebrar a Festa do Viño do Condado do Tea, a súa festa por excelencia, declarada de Interese turístico de Galicia e que, neste ano, estará totalmente adaptada a normativa COVID.

En todo caso o programa no presenta innovación alguna respecto a edicións anteriores e xirará, polo tanto, en base a cinco piares, a Cata á procura dos viños deliciosos do ano, o Túnel do viño, Catas comentadas, Visita ás adegas e diversos concertos.

As actividades desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de agosto. Así o túnel do viño arrancará o venres pola mañá ata o domingo nas instalacións do Museo da Ciencia do Viño; durante ese fin de semana os participantes poderán degustar os viños das 27 adegas que participan da subzona do Condado do Tea e dos espumosos da DO Rías Baixas. Durante os mesmos días todos aqueles que queiran poderán desfrutar das catas comentadas que ofrecerán 14 das adegas participantes na Casa do Viño.

Tamén nesa fin de semana seis adegas que participan na Festa ofrecen a posibilidade de visitas as súas instalacións con degustación de viño incluída.

Todas as persoas que queiran participar nalgunha das actividades que se realizan en torno a Festa do Viño do Condado do Tea terán que inscribirse previamente.

O sábado 28 levarase a cabo a cata á procura dos viños deliciosos do ano.

A música chegará da man dos concertos da Banda Crebinsky o venres; o sábado será a quenda de Susana Seivane e o domingo pecharase co concerto de A Roda. Todos os concertos celebraranse na praza do Concello.

O Concello opta por unha aposta segura, lonxe de innovación e apostando por unha programación que, dende hai anos, da un bo resultado aínda que, esta vez, adaptada ás restricións sanitarias vixentes.