Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa Asociación Solidariedade Galega do Pobo Saharauí

A administración local destina 6.000 euros para axudar a solucionar a crise alimentaria nos campamentos de refuxiados de Tindouf (Alxeria)

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que a administración local se compromete a destinar 6.000 euros ao programa ‘Axuda alimentaria para a poboación refuxiada Saharauí en Tindouf (Alxeria)’, co cal se pretende dar solución á falta de alimentos básicos nos campos de refuxiados desa zona alxerina.

Ata o comezo da pandemia, o Concello de Ponteareas colaboraba co programa da Vacacións en Paz, co que moitas nenas e nenos pasaban o verán con familias do municipio. A COVID imposibilitou estas activades, polo que se decidiu destinar a mesma cantidade de cartos a tratar de contrarestar a difícil situación coa que conviven as persoas refuxiadas.

Nos campos de Tindouf as persoas máis vulnerábeis representan o 88 % dos 173.600 refuxiados. A isto hai que engadir que a taxa de anemia entre as mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou até superar o 73 %, como a porcentaxe de malnutrición entre as persoas menores de 5 anos, que se aproxima ao 25 %, así como tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e alta presión sanguínea arterial.