Domingo, 17 Agosto de 2025

Concellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico interésanse pola caldeira de biomasa de Ponteareas

Ponteareas aposta pola innovación, tamén no eido enerxético. Numerosos representantes de concellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico estiveron este mércores na vila para manter un encontro de traballo e visitar “a caldeira de biomasa municipal e a rede de calor urbana, un campo no que Ponteareas foi tremendamente innovador”, segundo explicou o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Ponteareas e presidenta do grupo temático, Cristina Fernández Davila, e propio Secretario Xeral do Eixo Atlántico, quen destacou a importancia de celebrar o encontro na vila “para que as cidades galegas e portuguesas que integran o Eixo se acheguen a este tipo de enerxía renovábel”. “Queremos que as nosas cidades aposten por este tipo de caldeiras, das que coñecemos algunhas das postas en marcha en Europa, algunhas moi avanzadas, e Ponteareas representa aquilo que levamos anos tentando trasladar ás cidades do territorio por enerxía, por medio ambiente e polo impacto importantísimo na prevención dos incendios, xa que contribúe á limpeza dos montes, un mal endémico tanto en Galicia como no norte de Portugal”, recalcou.

A rexedora explicou ás máis de 40 persoas participantes no encontro como foi a creación desta rede urbana de calor con biomasa que nunha primeira fase dará servizo á residencia de maiores e ao centro de día, ao Centro Social, á escola infantil municipal e á Casa do Concello. Unha iniciativa que conta co financiamento de fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ coa que o Goberno municipal “aposta por sistemas eficientes e eficaces que supoñen non só un importante aforro económico tanto no gasto de consumo como de mantemento, senón que tamén diminúen considerablemente as emisións a atmosfera”. Nesta rede urbana de calor empregarase a estela como fonte de enerxía renovábel, substituíndo os actuais combustíbeis, gasóleo e electricidade, que se empregan nas instalacións municipais para calefacción e auga quente.

Durante a reunión, o Grupo Temático de Sostibilidade Urbana do Eixo Atlántico avanzou no seu Plan de Descarbonización, un plan de acción co que reducir e optimizar o consumo enerxético en todos os ámbitos municipais, así como fomentar a produción local de enerxía renovábel sen que as cidades perdan competitividade nin se vexa minguada a calidade de vida da veciñanza.

A este encontro tamén asistiron a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo; a segunda tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; así como os dous autores do Plan de Descarbonización, o catedrático en Ecoloxía Emilio Fernández Suárez e o experto en sostibilidade urbana Francesc Cárdenas. 

Município de Cerveira assina protocolo de colaboração com Estação Biológica Internacional Douro-Duero

Considerando a cooperação fundamental para o desenvolvimento dos territórios, no passado dia 15 de junho, foi assinado um Protocolo de Cooperação Científica entre o Município de Vila Nova de Cerveira – Aquamuseu do Rio Minho e a Estação Biológica Internacional Douro-Duero. A assinatura aconteceu a bordo do navio-aula ESCUA, no Rio Douro internacional, em Miranda do Douro – Zamora, com a participação do Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, e do Coordenador da Estação Biológica, David Velasco. Presentes na assinatura estiveram, também, a Vereadora cerveirense Sónia Guerreiro e o Vice-Presidente e o Vereador do Município de Miranda do Douro, Nuno Rodrigues e Vítor Bernardo, respetivamente.

Ao abrigo do protocolo, o Aquamuseu do Rio Minho vai acolher, de forma gratuita e definitiva, um exemplar de lontra fêmea proveniente dos programas de investigação e criação em cativeiro da Estação Biológica Internacional Douro-Duero, garantindo a sua manutenção adequando na matéria de alimentação, espaço e cuidados próprios da espécie.

Em sequência do protocolo, ambas as entidades comprometem-se, ainda, a levar a cabo um trabalho de cooperação científica e de investigação partilhado nos rios transfronteiriços Minho e Douro, com intercâmbio de dados na monitorização dos seus ecossistemas aquáticos transfronteiriços. Para o autarca Rui Teixeira “é fundamental reforçar o trabalho em rede para garantir a conservação dos recursos naturais e culturais em espaços naturais transfronteiriços, entre os que se encontram o património natural e cultural do Rio Minho”.

Recorde-se que Município de Vila Nova de Cerveira, através do Aquamuseu do Rio Minho, tem por missão divulgar o património natural da Bacia Hidrográfica do Rio Minho e o património cultural associado à pesca artesanal do Rio Minho internacional, assim como, promover o conhecimento científico sobre os recursos naturais e etnográficos, estabelecendo para o efeito, parcerias e colaborações com Universidades de Investigação em Portugal e Espanha. Já a Estação Biológica Internacional Duero-Douro é uma organização luso-espanhola, para conservação dos espaços naturais transfronteiriços, através da investigação científica, a educação ambiental, o ecoturismo sustentável e a inovação tecnológica.

A Policía Local de Redondela detén a un condutor logo dunha perigosa persecución

0

Axentes da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional procederon, na tarde de onte, á detención dun varón, veciño de Pazos de Borbén, logo dunha perigosa persecución polo centro da vila.

Unha vez recibidas varias chamadas de testigos alertando dunha furgoneta realizando unha conducción temeraria polo casco urbano e, cuio condutor podería atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, mobilizáronse varias patrullas da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional.

Localizada xa a furgoneta, ao dárselle o alto por un vehículo da Policía Local, ésta comezaría a acelerar a súa marcha, facendo caso omiso das indicación policiais e saltándose semáforos en vermello. Na huída casi atropela a uns viandantes que tiveron que esquivar ao vehículo e chegando incluso a case colisionar de xeito intencionado contra un vehículo da Policía Local.

A persecución remataría preto do almacén de vías e obras do Concello, onde dita furgoneta quedou sen saída e onde foi interceptado, reducido e detido. Na súa redución mesmo chegaría a agredir a un axente da Policía Local.

Ao condutor, que fai uns meses protagonizou unha escena similar, neste caso foi detido por ter cometidos tres delitos contra a seguridade viaria: por exercer unha conducción temeraria, por ter retirado o permiso de conducir e por negarse a realizar as probas de alcoholemia. Ademais de ter cometido tamén un delito de atentado a axentes da autoridade.

Os afectados pola liña de alta tensión Fonte Freía-Frontera Portuguesa piden unha entrevista coa vicepresidenta do goberno

0

Representantes das asociacións Fonte Freía – Frontera Portuguesa (AALAT Valiñas-Pose) e  Afectados pola Liña de Alta Tensión Interconexión Norte de Portugal (AALAT Rozas-Vide e Baliñas-Poste), de Sela, acompañados polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, presentaron este xoves, no Rexistro da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, un escrito solicitando unha reunión coa ministra con Teresa Ribera, vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en relación coa recente declaración de impacto ambiental  da liña de moi alta tensión Fonte Fría- Fronteira Portuguesa (LAT).

O obxecto da reunión sería o de solicitar da ministra a paralización deste proxecto, en base aos argumentos que exporán e presentar unha alternativa a esta liña á que se opoñen, dende hai case unha décadas, centos de veciños de Arbo, As Neves e tamén das localidades portuguesas de Melgaço e Monçao.

Esta xuntanxa cobra aínda máis urxencia logo da publicación, no Boletín Oficial do Estado, por parte do ministerio da Resolución do 8 de abril pola que formula declaración de impacto ambiental do proxecto que supón, de feito, o inicio da execución do mesmo.

Nos últimos meses, as iniciativas contra este trazado foron constantes. Ademais da presentación de 4.500 alegacións, houbo xuntanzas dos alcalde de Arbo e das Neves co director xeral de Calidade e Evaliación Ambiental, Ismael Aznar -quen comprometeuse a unha nova cita logo da declaración de impacto ambiental-; mobilizacións contra o trazado, que os dous concellos rexeitan frontalmente ou iniciativas parlamentarias no Congreso dos Deputados por parte do PP e do BNG.

En todas estas ocasións, os alcaldes e representantes veciñais, de asociacións e colectivos de afectados, transmitiron a necesidade de que o Goberno denegue a Red Eléctrica a autorización para a LIE Interconexión Norte de Portugal e que estude alternativas á mesma considerando o gran impacto que tería na calidade de vida de centos de veciños.

Red Eléctrica, curiosamente, propón un trazado que en 2013 consideraba ‘inviable’ para a instalación desta liña de moi alta tensión pola que pasarán 400.000 voltios, dende Fontefría, ‘sobrevoando’ máis de 50 vivendas, atravesando o río Miño ata Portugal.

Esta liña deixaría a centos de persoas baixo a influencia da xeración de campos magnéticos, relacionados por distintas investigacións co desenrolo de procesos canceríxenos, alteración na resposta inmunitaria, fertilidade ou o sistema cardiovascular.

A xuízo de Xosé Manuel Rodríguez, hai alternativas a este proxecto, sen ter que renunciar á esta conexión eléctrica, entre eles a posibilidade de soterramento, algo que é habitual noutros países e para liñás de moi alta  tensión como esta.

O alcalde das Neves pide ao Goberno que antepoña ás persoas, “colocándoas no centro, sen deixar de garantir os consumos e a conducción da eléctrica”, atopando alternativas que garantan estes dous obxectivos, “de iso é do que queremos falar coa ministra”.

A Deputación aproba novas achegas para A Guarda, O Rosal, Ponteareas, Soutomaior e Tui

O Goberno da Deputación dará luz verde hoxe venres a un novo investimento de 1,1 millóns de euros en achegas do Plan Concellos  que beneficiarán a cinco municipios da provincia, A Guarda, Ponteareas, O Rosal, Soutomaior e Tui, e que están destinadas a melloras nos equipamentos públicos e as infraestruturas viarias para garantir a seguridade e a mobilidade, cunha aposta moi clara, como destacou a presidenta Carmela Silva, “por seguir o modelo sostible e seguro da Deputación, que favorece a toda a cidadanía, pero particularmente ás crianzas, mai0res e ás persoas con dificultades de mobilidade”.

No caso de Tui, o concello do Baixo Miño recibirá 322.828 € para a reforma e acondicionamento das piscinas municipais, con obras de mellora construtiva e de equipamento. Os traballos abranguen a mellora de todas as instalacións, desde a urbanización exterior, ata as instalacións de depuración.

Soutomaior recibirá unha achega de 286.208 € para a humanización dun tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade, entre a Rúa Lameiriñas a a Praza de Cimadevila. A este respecto, Carmela Silva, subliñou que os recursos da Deputación, tanto a través do Plan Concellos como da área de Infraestruturas, están a conseguir un Camiño seguro, “favorecendo que todas as persoas que o fagan, tanto ás da provincia como de fóra, poidan desfrutar dunha mobilidade segura”. De acordo ao proxecto, crearase na zona de actuación un espazo de preferencia peonil, amais de procurar a mellora da seguridade viaria, da mobilidade, sostibilidade e habitabilidade.

O concello da Guarda recibirá 248.069€ para a creación dun Camiño Escolar Seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde.  O camiño abranguerá 730 metros, a través das rúas Brasilino Álvarez Sobrino; Enrique María Sesto; a Estrada de Circunvalación; Tui e Ourense, e incluirá melloras nos pasos peonís, a urbanización na Rúa Tui que dá acceso directo ao centro escolar e disporase a sinalización vertical e horizontal. Así mesmo, reducirase o límite  de velocidade a 30km/h en todo o percorrido.

O Rosal recibirá 159.174€, cos que poderá costear a súa aportación (20%)  ao convenio para a segunda fase da mellora da mobilidade peonil na EP3303 Tabagón-Goián, unha actuación que unha vez completadas as súas tres fases deixará unidos a través dunha senda aos concellos do Rosal e Tomiño. A primeira fase da obra está a piques  de rematar e, nesta segunda que se aborda a partir de agora, a Deputación asumirá polo tanto, o coste total da obra, 795.872€. É un tramo de 1,8 km que contará cunha zona de convivencia sobreelevada, prioridade peonil e sendas peonís de formigón e ancho mínimo de 2,5 m. Renovarase así mesmo a capa de rodaxe en todo o traxecto, executarase a nova rede soterrada de pluviais, cunetas transitables e prevese a execución da rede soterrada de alumeado. Por último, Ponteareas terá unha achega de 118.141€ para a mellora de dous tramos de viarios municipais que transcorren polo parque forestal da Picaraña. Os traballos inclúen a limpeza das marxes e apertura de cunetas nos 2,3 quilómetros que suman estes viarios, así como a pavimentación dos 10.527 metros cadrados de superficie que representan.

Redondela ultima a posta en marcha da nova páxina web de turismo

0

O Concello de Redondela pon en marcha a nova web de turismo, concibida como unha ferramenta de utilidade para as persoas visitantes ou para a propia veciñanza pero, sobre todo “como elemento dinamizador para sectores locais da hospedaxe e a hostalaría”.

A iniciativa do departamento que xestiona María Castro Abad, quere ser un escaparate “atractivo e dinámico”, con seccións ben diferenciadas –Que ver, Que facer, Onde comer, Onde durmir e Camiño de Santiago– de fácil acceso e que responda ás necesidades de información tanto das persoas visitantes como da propia veciñanza.

Nesta web atópase breve información sobre distintos elementos culturais (Monte Penide, o miliario de Vilar, a igrexa de Santiago, o leguario da Pantalla…) e propostas de enclaves paisaxísticos (A Peneda, Cedeira, areal de Cesantes, paseo da Portela…). Esta información, que detalla a xeolocalización, facilitará o coñecemento da historia de Redondela así como gozar dos beneficios da natureza.

Toda esta información, recollida en tres idiomas (galego, castelán e inglés), aparece recollida en grandes bloques: patrimonio, medio natural, sendeirismo, casco urbano, gastronomía e festas. Desta maneira facilita o acceso á información por parte do visitante ou persoa interesada.

Se ben a páxina está pensada para dar a coñecer os enormes recursos que Redondela posúe en materia de turismo, “adquire unha especial importancia para os sectores da hostalaría e a hospedaxe xa que, a través do portal web, veciñanza e visitantes terán completa información de todos os establecementos que se incorporen á páxina como os datos de contacto necesarios para facer reservas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

A rexedora local lembra que “estamos nun momento de extraordinaria importancia para o sector da hostalaría e hospedaxe cun crecente número de visitantes que superan xa cifras dos anos anteriores á pandemia”.

Nese contexto, Digna Rivas subliña a importancia “de desenvolver, por parte do Goberno local, todas aquelas iniciativas que contribúan a consolidar e fomentar ese crecemento e para iso, nada mellor que utilizar a potencialidade que nos ofrecen as novas tecnoloxías, cada día máis utilizadas polos visitantes para buscar, precisamente, o que ofrece a páxina nas súas seccións”.

A Deputación oferta este verán 1.250 prazas para as visitas teatralizadas e caracterizadas ao Castelo de Soutomaior

Tiro de saída ás visitas teatralizadas e caracterizadas ao Castelo de Soutomaior coa posta a venda mañá, 17 de xuño, en www.castelodesoutomaior.com das 1.250 prazas que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para este verán. As visitas, que se desenvolverán entre o 1 de xullo e o 30 de agosto, ofertan, tal e como detallou a presidenta,  Carmela Silva, un total de 800 prazas para as caracterizadas, dirixidas ao público adulto, e outras 450 para as teatralizadas, destinadas ás familias. “Animo a que a cidadanía corra, que non o deixe para o último minuto, que se esgotan sempre moi rápido”, asegurou a presidenta da Deputación.

As visitas caracterizadas, a cargo da empresa Aguias, consisten nun percorrido polo Castelo de Soutomaior e os seus xardíns da man de tres anfitrioas “de excepción”: María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria. As tres mulleres, “perfectamente caracterizadas para a ocasión, darán a benvida ás persoas participantes ás que achegarán a un dos parques botánicos máis fermosos de Galicia” indicou Carmela Silva. Estas visitas terán lugar en xullo o día 1, con dous pases ás 18 e 19.30 horas, e os días 8, 15, 22 e 29 con catro pases cada día ás 11, 12.30, 19 e 19.30 horas. En agosto serán os días 5, 19 e 26 con dous pases ás 11 e 12.30 horas e os días  2, 9, 23 e 30 tamén con dous pases ás 18 e 19.30 horas. En cada un dos pases poderán participar un máximo de 25 persoas.

En canto ás visitas teatralizadas, a cargo de Troula Animación, desenvolveranse en forma de conto. Con “Érase unha vez…”, detallou a presidenta, “diferentes personaxes estreitamente relacionados coa vida no castelo como a bufona burlona (encargada de dirixir, dinamizar e organizar a visita), Servando Trobador (encargado da parte musical), Irma (xefa de cociña e ama de chaves do Castelo) e Simón Durmiñón (cabaleiro do Castelo) as familias achegaranse ao castelo de xeito moi divertido”. Terán lugar en xullo os días 4, 11, 18 e 25 con dous pases ás 17 e 18.30 horas e en agosto o 1, 8, 15, 22 e 29 tamén con dous pases ás 17 e 18.30 horas. Ao igual que no caso das visitas caracterizadas, nas teatralizadas poderán participar 25 persoas en cada un dos pases.

O Concello de Baiona renova o convenio de colaboración coa Asociación Avelaíña

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a presidenta da Asociación “Avelaíña”, Fernanda Orduna, renovaron esta mañá o convenio de colaboración polo que a asociación recibirá unha subvención do Concello de Baiona para dar información e asesoramento aos veciños do municipio que o precisen. Coa renovación do compromiso axudarán a dar resposta á necesidade de información en saúde mental na vila.

É a segunda vez que o Concello de Baiona asina un convenio de colaboración con esta entidade, o primeiro convenio con esta entidade rubricouse o pasado ano.

O alcalde e a presidenta renovaron o documento que oficializa a alianza municipal cunha asociación que conta con máis de 20 anos de experiencia ao servizo da saúde mental. Nación en 1997 na Guarda pero o proceso de expansión da Asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Garda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 Avelaíña solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.

O alcalde destacada que “coa renovación deste convenio, o Concello quere seguir recoñecendo o labor desta asociación e apoiar a súa acción social”. Desta forma, o Consistorio apoia “o traballo constante que realiza a Asociación Avelaíña en beneficio da saúde mental. Temos un compromiso coa atención ás persoas con distintas necesidades neste campo e comprometémonos a seguir colaborando en anos vindeiros”.

O servizo trata de dar resposta ás demandas da poboación en relación á Saúde Mental, mellorando así a súa calidade de vida. Trátase dun servizo que vén realizando “Avelaíña” de forma permanente na zona do Val Miñor, o cal, debido á gran demanda de atención derivada pola situación de crise sanitaria da Covid-19, viuse incrementado.

Os beneficiarios directos desta atención son calquera persoa con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera cidadán ou cuidadana do Concello de Baiona.

As persoas usuarias poderán acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación doutros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde, etc. Accederán ao servizo despois de ser contactadas pola profesional de referencia de Avelaíña, que establecerá unha primeira cita.

A asociación manteñen unha relación de traballo profesional co equipo de Saúde Mental situado no Centro de Saúde do Val Miñor.

A presidenta da asociación expresou o seu agradecemento ao Concello de Baiona polo seu compromiso coa renovación deste convenio e pola achega económica.

A asociación na súa sede en Baiona ofrece os servizos de Respiro Familiar, Acompañamento Integral, Xestión e Tramitación, Atención Domiciliaria, Orientación e Integración Laboral, Información e Asesoramento, Escola de Familias, Proxecto de Promoción da Autonomía Persoal en enfermidade mental grave, Proxecto VOZ Natura, a Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial, con prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

A Deputación e UNICEF da man para responder ante as necesidades humanitarias da infancia en Ucraína

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova colaboración con UNICEF neste 2022 a través do programa “Emerxencia en Ucraína. Resposta ás necesidades humanitarias da infancia: subministracións esenciais de saúde e nutrición” da ONG. Con esta iniciativa, á que a institución provincial destina 15.000 €, “imos axudar con elementos básicos dirixidos a persoas que se atopan nunha situación de absoluta vulnerabilidade, cubrindo as demandas de nenas e nenos de Ucraína que tanto están sufrindo”. Así o asegurou a presidenta Carmela Silva xunto a Irene Marín, coordinadora autonómica de UNICEF en Galicia, e Coro González, responsable de proxectos de Cooperación de UNICEF en Galicia, que detallaron que a colaboración aséntese  na “atención médica e nutricional tanto á infancia como as súas nais e mulleres embarazadas”.

Carmela Silva, que recordou a dureza das guerras e das súas consecuencias, incidiu en que a cidadanía de Ucraína non ten garantidas cuestións básicas para poder vivir e por iso este ano a colaboración da institución provincial céntrase no programa de atención á saúde e a nutrición que ten en marcha a ONG no país. “Pónseme os pelos de punta –asegurou a presidenta-, non se lle está a prestar xa a atención que merece esta guerra, ten desaparecido das portadas, como se tivera rematado e non, segue habendo unha guerra, que nestes momentos seguramente é máis dura que nunca e que está a xerar moito sufrimento. Non podemos mirar para outro lado, é intolerable”. Por estes motivos, Carmela Silva afirmou que “é unha obriga apoiar a organizacións como UNICEF, á que a sociedade tanto lle debe” e adiantou que “o mundo local non pode mirar cara outro lado, compétenos humanamente, e por iso reforzaremos a relación coa ONG”. 

Pola súa banda a coordinadora autonómica de UNICEF en Galicia, Irene Marín,  recordou que son 5,2 millóns de nenos e nenas en Ucraína e países veciños de acollida os que precisan axuda humanitaria. “Levamos xa moitos anos no país, dende que estalou a guerra no Donbás fai oito anos, e temos aumentado o noso equipo para dar resposta á poboación, con artigos de auga, saneamento, kits cirúrxicos e obstétricos, pero tamén con alimentos, roupa, materiais educativos, de ocio, axudas en efectivo e apoio psicolóxico”, asegurou. Irene Marín tamén detallou que coa axuda da Deputación vanse poder subministrar kits de emerxencia, kits de primeiros auxilios, kits de partos para dar resposta a ata 100 partos, kits de primeiros auxilios, galletas nutricionais e suplementos como o ferro e o ácido fólico. “Falamos de que hai 145.000 nenas e nenos que precisan xa urxentemente apoio nutricional”, explicou ao tempo que fixo un chamamento a “non deixar de poñer foco en que hai unha guerra en Ucraína e é moito o traballo que temos por diante”.

Balance do proxecto en Siria

Durante o 2021 a colaboración da Deputación e UNICEF centrouse en Siria, subministrando elementos básicos para previr a infección por covid, dende artigos de hixiene ata equipos de protección. En total, tal e como explicou a coordinadora de Unicef en Galicia, grazas á axuda da Deputación “reducimos a transmisión e a mortalidade da covid, chegando a 1.500 persoas, que son 300 familias con kits de hixiene e acceso a auga. Por outra banda, actuamos nos hospitais e centros de saúde facilitando medios de protección ao persoal sanitario ante a covid beneficiando con elo de xeito secundario a máis de 50.000 persoas”.

I Torneo Fútbol a Pé Concello de Mos con motivo da Festa da Rosa

0

Esta mañá presentouse no Concello de Mos o I Torneo Fútbol pé incluído na programación da Festa da Rosa 2022 que se desenvolverá durante todo o día, de 10.00 a 21.00 horas, o vindeiro domingo, 19 de xuño, no Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga.

Na organización deste evento deportivo están implicados o Concello de Mos, o Club Louro Tameiga, Fútbol a Pé e a Real Federación Galega de Fútbol.

Na presentación celebrada hoxe estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, José Areal, José María Rial Chapela, director do proxecto ‘Fútbol a Pé’, Manuel Núñez, coordinador de zona do proxecto ‘Fútbol a Pé’ e Rosana Rodríguez Carrera, vicepresidenta do Club Louro Tameiga.

Este Torneo forma parte dun circuito que se está a facer por toda a Área o 1º Torneo foi en Cangas o domingo pasado. O 2º é o vindeiro domingo en Mos. E os seguintes en Pontevedra, Sanxenxo e Gondomar.

Os obxectivos son promocionar este deporte interxeracional, cero competitivo e cun carácter íntegramente lúdico, para que o gran público o coñeza e se anime a practicalo de cara á vindeira tempada 2022-2023. E sobre todo que cada participante o pase ben e llo faga pasar ben aos demais participantes.

A inscrición é totalmente gratuíta e pode realizarse ata mañá por correo electrónico no enderezo [email protected] e telefónicamente por whatsapp no número 610 70 44 50. Desde Fútbol a Pé encargaranse de formar os equipos do xeito máis equilibrado posible, sen carácter competitivo. A día de hoxe xa contan con máis de 60 persoas inscritas.

Trátase dunha inscrición aberta ao público en xeral de todas as idades, xa que será unha xornada de convivencia na que poden participar avós e netos… pais e fillos… Ao mediodía farase un xantar de confraternidade na cafetería do Campo de Fútbol de Cototorrón. Será unha xornada do máis agradable con carácter interxeracional e na que compartir xuntos deporte e bos momentos.

A caldeira de biomasa da Escola de Pancenteo, xa instalada

0

O Rosal continúa camiñando para converterse nun municipio máis sostible. O Concello vén de recepcionar as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Escola Unitaria de Pancenteo, unha renovación que irá unida á da caldeira da Casa Consistorial, xa en marcha.

“Con estas obras de mellora dende o Concello buscamos que estes dous edificios catalogados por Patrimonio conten con instalacións máis respectuosas co medio ambiente. Empregar esta nova fonte de enerxía non só permitirá reducir as emisións de CO2 á atmosfera, senón que tamén favorecerá a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada. Ademais permitirá unha redución do consumo de entre o 40 e o 50%”,  sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Trátase dos primeiros pasos cara á transformación paulatina do sistema de calefacción de todos os edificios públicos rosaleiros, nos que se irá pasando do emprego de combustibles fósiles a outras formas de enerxía renovables. Tras un estudo pormenorizado do estado actual dos sistemas de calefacción das instalacións públicas, o Concello decidiu comezar esta transformación por estes dous edificios ao contar coas caldeiras máis obsoletas de todas, xa ao final da súa vida útil.

As obras de instalación da caldeira de biomasa da Escola de Pancenteo contou cun investimento de case 31.000 euros, cofinanciados ao 25% con fondos propios do Concello e ao 75% polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este venres unha conferencia sobre “O monacato rural feminino na Idade Media”

0

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza este venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro da terceira idade da Ramallosa (antiga estación do tranvía), unha conferencia sobre “O monacato rural feminino na Idade Media”, impartida por Carme Varela, autora da obra “As desterradas” e a profesora Camiño Noia.

A conferencia céntrase nun tema de grande interese e pouco coñecido para o público, como é a vida dos mosteiros femininos existentes en Galicia durante esa época, abordándose tamén o importante conflicto que enfrentou, no século XV, a moitos mosteiros galegos coa Coroa de Castela, cuxas relixiosas acabaron sendo obrigadas a abandonar os seus lugares e quedaron desposuidas das súas terras e propiedades.

Un tema que se trata na obra dramática “As desterradas”, escrita por Carme Varela e que obtivo o pasado ano o prestixioso Premio Álvaro Cunqueiro.

Preséntase o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos da Guarda

0

Na tarde de onte, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e os responsables do estudo Iván Cotado, presentaron ás praceiras e praceiros o proxecto de reforma estética da Praza de Abastos. Un proxecto que contará para a súa materialización con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O Alcalde da Guarda facía a introdución á presentación que faría posteriormente o responsable do estudo de deseño encargado do proxecto de reforma, e destacaba que con esta fase culmínanse as obras de mellora deste espazo comercial tan emblemático da vila.

Tamén trasladou aos praceiros e praceiras presentes que se están ultimando os detalles para sacar a licitación os postos que están sen adxudicar na actualidade, e que sairán a concurso en condicións moi vantaxosas que podan facilitar o máximo posible que novos/as emprendedores/as se instalen no mercado. Esta é outra das accións que o equipo de goberno considera chave para revitalizar o mercado.

Iván Cotado foi o estudo de deseño elixido para desenvolver este proxecto, estudo que acuñou e rexistrou o termo “INteriorismo EStratégico®”, un concepto que engloba marketing e interiorismo e que ten como obxectivo captar e explotar a verdadeira identidade diferencial dos negocios para así deseñar espazos que falen o mesmo idioma da clientela.

Tanto para o Concello como para os deseñadores o mercado é un lugar cunha condición de edificio público e de tránsito que debe potenciar o encontro e a sociabilidade. Ao tratarse dun espazo cun marcado carácter funcional e loxístico, o reto estaba en ser quen de converter o mercado nun espazo máis humano, que puxera en valor o produto para converterse nun referente comercial e social do Concello da Guarda a través da súa revitalización comercial, pero sen perder a esencia do mesmo.

As principais actuación do proxecto serían:

  • A “limpeza” da estrutura do cableado, cartelaría e demais engadidos feitos ao longo dos anos, co obxectivo de reordenar todos os elementos que distorsionan a arquitectura e se substituirán os elementos de mobiliario existentes para que vaian acorde á nova intervención.
  • Utilizar a iluminación como elemento que organiza os espazos e potencia os produtos. Uso de proxectores para poñer o foco no produto e iluminar de xeito lineal para bañar de luz as zonas de estancia.
  • Mellora da organización espacial. Tómase a idea actual das cores que organizan as distintas áreas do mercado, e se amplían para crear novas áreas de descanso. Créase unha nova orde con zonas de tránsito e de descanso, utilizando a cor de xeito sutil e elegante.
  • Introdución de vexetación como elemento de vida que rexuvenece ao mercado, o fai máis amable e atrae a novos tipos de clientela.
  • Xeración de espazos para favorecer a socialización e potenciar o mercado como “praza cuberta”.

As persoas interesadas en coñecer o proxecto poden achegarse á planta alta do Mercado onde se encontran expostas as infografías do mesmo.

Todo un verán de aventuras na ludoteca de Ponteareas

Chega a época estival e a ludoteca municipal xa ten lista a súa programación de actividades para un verán de lecer lúdico, divertido e educativo. Os meses de xullo e agosto a ludoteca abrirá de novo as súas portas a cativos de 6 a 12 anos, que poderán gozar dun verán de aventuras por grupos de idade. “A ludoteca municipal prepara un verán cheo de actividades para que nenos e nenas aproveiten o tempo libre estival para aprender xogando”, explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

As persoas interesadas xa poden formalizar a inscrición de nenos e nenas elixindo unha quincenas, quincenas separadas, un mes completo ou todo o verán. Cada grupo de idade terá asignado un día da semana, aínda que os rapaces e rapazas que queiran poderán inscribirse dúas mañás, a segunda delas no grupo de ratio de idade máis acaído. Así, os cativos e cativas de 6 e 7 anos irán os martes, de 8 e 9 os xoves, de 9 e 10 anos os luns e de 11 e 12 os mércores.

A taxa participante e quincena é de 14,64€ por unha mañá completa ou de 29,28 en caso de acudir dúas. O horario será de 10.00 a 14.00 horas, realizando a primeira hora aquelas actividades de exterior programadas e o resto no interior para evitar as horas de máxima calor.

Xogos, manualidades, repostería e cociña, expresión corporal e musical, rastrexo, actividades de reciclaxe, saídas… son só algunhas das actividades preparadas para este verán. Recoméndase levar roupa e calzado cómodos, unha botella de auga e merenda.

As persoas interesadas poderán realizar a inscrición de 09.00 a 15.00 horas acudindo ás instalacións da ludoteca, situadas na Avenida de Castelao, ou ben chamando por teléfono ou enviando whatsapp ao número 673 79 47 60.

Como lembra a concelleira de Benestar Social, a ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 “ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que as nenas e nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental”.

Campamento de verán en Oia do 1 ao 29 de xullo

0

O CEIP Mestre Manuel García de Oia acollerá, do 1 ao 29 de xullo, un campamento de verán dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Esta proposta de conciliación familiar e lecer infantil incluirá xincanas, actividades na natureza, pintura, música, cociña e xogos.

O campamento é unha iniciativa de Matrácala e conta coa colaboración do Concello de Oia. Desenvolverase en horario de mañá (de 9.00 a 14.00h) e ten un custo de 90 euros o mes completo e 60 euros a quincena.

As prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no correo electrónico [email protected]. O prazo de inscrición estará aberto desde o venres 17 de xuño ata o día 22.

A piscina do Porriño permanecerá pechada hasta subsanar unha contaminación das augas

A Concellería de Deportes procedeu onte ao peche temporal da piscina municipal para subsanar unha contaminación das augas detectada nun dos controis rutinarios e obrigatorios realizados na mañá de onte.

Os mesmos arroxaron baixos niveis da bacteria E.coli polo que, por precaución tal e como marca a normativa sanitaria, as instalacións permanecerán pechadas para seguridade dos bañistas e para realizar ao tratamento da auga.

Como xa se dixo, os niveis detectados son moi baixos, polo que se levará a cabo un tratamento de choque leve, e agardase que a piscina poida abrir en 48 horas. Unha realizado, farase unha nova analítica para asegurar que os niveis volven á normalidade antes de reabrir as instalacións.

A coral Xuntanza de Covelo actúa este sábado na igrexa de Santiago de Covelo

0

O Concello de Covelo convida ao concerto que a coral Xuntanza ofrecerá este sábado día 18 ás 21 horas na igrexa de Santiago de Covelo. Esta actuación é a primeira do conxunto de actividades deseñadas polo goberno dentro da programación Verán Cultural 2022 que o Concello presentará nos vindeiros días.

Gondomar volve a tapizarse de flores

0

Gondomar celebra o sábado 18 e o domingo 19 de xuño unha nova edición da sua tradicional Festa do Corpus. Centos de veciños e veciñas de tódalas idades levan semanas recolectando pétalos e follas para a confección das famosas alfombras florais.

Así o sábado 18 ás 17:30 horas os grupos alfombristas “Mulleres Rurais de Gondomar”, “O Millor de Cada Casa de Vincios”, o “Centro Cultural de Vincios”, o “Grupo de Gaiteiros Novos Aires de Couso”, a “Asociación San Vicente de Muñufe”, o Clube de Patinaxe de Gondomar” e o “Centro Cultural Veciñal de Peitieiros”, comezarán a debuxar e confeccionar as alfombras florais en diferentes rúas e prazas de Gondomar, traballo que durará toda a noite.

Para facer máis levadeiro este duro traballo e para animar os centos de persoas que de seguro se achegarán a presenzar os traballos, a partir das 21:30 h e ata as 23:30 horas o grupo musical “Noche de Ronda” realizará un percorrido polas diferentes alfombras.

Despois dunha noite que será longa, a mañá do 19 de xuño as rúas de Gondomar amencerán cheas de cór e decoradas con estas obras de arte efímero.

Ás 12:30 horas terá lugar a tradicional Misa do Corpus e posteriormente ás 13:15 horas a procesión, acompañada pola música da Banda da Agrupación Musical de Vincios, que pasará polas distintas alfombras.

O alcalde, Paco Ferreira, quixo agradecer “o gran traballo que fan as e os alfombristas, non so na noite do 18 senón durante semanas, ideando os deseños e recollendo e preparando as flores e plantas para poder facer unhas obras de arte como as que vamos a disfrutar en Gondomar”. O rexedor quixo aproveitar “para invitar a toda a xente de Gondomar, do Val Miñor e de toda a comarca a que se acheguen a a ver estas marabillosas alfombras que son recoñecidas como das mellores de toda Galicia”.

O Concello de Redondela contratará a catro persoas ao abeiro do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación

0

O Concello de Redondela contratará a catro persoas no marco do programa Primeira experiencia profesional da Deputación de Pontevedra, un proxecto que busca que os mozos que veñen de rematar os seus estudos nas súas respectivas áreas, poidan tomar contacto co mundo laboral e poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos.

As prazas ofertadas polo Concello redondelán son 1 técnico superior de Promoción de Igualdade de xénero, 1 técnico superior de Deseño e Amoblamento, 1 técnico superior de Xestión Forestale e 1 técnico superior de Administracións de Sistemas Informáticos en rede.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor este programa da Deputación “que permite aos nosos mozos e mozas poñer en práctica os seus coñecementos dun xeito tutelado e guiado e en proxectos reais que se están a desenvolver no concello”.

“De nada serve ter unha mocidade preparada e altamente cualificada se non se lles da a oportunidade de adquirir experiencia práctica que se lles pedirá para entrar, con garantías, no mercado laboral”. Nesa liña, Primeira experiencia profesional abre as portas para que “poidan adquirir eses coñecementos prácticos, complementarios aos seus estudos, e ao mesmo tempo, contribuír a desenvolver proxectos de interese para todas as veciñas e veciños”, puntualizou a alcaldesa redondelá.

As persoas interesadas deberán estar inscritas no SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) como demandantes de emprego e estar en posesión das titulacións requiridas. Amais é requisito imprescindible ter rematado os seus estudos nos tres anos anteriores á data de solicitude, non ter experiencia profesional ou formativa na mesma actividade dentro dun concello máis de tres meses ou non estar contratadas en prácticas, no momento da selección, nalgún dos programas da Deputación de Pontevedra.

O sistema de selección será o de concurso valorándose o expediente académico, posesión doutras titulacións académicas relacionadas e a formación complementaria recollida na convocatoria. Unha vez finalizado o proceso de selección, as persoas contratadas terán un contrato formativo de seis meses prorrogable por outros seis.

O Concello de Nigrán asume a organización das festas de San Xoan co Grupo América

0

O Concello de Nigrán asume este ano ao 100 % a organización das festas de San Xoan de Panxón ante a ausencia de comisión. Así, ademais de confeccionar as tradicionais fogueiras na praia, como novidade nesta edición será o Concello quen, a través do seu programa ‘Música nas Parroquias’, ofrecerá toda a programación socio-cultural dos días 23, 24 e 25 de xuño regresando esta á contorna do Porto Pesqueiro tras obter o permiso de Portos de Galicia.

Así, as festas arrancarán na noite do día 23 co monólogo ás 20:30 horas do famoso cómico galego Sergio Pazos, quen a través deste espectáculo ponlle humor á pandemia e introduce un necesario vis cómico á actualidade. Unha forma de ver a realidade da forma máis optimista posible. Xa ás 22:00 horas será a gran verbena a cargo de Grupo América.

Ao día seguinte, venres 24 de xuño, a Banda de Música do Val Miñor ofrecerá un concerto ao mediodía e, como xa ven sendo habitual, a Banda Militar da Brilat de Pontevedra realizará un pasarrúas por Panxón e posterior concerto ás 21:00 horas.

‘As Xentes do Mar’

O gran remate destas festas será a xornada ‘As Xentes do Mar’ organizada xunto ao CSIC en Galicia, no marco do programa Ciudad Ciencia, e co Consello da Cultura Galega. Esta terá lugar o sábado 25 de xuño ás 20:00h dentro da Lonxa de Panxón. A actividade consistirá nun encontro público e conversa entre Laura López, peixeira de Panxón xubilada de 85 anos; Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son, influencer e defensor da sustentabilidade da pesca; e Luisa Iglesias García, Técnica Superior do Grupo de Peixerías do Centro Nacional IEO-CSIC de Vigo. Estará moderada por Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e o obxectivo da mesma é fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras, a través da traxectoria profesional das persoas convidadas.

O presente ano 2022 foi declarado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas como o Ano Internacional da Pesca Artesanal baixo o lema: “Pequena escala, gran valor” e ao mesmo tempo, enmárcase na celebración do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible ata o ano 2030. Por iso, co gallo destas celebracións e precisamente coincidindo coas festas patronais de Panxón (parroquia de ancestral tradición mariñeira) o Consello da Cultura Galega, o Concello de Nigrán e o CSIC ofrecen esta xornada. 

Ponteareas conta cun vehículo de emerxencias co que poder actuar en zonas rurais e urbanas con dificultades

O Concello de Ponteareas recolleu este martes en Pontevedra un novo vehículo co que dotar ao servizo supramunicipal que atende emerxencias en toda a comarca. A Xunta fixo entrega á alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e ao Grupo Municipal de Emerxencias dun camión tipo Autobomba Rural Pesada (BRP) que permitirá o acceso a todo tipo de zonas que presenten dificultades, como poden ser estradas secundarias, pistas forestais ou camiños, e intervir así en incendios forestais, urbanos ou industriais.

A rexedora salientou a importancia de contar con este novo vehículo “que permitirá unha pequena renovación do parque móbil do Grupo de Emerxencias Municipal, que ata o de agora traballaba con dous vehículos cisterna con moitas horas de servizo”. “É fundamental dotar aos servizos de emerxencias do material necesario para poder solucionar calquera incidencia da mellor forma, tanto para a poboación como para unha contorna moi variábel como é a da nosa comarca. Isto, ademais, fará posible que as persoas que están detrás do Grupo de Emerxencias poidan desenvolver o seu traballo co menor risco posíbel”, lembrou Fernández Davila. Trátase dun vehículo de tracción integral 4×4 adaptado para acceder a calquera zona en área urbana ou rural, cunha cisterna de auga de máis de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, o que permitirá o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou ambas de forma simultánea en función das necesidades. Pola súa banda, o Concello de Ponteareas completou a dotación deste vehículo coa incorporación de material como mangueiras, lanzas e escaleiras.  

Deputación e Concello de Tui rematan a actuación na EP-3001

0

“Ás veces, só lle damos valor ás grandísimas obras, pero hai obras imprescindibles que transforman o espazo”, destacou hoxe a presidenta Carmela Silva ao referirse á mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil que veñen de rematar a Deputación e o Concello nun tramo da EP3001 ao seu paso pola zona de Rebordáns, e que hoxe visitou xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, e representantes da corporación. A actuación dá resposta a unha vella reivindicación da veciñanza e da corporación que preside Cabaleiro para garantir a visibilidade e a seguridade neste treito, onde se ten creado unha senda peonil e ampliado o radio da curva existente, cun investimento de 138.499€.

Carmela Silva subliñou que o viario “quedou extraordinariamente ben” e que a obra foi unha petición do alcalde, “que nos indicou que nesta zona era imprescindible traballar para garantir a seguridade, e certamente o cambio é moi importante”. Destacou a este respecto a colaboración co Concello para afrontar esta actuación, que foi financiada cun convenio no que a Deputación asumiu o 80% e a administración municipal o 20% restante. “Celebro que sexamos capaces, ao igual que co resto dos concellos, de traballar conxuntamente para mellorar as vías provinciais e acadar que a xente teña maior calidade de vida –apuntou-. Seguiremos traballando para mellorar Tui e a vida da xente de Tui”.

Neste senso, anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer outra importante actuación no concello baixo o modelo de mobilidade segura da Deputación, na estrada provincial que pasa por Ribadelouro: “Temos 1.700 quilómetros de vías provinciais nas que hai que facer unha gran revolución” non só no eido da mobilidade, senón tamén coa dotación de servizos “do século XXI, que reduzan costes e contaminación e dean resposta ás demandas da sociedade”.

Pola súa banda, o alcalde Enrique Cabaleiro, lembrou que esta inauguración “supón a superación dunha situación anacrónica desde hai bastantes anos nesta zona urbana, xa que esta estrada representaba amais certo perigo para a seguridade viaria e peonil e tiñamos que arranxala”. Agradeceu a colaboración da Deputación, “que atendeu esta petición de forma dilixente e a obra quedou moi ben”, así como o apoio de toda a corporación ao cofinanciamento da obra. Tamén destacou o apoio da institución provincial á outra actuación prioritaria, a humanización prevista en Ribadelouro, e anunciou que o Concello seguirá nesa liña “na aposta que ten este goberno para por en valor as infraestruturas do ámbito rural”. Anunciou así mesmo que solicitará novos proxectos para as parroquias do rural para “ir cumprindo aquelas premisas que nos formulamos ao principio do mandato”.  “Esta corporación está cumprindo os seus compromisos  -apuntou- e imos seguir traballando neste senso” e concluíu agradecendo a Carmela Silva “o compromiso de ir transformando toda a provincia”.

A actuación

A mellora da EP3001 desenvolveuse nun tramo de 155 metros, entre o pq 1+290 e o pq 1+445 e tiña como obxectivo dotar a estrada dunha zona de tránsito seguro e boa visibilidade. Para a mellora da mobilidade das persoas en condicións de seguridade construíuse unha senda peonil de 2,5 metros de ancho pola marxe esquerda, mentres que pola dereita, a estrada leva unha cuneta transitable. E, para mellorar as condicións de seguridade do tráfico, aumentouse o radio da curva existente, habilitáronse dous pasos sobreelevados na calzada e pavimentouse o treito con novo firme, amais da execución da sinalización. Tamén se melloraron servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións.

A Guarda Diversa volve a celebrar o Orgullo por terceiro ano consecutivo

0

As actividades arrancarán na xornada do martes día 28 coa colocación da bandeira do colectivo e coa publicación na web municipal e nas redes sociais do Manifesto a cargo do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba.

A parte central das actividades terá lugar entre o 30 de xuño e o 1 de xullo, e arrancará o xoves 30 ás 19:00h na Praza do Reló coa Mesa Redonda “A nosa Memoria tamén é diversa”. As persoas que participarán nesta mesa serán Eva Mejuto, escritora e activista LGTB, Daniela Ferrández, activista Trans, e Marcos López, comisario do proxecto “Memoria diversa” da Deputación da Coruña.

Durante a mesma departirán sobre a memoria das persoas Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans, temas que ata o momento quedaran fora dos estudos memorialísticos galegos. Destacan, neste ámbito, as investigacións de Daniela Ferrandez e o libro de entrevistas a maiores LGBT “Memoria Diversas” de Eva Mejuto, que centrarán a conversa moderada por Marcos López.

Continuando a programación, tamén o venres día 30 de xuño ás 21:00h, terá lugar na Praza do Reló o Espectáculo “Noite de Cabaret”, a cargo da Compañía teatral “Marinita y sus maromas”.

Neste espectáculo o elenco travístese e xoga cos xestos, a interpretación, a maquillaxe, a roupa e o xénero. Reivindicando e apoderando a palabra travesti mediante os seus espectáculos teatrais, en formato de comedia musical. Números de baile, canto, transformismo, clown. Empregan a arte escénica para reflexionar sobre o xénero, xogando coas características que o definen. Normalizando os corpos e as formas de amar disidentes. Utilizan tamén o humor para caricaturizar a nosa sociedade e visibilizar o absurdo e ridículo das normas e modelos de conduta cos que convivimos.

Xa na xornada do venres día 1 de xullo, ás 12:00h terá lugar no Castelo de Santa Cruz un contacontos e un obradoiro titulado “Os Bolechas: Somos como as cores do Arco da Vella”, a cargo da Asociación Nós mesmas e dedicada a público infantil de entre 3 e 8 anos.

Para asistir ás actividades non é necesaria inscrición previa e a entrada é de balde, ata completar aforo.

Máis información no CIM da Guarda, no teléfono 986 61 4648, na web municipal www.aguarda.es ou no correo electrónico [email protected].

Rógase a asistencia 10 minutos antes do inicio de cada acto.

A Cañiza colabora coa “Vía Mariana de Peregrinación Luso-Galaica que une Braga con Muxía”

0

O pleno do Concello da Cañiza, celebrado o pasado 2 de xuño, aprobou a sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación de Veciños de Parada – A Paradanta e a  Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Parada de Achas para a recuperación do entorno do Feirón, na parroquia de Parada e punto medio e de encontro da Vía entre Braga e Muxía.

Neste emprazamento da Cañiza construirase un pequeno Albergue de Peregrinos nun antigo local que antaño estaba destinado á carnicería e dun moderno centro de interpretación no actual centro cultural do Feirón. Unha edificación que será rehabilitada e adaptada conforme aos proxectos cos que xa conta o Concello.

Dúas obras que serán definitivas para converter Parada, e polo tanto A Cañiza nun lugar de referencia para os peregrinos. Antes da Pandemia, en menos dun ano a Vía xa tiña expedida  500 credenciais e contaba con 5 páxinas de Facebook en 5 países en mans de socios colaboradores: Portugal, España, Alemania, Hungría e República Checa.

Segundo manifestou o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, “esta vía é un proxecto altruista e ambicioso feito coa suma de talentos e vontades con moitos obxectivos á vista pero principalmente para atraer inversións e desenvolvemento para A Cañiza”.

“Por eso o Concello da Cañiza asume o compromiso de buscar e captar e obter a financiación necesaria para este proxecto, en calquera das administracións públicas (axudas  da Unión Europea, ministeriais, autonómicas ou provinciais)”.

“Tamén se compromete a desenvolver todas aquelas accións que teñan como obxectivo principal o asentamento de bases para a creación de riqueza, neste caso co turismo como cun gran potencial para loitar contra a despoboación do rural e para dinamizar e promover accións económicas revitalizadoras”.

https://www.facebook.com/viamarianalusogalaica/

A Xunta demostra o seu compromiso con Redondela con actuaciósn no IES Mendiño e no CEIP Outeiro das Penas

0

A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso cos centros educativos de Redondela a través de dúas novas actuacións no instituto IES Mendiño e no colexio CEIP Outeiro das Penas.

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou o devandito instituto para comprobar o resultado das melloras realizadas na pista polideportiva e de ampliación de espazos do centro, ás que o departamento educativo do Goberno galego destinou 110.000€.

Así mesmo, acaba de asinarse a acta de replanteo para dar inicio ás obras de eficiencia enerxética no colexio CEIP Outeiro das Penas. Cun investimento de máis de 375.000€, a actuación ten como obxectivo a substitución das carpinterías exteriores dos tres edificios que forman o centro. No seu lugar colocaranse novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre cristal tipo climalit. Así mesmo, renovaranse as persianas, instalando unhas novas de aluminio don illamento térmico. No caso das portas de saída ao exterior, serán tamén de aluminio con rotura de ponte térmica con cristais dobres tipo planitherm XN.

Proxectos en marcha

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa atención das necesidades dos centros educativos de Redondela. De feito, ademais destas dúas actuacións, a Xunta xa ten contratado a redacción do proxecto para a mellora das instalacións do colexio CEIP Cedeira, tal e como se acordou coa comunidade educativa do centro, e que suporá un investimento de 110.000€. Por outra banda, acaba de implantarse o demandado Bacharelato de Artes no instituto IES Pedro Floriani, centro no que tamén está prevista unha obra de ampliación.

O Centro Cultural do Porriño expón os traballos dos alumnos do IES Ribeira do Louro

O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico.

A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.

Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.

“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.

“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.

Nigrán será esta fin de semana a capital do teatro afeccionado do Noroeste peninsular

0

O Concello deNigrán continúa enchendo de teatro a súa programación cultural converténdose desde este venres 17 e ata o domingo 19 na capital do teatro afeccionado de todo o Noroeste peninsular. Se xuño comezou cunha estrea e unha gala a cargo do grupo local Teatro do Ar, agora o Concello acolle por vez primeira o festival da Plataforma Transfroiteiriza de Teatro Amador ‘Platta’ con grupos de Galicia, Portugal e Castela e León. Ademais de representacións a cargo das respectivas compañías destes tres territorios, o evento incluirá o domingo ás 12:00 horas unha lectura dramatizada en tres idiomas de ‘Los dulces años de la guerra’, de Luisa Villalta, un reto onde o elenco de actores e actrices trocará a súa lingua nai por galego, castelán ou portugués. Todo será no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar o aforro.

“Este ano asinamos un convenio con Fegatea por 7.000 € que nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir. Agora estamos felices de acoller este festival que ademais de apostar pola divulgación fomenta o intercambio de experiencias entre diferentes comunidades “, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza o teatro, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.

O festival arrancará o venres 17 ás 21:30 horas co grupo galego ‘Escoitade Teatro’ (Vigo) representando ‘Dominó Celeste ou Que vai ser de ti Ernesto?’. A histórica compañía celebra así os seus 50 anos subíndose aos escenarios. Que acontece cando es levado a un lugar para curarte? Por que non o entendes? Que atopas cando nada hai ao teu arredor? Por que o cerebro te leva por carreiros tan retortos? Quen provoca estes desvaríos?… Observa, entón, toda unha vida perfilada con lembranzas cando se rachan as ligazóns neuronais.

O sábado 18 ás 21:30 horas será a quenda da compañía de Castela e León Tramando Teatro, que representará ‘0,7% Molotov’, peza do autor galego Santiago Cortegoso e cunha montaxe de carácter social e político, que trata o tema da cooperación ao desenvolvemento.

O domingo 19 de Xuño, como colofón final, ás 12:00 horas haberá unha lectura dramatizada nos tres idiomas (galego, castelán e portugués) da obra ‘Los dulces años de la guerra’, da poetisa coruñesa Luisa Villalta, coa particularidade e dificultade engadida de que ninguén do elenco de actores e actrices o fará na súa lingua nai. Finalmente, o grupo portugués Nova Comedia Bracarense porá o punto final ás 18:00 horas con ‘O aniversario do Casamento’. Entre sorpresas, aventuras, anécdotas e conversas de carácter cultural, a historia desenvólvese a ritmo trepidante nun ambiente despreocupado.

PLATTA está formada pola Federación galega de teatro afeccionado, Federación de grupos afeccionados de teatro de Castela e León, Centro dramático de Viana (Portugal) e Erregueté Revista galega de teatro.

O Concello inviste na mellora do pavimento deportivo de “La Bombonera”

0

O Pavillón Polideportivo Municipal ‘As Marismas’, coñecido popularmente como La Bombonera, está a ser obxecto de obras de mellora que renovarán, por completo, a única pista que alberga a instalación e que ten un claro estado de desgaste que dificulta a práctica deportiva.

Os traballos desenvolvidos pola Concellería de Deportes que dirixe Nacho González, consistirán no recubrimento da actual pista cun pavimento deportivo aerea-elástico con acabado en madeira de faia, para o que se traballará sobre unha superficie total de 1001,51 metros cadrados.

“Escolleuse este tipo de pavimento por ser específico para pistas polideportivas nas que se practica o balonmán e fútbol sala, as dúas modalidades deportivas que principalmente se desenvolven nesas instalacións, pero tamén recomendado para  baloncesto, voleibol e bádminton”.

As obras, que contan cun investimento de 66 561,59 euros (IVE incluído) consistirán no estendido, en toda a superficie da pista, dunha subbase de espuma de poliuretano flexible de 15 mm e unha barreira antihumidade a base de lámina de polietileno.

Sobre esta base colocarase unha capa de listóns de contrachapado fenolico de 12 mii sobre a que irá unha capa de madeira de faia con acabado de barniz de Bona UV sportive específico para o uso deportivo.

Ponteareas acolle este verán un campus de fútbol e multideporte no campo da Lomba

Ponteareas acollerá do 27 de xuño ao 15 de xullo un campus de verán de fútbol e multideporte organizado pola academia de alto rendemento Adidas-Tecnifícate coa colaboración do Concello e do CDC Areas. Esta nova edición do campus será “unha escola de porteiros e xogadores, pero tamén unha oportunidade para gozar e seguir aprendendo do fútbol e de diferentes deportes”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O campus está dirixido a nenos e nenas de 5 a 14 anos e poderán inscribirse para participar unha, dúas ou tres semanas. A primeira quenda será do 27 de xuño ao 1 de xullo, a segunda do 4 ao 8 de xullo e a terceira do 11 ao 15 de xullo. As actividades desenvolveranse no campo de fútbol da Lomba en horario de 10.00 a 14.00 horas, con servizo de madrugadores e madrugadoras de 09.00 a 10.00 horas.

“Con este campus e con todas as actividades que organizamos cada verán dende o Concello buscamos ofertar unha alternativa de lecer lúdica, deportiva e saudábel que contribúa ademais á mellorar a conciliación familiar e laboral durante a época estival”, salienta o edil, que destacou o compromiso e aposta polo deporte base.

Durante os adestramentos empregarase un programa de tecnificación baseado na metodoloxía Coerver Coaching, que busca a mellora da técnica individual de xogadores e xogadoras e porteiros e porteiras tomando como modelos a figuras destacadas a nivel internacional. Estes adrestramentos, dirixidos a rapaces e rapazas que queiran practicar fútbol, estarán combinados con outras actividades deportivas.

As inscricións poderán facerse a través dun formulario web. As persoas interesadas poderán solicitar máis información a través do correo electrónico [email protected] ou de whatsapp nos teléfonos 689 35 98 61 e 677 24 47 78.

Preséntase no Pazo de Mos “O libro da rosa”

0

Onte presentouse no Pazo de Mos “O libro da rosa”. No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e 4 dos 10 autores do libro:

  • Agustín Agra
  • Diego Giráldez
  • María Xosé Porteiro
  • Miriam Couceiro

Xa se atopa rematado e en librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista.

Esta presentación chega no mellor momento posible: durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local: antonte 13 de xuño.

Un dos 10 autores, Xesús Fraga, vén de recibir recentemente o Premio Nacional de Literatura, o premio literario máis importante de España.Os 10 autores e autoras galegos contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:

  • AGUSTÍN AGRA
  • VICENTE ARAGUAS
  • MARÍA CANOSA
  • FRANCISCO CASTRO (O propio director de Galaxia)
  • RAQUEL CASTRO
  • MIRIAM COUCEIRO CASTRO
  • XESÚS FRAGA
  • DIEGO GIRÁLDEZ
  • MARÍA XOSÉ PORTEIRO
  • PURA SALCEDA

Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”. O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas. As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

Este venres ruta literaria pola cidade de Tui

0

A Concellería de Cultura do Concello de Tui continua avanzado no programa de actividades denominado “Tui en letras” que, ao longo dos meses de maio e xuño, ven ofertando un amplo programa de actividades de promoción da lectura e a lingua galega.

En concreto, este venres, 17 de xuño, chega a penúltima cita desta programación coa realización dunha “Ruta literaria pola cidade de Tui” na que os participantes recorreran diversos lugares da nosa cidade vinculados a figuras literarias tudenses: dende a casa familiar dos Álvarez Blázquez, pasando polo Seminario como lugar de estudo e formación de figuras como Teodosio Vesteiro Torres ou Manuel Lago González, ou visitando outros enclaves relacionados con Faustino Rey Romero, María Tydeska (María Gloria Pereira) ou lembrando figuras como o poeta galaico-portugués Golparro ou o escritor romántico Camilo Bargiela.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta actividade vincula o patrimonio material tudense co acervo cultural legado polos escritores e literatos que, ao longo do tempo, teñen enriquecido a nosa vida colectiva, moitos deles hoxe case esquecidos.

Finalmente, indicar que aínda que na programación inicial esta visita figuraba ás 19.00 h foi atrasada ata as 20.00 h debido ás altas temperaturas previstas tamén para o venres, que aconsellan esta modificación horaria.

Ocio educativo e nocivo na infancia, última charla este curso do ‘Educando en familia’

0

O programa ‘Educando en familia’ chega ao seu fin este curso escolar cunha nova charla coa que continuar dando resposta a moitas das inquedanzas coas que día a día se atopan nais e pais rosaleiros. A educadora social Angelina Gándara, de AGA Formación, pechará o ciclo de charlas este venres 17 de xuño falando cos pais e nais sobre o ‘Uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.

Con esta charla invitarase a todas as persoas participantes a reflexionar sobre temas como a saturación de axendas das crianzas e a hiperestimulación, afondarase sobre o que son ocios educativos e nocivos e destinarase un apartado destacado á importancia dun uso responsable das pantallas.

Con este encontro péchase unha programación “coa que se abordaron temas moi variados sobre a educación e a crianza e que permitiron achegar ás familias ferramentas prácticas para a vida cotiá”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A charla será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da web do Concello para reservar praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia das familias a estas charlas, ofertarase un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas cubertas para o que si é necesario reservar e confirmar asistencia.

A rexedora anima a toda a veciñanza a participar neste último encontro deste programa municipal co que se busca “apoiar a todas as familias rosaleiras que están en plena crianza, unha tarefa complexa que pode xerar moita inseguridade e medos en todos os pais e nais”.

Covelo visibilizará o seu rexeitamento á violencia de xénero a través dunha nova proba de orientación

0

O Concello de Covelo abre o prazo de inscrición para unha nova edición da actividade “Oriéntate Covelo: Non hai sitio en Covelo para o maltrato 2022”. A través desta proba de orientación o concello de Covelo quere visibilizar o seu rexeitamento á violencia de xénero.

Organizada polo departamento de servizos sociais do Concello, esta actividade é financiada polo pacto de Estado contra a violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

“Oriéntate: Non hai sitio en Covelo para o maltrato 2022” congregará, un ano máis, a familias e grupos con ganas de explorar. Organizada en horario de 10:30 a 13:30 horas terá lugar o domingo 26 de xuño de 2022.

Os equipos deberán ter un mínimo de 2 integrantes até un máximo de 5, e están establecidas dúas categorías: Crianzas, sendo obrigatorio que unha das persoas integrantes sexa menor de 12 anos. Distancia a percorrer de 5-6 Km (non sendo obrigatorio facer todo o percorrido). Categoría xuvenil e adulta donde todas as persoas integrantes do equipo sexan maiores de 12 anos (obrigatorio que haxa unha persoa do equipo maior de idade). Distancia a percorrer de 10-12 Km (non sendo obrigatorio facer todo o percorrido)

A carballeira do Campo da Feira será o punto de arranque no que se congregarán os equipos participantes armados de mapa,  tríptico e folla de balizas dispostos a realizar os mellores tempos.

Esta proba por equipos combina orientación con mapa e diferentes probas denominadas “especiais”.As persoas participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable, por terreo de bosque e urbano, tentando localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversas probas, que poden ser físicas ou de coñecemento. Estas probas farannos reflexionar sobre o maltrato e a importancia da loita contra a violencia de xénero. O

tempo máximo para realizar a proba é de dúas horas e media, e os equipos deberán acadar o maior número de puntos posibles.

A organización explica que existe a posibilidade de rematar a proba en menos tempo de establecido, no caso de ter completado tódolos puntos ou non querer continuar coa actividade.

Os equipos deciden libremente a orde de búsqueda e o ritmo a seguir (andando ou correndo), non sendo obrigatorio o paso por todos eles. Cun alto compoñente estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo son claves para completar a proba con éxito.

Toda a información nesta ligazón

http://www.concellodecovelo.es/archivos_editor/file/20220610_Outros_Bases_BASES ORIENTATE NON HAI SITIO EN COVELO PARA O MALTRATO.pdf

Para inscribirse https://covelo.sedelectronica.es/info.0.

O CEIP Mallón gaña o ‘I Certame Infantil e Xuvenil de relatos curtos Carlos Casares’

0

O CEIP Mallón resultou o colexio gañador do ‘I Certame Infantil e Xuvenil de relatos curtos Carlos Casares’ convocado polo Concello de Nigrán co obxectivo de promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres no 20 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Nigrán, Juan González, e o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, entregaron no propio centro educativo ao alumnado de 3 de Primaria cadansúa medalla, bolsas con libros, diploma e trofeo. A maiores, o colexio recibirá unha representación teatral no seu centro a cargo de Teatro do Ar e cos propios relatos como fío conductor e un lote de libros para a Biblioteca. O Concello solicitou unha subvención á Dinamización Lingüística de Xunta para este asunto.

O concurso, dirixido a todos os colexios do municipio e con posibilidade de presentar relatos realizados en grupo, contou coa participación de 6 obras elaboradas de xeito colectivo e todas pertencentes á categoría ‘Cativos’ (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010). O seleccionado por unanimidade do Xurado como vencedor foi ‘Un becho no colexio’, firmado baixo o pseudónimo de ‘Os protectores da natureza’ e correspondente a 3 de Primaria do CEIP Mallón. Todos os relatos están pendurados na web www.nigran.es.

No veredicto destacan por riba de todo “a orixinalidade da obra (unha píntega rabilonga que fala) e a propia calidade literaria, xa que se trata dunha narración fantástica chea de imaxes e cunha redacción moi fluida e traballada. Ao mesmo tempo, o relato transmite valores vinculados á concienciación medioambiental e a protección da biodiversidade no noso propio territorio, amosando neste sentido a importancia da responsabilidade individual en cada pequeno xesto da nosa vida cotiá”. Igualmente, o xurado (composto por Gustavo Garrido, xerente da Fundación Carlos Casares; Beatriz Gil, propietaria da librería ‘Paraísos de Papel’, e María Villar, xornalista no Concello de Nigrán) subliña o excelente nivel das demais obras presentadas, todas elas de gran calidade literaria, moi orixinais nas súas formulacións, apegadas a Nigrán e a nosa cultura, cheas de valores e cun perfecto manexo da lingua galega.

O Concello aposta por manter este certame de xeito anual adicado a figura dun dos seus veciños máis ilustres e avanza un verán cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións.

O Concello de Baiona asina o seu primeiro convenio con Afaga

0

O Concello de Baiona e a asociación Afaga Alzheimer, asinaron por primeira vez un convenio para desenvolver accións conxuntas en beneficio das persoas con demencia e dos seus familiares.

Este acordo foi asinado por Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona e Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga Alzheimer, tras unha reunión na tamén estaba presente Conchy Vara, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Baiona.

Trátase da primeira vez que se rubricou este tipo de convenio no consistorio baionés e a asociación. A colaboración entre ambas as entidades ten por obxecto impulsar actividades conxuntas que melloren a calidade de vida das persoas con demencia e/ou os seus familiares.

Entre estas accións destaca a posta en marcha de campañas de formación á poboación da localidade dirixidas ao diagnóstico precoz do alzheimer e outras demencias, a organización de talleres e conferencias divulgativas, a organización de actividades formativas e de acompañamento para coidadores familiares e a cesión de espazos para o desenvolvemento de proxectos piloto de atención ás persoas con demencia.

O primeiro edil mostrou a súa satisfacción polo feito de que “por primeira vez este Concello asina un convenio con esta entidade que tan bo labor fai de divulgación e concienciación, así como de apoio e acompañamento ás persoas que padecen esta enfermidade e asus familiares. O obxectivo é estreitar os lazos que nos unen para traballar xuntos e facer canto estea na nosa man para axudarvos no voso labor e colaborar naqueles actos que organicedes”.

O rexedor valora de forma moi positiva este acordo: “Coa firma deste convenio damos un paso máis na atención ás persoas que teñen unha demencia e ás súas familias, son accións que xa se están realizando grazas á estreita colaboración que o Concello de Baiona mantén con Afaga, pero desta forma poñemos sobre o papel o compromiso que ambas as entidades temos e tamén asumimos o reto de ampliar e impulsar os proxectos para abarcar así un núcleo de poboación cada vez maior -posto que o número de persoas con demencia tamén aumenta cada ano- e para ofrecer unha mellor atención”.

Gómez Prado concluíu que “en definitiva, con esta colaboración trátase de impulsar actividades conxuntas que melloren a calidade de vida das persoas con demencia e a dos seus familiares”.

Afaga Alzheimer vén desarollando en Baiona os talleres do Programa de Estimulación Terapéutica e o taller “Cultiva a mente”, unha serie de talleres que teñen como obxectivos específicos:

• Manter as capacidades mentais e funcionais o maior tempo posible.
• Evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais.
• Facilitar o descanso aos coidadores e as súas familias.
• Mellorar o seu estado emocional.

Estas actividades desenvolvésense no Multiusos Ángel Bedriñana do Concello de Baiona na rúa Carabela Pinta.

Xa son moitos os veciños do municipio que se beneficiaron destas actividades unha experiencia que cualifican moi enriquecedora para todos eles. Coa firma deste convenio reforzaranse as accións.

O alcalde e a concelleira “queren agradecer a Afaga o seu traballo pola saúde dos e as maiores” e lembra que no Concello “sempre camiñaremos da man das asociacións que traballan para mellorar o benestar da veciñanza”.

A Policía Local de Redondela detén a unha parella da Coruña por un delito de lesións

0

A Policía Local do concello de Redondela detivo a unha parella da Coruña por un delito de lesións. Os feitos remóntanse á madrugada do pasado sábado, onde durante o Festival Millo Verde (ubicado na praia de Cesantes), recibíronse varias chamadas á policía.

Entorno ás 12 da media noite, recibíanse varias chamadas alertando dunha riña durante a cual un vixilante había quedado inconsciente tras ser golpeado por un varón e unha muller.

Unha vez desprazadas varias unidades da Policía Local ao lugar dos asuntos, e tras esclarecer os feitos ocorridos, grazas ás testemuñas e parte da organización, sábese que o vixiante que controlaba o acceso ao recinto, dispúxose a revisar unha mochila, cando o home propinoulle unha puñada e, unha vez no chan e xa inconsciente, este seguiu sendo golpeado polo home e a muller que lle acompañaba.

Ao chegar ao lugar, o vixiante estaba a ser atendido por testemuñas. Ademais, os agresores estaban a ser retidos por particulares ata que chegase a policía.
Tras unha actuación destacable por parte da Policía Local de Redondela, os dous agresores foron detidos. O vixiante foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro debido á gravidade das súas lesións, onde estivo ata o domingo que recibiu o alta hospitalaria e achegouse a interpoñer unha denuncia aos agresores.

Durante os feitos, tamén se achegou unha patrulla da Policía Nacional, que colaborou xunto cos axentes locais de Redondela

O Porriño recupera as tradicionais alfombras do Corpus

O Porriño recupera unha fermosa tradición: as alfombras do Corpus, que levan seis anos sen adornar a vila.  

Os preparativos para a elaboración dos tapices florais que lucirán o día 19 xa comezaron. Un grupo de voluntarias da Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios Rosais encárgase xa de preparar o material para os mantos florais que engalanarán as rúas.

O Porriño convertirase unha explosión de cor que invita a pasear dende a igrexa de Santa María ata a praza Arquitecto Antonio Palacios para disfrutar das cores e aroma de miles de flores.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse onte a compartir coas voluntarias  un ratiño de traballo e conversa. Ángeles, Chelo, María, Adela e Chiruca estaban a esfollar mimosas mentres Rosa se encargada de tinguir o serrín que se utilizará para elaborar os deseños.

Arena, serrín, mimosas, madeira, rosas, hortensias ou árnica darán forma aos debuxos.

“O entusiasmo destas mulleres non só fará máis fermosa se cabe a vila, tamén contribúe a perpetuar unha valiosa tradición para moitos porriñeses e porriñesas e por iso contarán sempre co noso apoio. Estes tapices son cultura, tradición e arte”, apuntou o rexedor.

Cabe destacar que as alfombras comezaron a elaborarse no Porriño no ano 1994 e cada centos os veciños e veciñas participaban da noite do Corpus.

As persoas interesadas en colaborar poden solicitar máis información chamando ao teléfono do Concello onde lles indicarán onde dirixirse.

Ponteareas acolleu o campionato galego máster de verán de natación

A fin de semana do 11 e 12 de xuño celebrouse o campionato galego máster de verán no Complexo Deportivo Álvaro Pino, en Ponteareas.

O evento pecha a tempada 2021-22 de natación en liña (piscina) e da paso á natación en augas abertas, con múltiples travesías programadas para os meses de verán en toda a xeografía galega. 

31 clubes e máis de 300 nadadoras e nadadores estaban convocados a este campionato, primero tras deixar atrás as restriccións polo covid19, que permitía por tanto a presenza de público e a volta ao formato orixinal en dúas xornadas sen división de categorías.

Gran ambiente, moito nivel (crecendo ano a ano) deportivo e sobre todo moitas ganas de gozar do deporte de competición é o resumo do acontecido na capital do condado esta fin de semana. O evento tivo ademáis o seu impacto na economía local e na difusión da festividade do Corpus entre os participantes das probas.

No referente aos títulos, o club natación Ponteareas fíxose co campionato na clasificación masculina, feminina e conxunta, pechando este curso de forma sobresaínte.

ADOS conmemora o Día Mundial do Doante de Sanguecoa cifra récord de tres millóns de doazóns

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) remarca hoxe a xenerosidade dos doantes galegos, con ocasión da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, institucionalizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). O lema de este ano “Doar sangue é un acto de solidariedade. Súmate ao esforzo e salva vidas”, pon en valor o papel crucial que desempeñan as doazóns altruístas de sangue para que milleiros de persoas poidan seguir vivindo.

Este ano, ademais, ADOS quere darlle tres millóns de grazas a toda a cidadanía galega. A súa implicación e solidariedade permitiu acadar a cifra de tres millóns de doazóns dende os seus inicios, no ano 1993. E grazas a todas as entidades, aos concellos, aos centros educativos, empresas, irmandades de doantes e a todos os colectivos que día a día, dende hai 29 anos, teñen contribuído a crear unha conciencia solidaria e proclive á doazón de sangue.

Con motivo desta celebración, o xerente do Sergas, José Flores, acompañado da directora de ADOS, Marisa López, acudiu á unidade móbil emprazada diante do Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade. O xerente agradece e salienta a solidariedade e xenerosidade da cidadanía galega, sempre disposta a colaborar, o que permitiu alcanzar eses tres millóns de doazóns.

Por iso hoxe, ADOS e Sanidade queren dar tres millóns de grazas a todas aquelas persoas que permiten acadar entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias, que posibilitan o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos nosos hospitais.

Tamén danlle as grazas a todas as entidades, aos concellos, aos centros de ensino, empresas, irmandades de doantes e a todos os colectivos que día a día contribúen a crear unha conciencia solidaria e proclive á doazón de sangue.

Por último, incidir na necesidade de doar sangue para que o noso sistema sanitario poida seguir funcionando de forma adecuada, e lembrarlle a toda a cidadanía que poden doar sangue nos locais permanentes de doazón das sete grandes cidades galegas, ou ben, nalgunha das dez unidades móbiles que se desprazan, ao longo da semana, por toda a xeografía de Galicia.

Iluminación de edificios

ADOS agradece tamén, unha vez máis, o compromiso e colaboración de todos os concellos de Galicia no labor diario que desenvolve a Axencia, e que permite achegar a doazón de sangue, mediante o desprazamento das unidades móbiles á cidadanía, ademais de favorecer a realización de iniciativas de sensibilización e promoción da doazón.

Froito desta colaboración é a iluminación, na noite do 13 xuño, das Torres Hejduk da Cidade da Cultura e o Pazo de Raxoi de Santiago, a Fonte de Catro Camiños de A Coruña ou a Ponte Vella de Ourense, así como o Teatro Jofre de Ferrol, a Casa do Concello de Pontevedra ou as Fontes da Rúa Aragón de Vigo, de cor vermella, como elemento simbólico de agradecemento a todas as miles de persoas que, co seu xesto solidario da doazón de sangue, contribúen a que moitos doentes poidan solucionar os seus problemas de saúde, e mesmo salvar a vida.

Desprazamentos das unidades

ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:

DATACONCELLOS
Martes 14 de xuñoBetanzos, SOFTTEK e Os Mallos (A Coruña), Servizos centrais de INDITEX, TELEVES, Praza Roxa (Santiago) Consellería de Sanidade, zona da Ferrería (Pontevedra), Centro Comercial Travesía de Vigo, As Travesas (Vigo),Castro de Rei Castro Ribeiras de Lea, Rúa do Paseo (Ourense)
Mércores 15 de xuñoAlcampo (Ferrol), Hesperia A Coruña, Vilaboa (Culleredo), Servizos Centrais INDITEX, Parlamento de Galicia, Cabo de Cruz (Boiro), Consellería de Medio Ambiente, Guardia Civil (Pontevedra), Grupo Junquera (Vilagarcía), BORGWARNER e Rúa do Pincipe (Vigo), Edificio da Xunta (Lugo), Sober, Ferreira de Pantón, A Merca, Taboadela, Maside
Xoves 16 de xuñoMiño, Cantón-Obelisco (A Coruña), Servizos Centrais INDITEX, C.C. As Cancelas (Santiago), Castiñeiras e Carreira (Ribeira), Vilagarcía, FAURECIA e ZFTRW (Vigo), Cangas, Praza Maior (Lugo), Macendo e Barral (Castrelo de Miño) Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía
Venres 17 de xuñoPontedeume,DECATHON (Oleiros) Sada, MAFRE e T.G.S.S. (A Coruña), Boiro, Cacheiras (Teo), Vilagarcía, Colexío Niño Jesus de Praga (Vigo), Cangas, Monforte, Xinzo de Limia
Sábado 18 de xuñoPontedeume, O Burgo (Culleredo), Boiro, Cangas, Xinzo de Limia

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:

  CENTROHORARIO
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑALuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROLLuns das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas Venres das 8.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGOLuns e venres das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSELuns e venres de 8:00 a 15:00 horas  
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRALuns e venres de 8.00 ás 15.00 horas  
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGOLuns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás 15.00 horas

90 deportistas foron homenaxeados onte, con motivo do Día da Rosa, no acto Xoga Mos c@s Mellores

0

Todos os clubes e deportistas individuais mosenses con logros deportivos durante os últimos 4 anos foron homenaxeados onte, 13 de xuño e Día da Rosa, ás 20h no Multiusos das Pozas, no acto titulado Xoga Mos c@s Mellores.

Tratouse dun acto multitudinario co auditorio cheo ata a bendeira, cun total de 90 galardoados (acompañados de familia e amigos) que inclúen 4 mencións especiais: a Florentino Soliño Rodríguez, que leva máis de 50 anos na directiva do Alerta Club de Fútbol, a Alejandro de Miguel e Alberto Costas, e unha homenaxe póstuma ao gran Alejandro Gómez (para a que estivo presente a súa muller, Paula Hernández).

Entre os galardoados houbo deportistas e clubes das disciplinas máis variadas e variopintas, desde o coñecido como deporte rei, o fútbol, ata os máis exóticos como a capoaeira. E é que Mos conta con campións das disciplinas deportivas máis variadas, “Mos é terra de DEPORTE con maiúscula. De deportistas de primeiro nivel”, aseguran a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, José Areal.

“Non hai mes que non recibamos no Concello a un deportista ou clube, ou varios, para felicitalos polos seus novos logros deportivos. E non son méritos menores, xa que temos en Mos desde campións provinciais ata autonómicos, de España, de Europa e incluso do Mundo”, insiste Arévalo, rexedora local.

Por iso queda claro que Mos atópase moi ben situado no mapa deportivo, destacando no fútbol, co UD Mos Feminino en Primeira Nacional, ou con Rubén Blanco e Brais Méndez no primeiro equipo do RC Celta (Brais ademáis debutou como internacional coa Selección Española Absoluta). E en disciplinas tan variopintas e variadas como: A Capoeira. O Taekwondo. E outras disciplinas de artes marciais (Taekwondo) e deportes de contacto (Kick Boxing e Full Contact)… O Tiro con Arco. A Hípica. O Xadrez. O Ciclismo. A Natación. O Atletismo. O Alpinismo. O Tenis de Mesa. A Patinaxe. Deportes de Motor e Náuticos, O Baile, O Balonmán, O Deporte Adaptado, … A sección de deportes de motor contou cun padriño de excepción para entregar os trofeos: Cándido Carrera, copiloto de rallys ao carón de Dani Sordo.

Ademais en Mos hai campións de todas as idades, desde a categoría biberón do Club Louro Tameiga e Unión Deportiva Mos, ata a gran Celia Iglesias, nadadora do Club Natación Mos con máis de 90 anos.

Campións auténticos referentes a nivel mundial, e con pavillóns deportivos municipais mosenses bautizados co seu nome. Como son os 3 grandísimos e inigualables: Óscar Pereiro. Patricia Martínez. E Soledad Castro.

Grandes mulleres deportistas que triunfan en disciplinas nas que habitualmente destacan os homes: Susana Alonso Carballo: bicicleta de montaña. E Verónica Romero: alpinismo, expedicións polares e atletismo de alto rendemento competindo contra homes.

Toda unha amalgama que suma 90 galardóns, que foron entregados co obxectivo de poñer ao deporte mosense como verdadeiro protagonista e como broche de ouro ao Día da Rosa. O conductor do acto e mestre de ceremonias foi o presentador deportivo da TVG, Carlos Macía.

Os mellores deportistas foron:

  • Xes Argüelles Presa – Tiro con arco.
  • Nadia Bouzas – Taewondo.
  • CD Taekwondo Zusanli – Taewondo.
  • Sara Vieitez Mariño – Kickboxing.
  • Laura Fernández Castro – Kickboxing.
  • Alex Manuel Castro – Kickboxing.
  • Arturo Martín Seminario Wunder – Capoeira.
  • Yara Iglesias – Hípica.
  • Lara Pereira – Hípica.
  • Saray Piñeiro Giraldo – Hípica.
  • Mencía Domínguez Rodríguez – Hípica.
  • Antía Domínguez Rodríguez – Hípica.
  • Escola de Equitación San Cosme-Club Hípico Alazán.
  • José Lorenzo e Yeray Lorenzo – Motonáutica.
  • Bryan Barreiro Rivero – Motociclismo.
  • Manuel Sío Pazó – Karting.
  • Club Tenis de Mesa Mos – Tenis de Mesa.
  • Club de Patinaxe Xiramos – Patinaxe Artística.
  • Club de Patinaxe Rosaleira – Patinaxe Artística.
  • Heber Rodríguez Vaquero – Triatlón Indoor (Deporte Adaptado).
  • Club Xadrez Mos – Xadrez.
  • Óscar Pereiro – Ciclismo.
  • Susana Alonso Carballo – Ciclismo.
  • Marcelino Giráldez – Ciclismo.
  • Patricia Martínez – Baile Deportivo.
  • As Meninas – Danza Coreográfica.
  • Rubén Cabaleiro – Ballet.
  • Club Natación Mos – Natación.
  • Soledad Castro Soliño – Atletismo.
  • Verónica Romero – Atletismo e Alpinismo.
  • Club Deportivo EVD Galicia – Atletismo Adaptado.
  • Sarai Sanmartín – Balonmán.
  • Brais Méndez – Fútbol.
  • Rubén Blanco – Fútbol.
  • Germán Alonso Lourido – Fútbol.
  • Bryan Bugarín – Fútbol.
  • Club Louro Tameiga – Fútbol.
  • Unión Deportiva Mos – Fútbol.
  • Florentino Soliño Rodríguez – Mención Especial (máis de 50 anos na directiva do Alerta Club de Fútbol).
  • Alejandro de Miguel – Mención Especial (Atletismo).
  • Alberto Costas – Mención Especial (Atletismo).
  • Alejandro Gómez – Mención Especial Homenaxe Póstuma (Atletismo).