A audiencia previa practicada perante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 2 do Porriño, dentro do procedemento xudicial establecido entre un grupo de empresas situadas en terreos do municipio de Mos, en Monte Faquiña e a Comunidade de Montes de Tameiga, concluíu sen acordo e o procedemento segue o seu curso, con data para xuízo o dia 23 de novembro de 2021.
Segundo explica o Equipo Xurídico que defende a estas empresas “a audiencia previa tiña por obxecto buscar unha vía de diálogo coa Comunidade de Montes co fin de poder chegar a un entendemento amigable coa mesma. Con todo, os representantes da Comunidade de Montes de Man Común de Tameiga néganse a negociar acordo algún polo que o trámite xudicial concluíu sen achegar posturas. Con estes aumentos abusivos dos canons ou alugueiros que se pretenden sobre empresas que realizaron investimentos millonarios en instalacións e obras de carácter público e coas que tamén pretende quedar a Comunidade de Montes, desprezando os acordos, pactos e compromisos que os empresarios levaran a cabo coa anterior Administración titular, poden estar en perigo miles de postos de traballo e traslado das empresas a outros lugares”.
Por iso, o procedemento xudicial segue o seu curso ao non recoñecer tales dereitos e, mesmo, nalgún caso, negar os acordos e compromisos que a Xunta Reitora levou a cabo con algún dos empresarios, que procederon a facer tales investimentos baixo a seguridade dunha prolongación nos prazos tales concesións.. No seu momento, os empresarios chegaran a acordos e pactos co Concello de Mos, anterior titular, que xestionaba os terreos, ata que unha sentenza xudicial anterior fallou que os mesmos pertencían aos comuneiros e non á institución local.
Os empresarios non queren ningún trato de favor, senón que se recoñezan os pactos e acordos anteriores e que a subida dos alugueiros e/ou canons fáganse non de forma abusiva senón atendendo á situación do mercado e ás propias normas que rexen nun Estado de Dereito que busca a ponderación e o equilibrio para manter a estabilidade e seguridade dos postos de traballo, os investimentos e o desenvolvemento sostido e cumprindo as esixencias de protección do medio ambiente e integridade do monte veciñal.