Domingo, 25 Maio de 2025

Gran acción da Policía Local de Tui tras caer unha muller por un talude

0

Axentes da Policía Local de Tui rescataron este martes, 27 de decembro, a primeira hora a tarde a unha muller que caera por un talude duns catro metros ao río Miño en Caldelas.

Os feitos tiveron lugar no lugar de O Cachón na parroquia tudense de Caldelas este pasado martes pasadas as dúas da tarde cando a muller tentando rescatar a un dos cans caeu polo talude sendo incapaz de saír. Foi unha veciña que a acompañaba a que deu a voz de alarma ao 112, que a súa vez trasladou o aviso á Policía Local de Tui.

A patrulla ao chegar ao lugar atopouse a muller co auga polo nocellos nunha zona de moi difícil acceso á beira do río, coas paredes de apoio estaba moi esvaradizas ao ter terra blanda e solta. Os axentes empregaron cordas e arneses para poder acceder ao lugar e rescatar tanto á muller coma aos seus tres cans.  Até o lugar acudiron tamén os Bombeiros do Baixo Miño, aínda que non foi precisa a súa  intervención xa que os axentes da Policía Local xa tiñan completado o rescate.  Non foi precisa a intervención dos servizos sanitarios nin da Garda Civil que foran tamén alertados.

O Concello da Guarda recibirá 1.000.000 euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino

0

O pasado martes día 27 de decembro o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, trasladáronse ata Santiago de Compostela para participar na presentación dos diferentes proxectos de modernización dos destinos turísticos de Galicia que se poñen en marcha dende o Goberno do Estado e que suman investimentos por valor de 85.7 millóns de euros, dos cales A Guarda recibirá 1 millón de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou o pulo extraordinario do Goberno de Pedro Sánchez á modernización dos destinos turísticos de Galicia con investimentos en 34 proxectos de sostibilidade turística que impactan na totalidade do territorio galego:  “É o Goberno de Pedro Sánchez o que impulsou na crise da COVID a figura dos Plans de Sostibilidade Turística e é este Goberno o que, coa colaboración do resto de administracións, co liderado da ministra Reyes Maroto, e coa oportunidade histórica dos fondos Next Generation, está a promovela por todo o territorio”.

José Miñones mantivo este martes en Santiago unha reunión con responsables das administracións implicadas nestes investimentos, na que estiveron presentes Antonio Lomba e Rafa Álvarez, para avaliar o seu impacto no territorio e no sector. O delegado detallou que, dende ano 2020, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio resolveu tres convocatorias ordinarias e dúas extraordinarias para financiar a execución destes plans de modernización de destinos turísticos.

Este ano 2022, a convocatoria extraordinaria resolveuse o pasado 14 de decembro. En Galicia, esta resolución suma 16 accións máis ao listado anterior, cunha achega do Goberno de 34,5 millóns de euros. A suma do total de aportacións do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dá como resultado 85,7 millóns de euros de fondos estatais en 34 destinos “para crear en Galicia un novo modelo turístico baseado en criterios de sostibilidade e de calidade ao máximo nivel internacional”, sinalou o delegado.

Neste foro, o delegado do Goberno reiterou o papel das entidades locais de Galicia neste ámbito, xa son as encargadas de deseñar e de executar a maior parte das actuacións que financia o Goberno e que “dinamizarán cidades, vilas e aldeas de toda Galicia”.

A execución corresponde, nos Plans de Sostibilidade, ás entidades locais promotoras de cada iniciativa, e nas Actuacións de Cohesión Territorial, á Xunta de Galicia. O Goberno transfire o orzamento íntegro ao Goberno Autonómico e esta administración é a que, posteriormente, inviste nos seus proxectos e fai chegar as cantidades adxudicadas a concellos, mancomunidades, agrupacións ou deputacións provinciais para desenvolver os seus propios.

– PSTD “A Guarda”. Concello da Guarda. 1.000.000 euros. O plan inclúe actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso público do espazo natural do Monte de Santa Tegra implantando medidas que regulen o acceso nun espazo da alta presión en número de visitantes (fomento da mobilidade sostible), así como de protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño.

O Club de Patinaxe Covelo celebrou o seu festival de Nadal

0

Dende o ano 2004 o Club de Patinaxe Covelo promove, en cada adestramento e competición, os valores do esforzo e sacrificio pero tamén ese termo que nestes últimos anos está tan de moda, a resiliencia, tan necesaria para superar cada caída e saber levantarse reforzado disposto a afrontar un novo reto.

Coidar non só da túa saúde física, tamén da mental, é indispensable para un día a día saudable e diso tamén se preocupan dende o Club de Patinaxe de Covelo que ofrece aos pequenos e pequenas de Covelo e da contorna unha actividade tan completa como a patinaxe artística. No seu afán de beneficiar e brindar oportunidades a un maior público hai catro anos fundaron o Club Tea que ofrece os seus adestramentos no concello veciño de Ponteareas.

Como cada ano, celebraron o seu festival de nadal para amosar ao público o seu agradecemento e o seu traballo con exhibicións e sorpresas porque non todo é adestrar e competir.

O Club de Patinaxe Covelo leva organizado distintos campionatos de España nas categorías de infantil (2005), cadete (2008), alevín (2010), xuvenil (2014) e tamén o Trofeo Internacional Cruceiro de Covelo que dende o ano 2009 atrae ao concello a patinadoras/es de toda España. Ademais acolleron distintos campionatos Deputación de Pontevedra, campionatos galegos, campionatos provinciais e o Trofeo Xunta entre outras moitas probas que aportan ao concello unha constante actividade deportiva.

As súas e os seus patinadores levaron o nome de Covelo por campionatos e podiums españois e europeos e, na actualidade, contan con adestradoras/es profesionais que medraron no propio club. A adestradora Antía Pimentel e Carmen Moreira e Xabi Gómez do equipo técnico transmiten, xornada tras xornada, non só a súa experiencia e coñecementos, tamén o cariño polo club que os acompañou ao longo da súa vida.

En dezaoito anos consecutivos conseguíronse numerosos trofeos, campionatos galegos, provinciais… asentando a práctica deste deporte na bisbarra, descoñecido para moitas e moitos, pero que, nestes intres, está á cabeza dos deportes polo seu nivel de traballo, dedicacións e paixón.

No club hai sitio para todas e todos e así reparten aos seus deportistas en tres grupos: iniciación (3-17 anos de idade) para que coñezan este deporte a calquera idade, preclub para as e os que queren especializarse nesta disciplina e club para aquelas e aqueles que xa queren afrontar o reto das competicións.

A directiva do club sinala que o club está aberto a todas as persoas que queiran coñecer esta práctica deportiva e poden contactar no número de teléfono 645 43 83 58.

Redondela despide o ano coa “Festa Infantil de Fin de Ano” e un concerto de París de Noia

0

O Concello de Redondela presenta a popular festa de Pre-Fin de ano que se celebrará o 30 de decembro no Campo da Feira con París de Noia e Móbil DC para festexar a entrada do ano novo bailando. Ademais inclúese unha iniciativa pioneira na que se dedicará espazo a unha festa de Pre-Fin de Ano para os máis cativos e cativas na Praza da Constitución e na Alameda de Castelao, o 31 de decembro.

A Praza da Constitución en Redondela e a Alameda Rosalía de Castro de Chapela serán escenario, o  sábado 31 de decembro, de senllas Festas Infantís de Fin de Ano, actividade chea de música, xogos e actividades para que as e os máis pequenos poidan despedir o 2022. Ámbalas dúas festas terán lugar entre as 11 h e 13 horas.

Debido ao mal tempo, o concello decidiu instalar unha carpa no Campo da Feira para que a choiva non impida disfrutar da celebración. En canto as festas infantís, en caso de choiva forte trasládase a actividade ao Multiusos da Xunqueira e o Multiusos de Chapela.

Como en toda Festa de Fin de Ano que se prece, non faltarán as badaladas e as uvas para dar a benvida, por adiantado, ao 2023. A actividade contará coa presenza da Coca Simona e haberá moitas máis sorpresas.

“As nosas nenas e nenos teñen que poder divertirse despois de pasar anos de restriccións pola pandemia. Son os que máis se merecen festexar neste nadal e nós temos que poñer todo da nosa parte para facelo posible”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

Ponteareas homenaxea á escritora ponteareá Emilia Estévez Villaverde cun recopilatorio da súa obra

Con “Airiños do meu lugar e outros textos” o Concello de Ponteareas aumenta a súa colección que naceu para por en valor o traballo creativo de moitos veciños e veciñas da vila do Tea: “Creadores Ponteareáns”.

Nesta ocasión, a homenaxeada é a escritora Emilia Estévez Villaverde. A obra desta ponteareá abrangue a poesía, a narrativa infantil e o ensaio. A súa primeira publicación foi precisamente “Airiños do meu lugar”, un poemario dedicado a Ponteareas.

A presentación desta nova obra, que contará coa presenza do prologuista da mesma, o profesor Rafael Sánchez Bargiela, terá lugar este xoves 29 ás 19:00 horas na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal. O acto completarase cun recital de poemas da autora a cargo de varias persoas referentes no mundo da escritura.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegura que “na vila do Tea agardamos con moita ilusión a presentación desta obra literaria, pois supón un paso en firme máis cara a valorización e o recoñecemento da creatividade das e dos nosos devanceiros”.

Este mesmo xoves, Ponteareas acollerá outro evento dedicado ao público infantil e xuvenil. A partir das 20:30h, na Sala Multiúsos terá lugar a presentación do libro ilustrado ‘Saínza, a punkiereteira’, obra do ilustrador Cristian F. Caruncho, e de María Canosa, cuxo personaxe principal está inspirado precisamente no grupo As Punkiereteiras de Ponteareas. O acto contará tamén cunha sesión de sinaturas e de debuxo en vivo.

O Club mosense Zusanli de Taekwondo gaña 8 medallas na Copa Galicia

0

Onte pola tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción aos medallistas do Club Taekwondo Zusanli na Copa Xunta de Galicia.

O tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, o concelleiro de Deportes, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal felicitaron ao clube polo gran papel xogado os pasados 22 de outubro e 19 de novembro no campionato de técnica Copa Xunta de Galicia 2022.

A fase provincial, que se disputou en Bueu o 22 de outubro, contou coa participación de 23 dos alumnos de Zusanli. Destes 23 participantes clasificáronse para a fase autonómica 13 deles, con idades comprendidas entre os 5 e 18 anos.

A fase autonómica disputouse o sábado 19 de novembro en Cuntis, e 8 dos taekwondistas de Zusanli acadaron o podio:

  • Eduardo Román: ouro.
  • Juan Barcia: bronce.
  • Eduardo Manuel Torres: bronce.
  • Xoel Fernández: prata.
  • Adrián Lorenzo: prata.
  • Ignacio Román: bronce.
  • Brais Fernández: ouro.
  • Anxo Fernández: ouro.

Para os 2 máis cativos, Anxo e Xoel con 5 aniños, foi o seu primeiro campionato e alcanzaron o ouro e a prata, respectivamente.

Continúa o Nadal da Guarda

0

O Concello da Guarda continúa esta semana coa programación de actividades do nadal con maxia, circo, cinema, música a moito máis.

Na xornada da tarde deste martes día 27 de decembro ás 18:00h o Centro Cultural acolle o espectáculo de maxia co Rey Midas, un dos mellores showmans do momento en Galicia que chega á Guarda con moita Maxia, Humor e Misterio, nun só espectáculo, un show con moito ritmo de principio a fin. 20 Anos de experiencia para o desfrute de todos e todas!

Tamén na tarde deste martes adiantase o pasarrúas previsto para a xornada do mércores, que pola previsión meteorolóxica vaise a celebrar ás 19:00h dende a Alameda ata a Praza de Avelino Vicente. Este é un espectáculo para todos os públicos que nace da tolería e idiotez dos seus protagonistas, Mirroska e Juanito son os dous clowns deste divertido espectáculo de rúa. Mirroska explosiva e provocadora nata, que fai da ironía o seu medio de expresión e da risa o seu traballo e Juanito, este neno grande de poucas palabras que é un cocktail de técnica e de humor, da fusión destes dous e do público crease a maxia do teatro de rúa, son risas aseguradas.

O xoves 29 de decembro ás 20:00ho Centro Cultural da Guarda acolle o Concerto Ventos de Nadal cos grupos seccionais da Agrupación Musical da Guarda, cuarteto de clarinetes e grupo de metais.

Xa case para rematar o ano o venres día 30 de decembro chega o cinema infantil coa proxección de “Los Elfkins” ás 18:00h no Centro Cultural. Unha película apta para todos os públicos e indicada especialmente para os nenos e nenas onde se conta a historia dos Elfkins, que ao longo de máis de 200 anos viven baixo terra, escondéndose do mundo superior e evitando calquera interacción con humanos “ingratos e malvados”. Pero un día, Helvi, Kipp e Butz deciden subir á superficie da terra. Despois de moitas aventuras, Helvi faise amigo de Theo, un pasteleiro un pouco malhumorado que lle lembrará a ela e a todos os demais Elfkins o seu verdadeiro propósito na vida: axudar aos demais.
Unha película tenra e divertida con aires que nos lembran a Ratatouille no referente a seres diminutos que se apoderan da cociña para atopar unha boa conclusión para estes tempos: que a veces se nos esquece gozar co que temos.

O sábado 31 de decembro chega a Carreira San Silvestre á Guarda, un evento deportivo con saída  ás 17:00h. da Praza de Avelino Vicente e no que haberá agasallos con vales de compra no comercio Guardés, cedidos polo comercio, restaurantes e empresas da vila. As inscricións se pechan este xoves en https://www.deporticket.com/web-evento/7889-san-silvestre-a-guarda

E como prato forte o 3 de xaneiro terá lugar o espectáculo Circo de Lume, da compañía AsacoCirco na Praza de Avelino Vicente ás 18:00h.  Circo de lume é un espectáculo de pura acción para tódolos públicos. Con emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofagia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con más de 13 años de adestramento, conclúen nun espectáculo de efectos visuales impresionantes.


O mesmo día 3 e ata o día 5 de xaneiro os carteiros reais, en nome dos Reis Magos de Oriente, estarán percorrendo as nosas rúas para recoller as cartas das crianzas aos Reis Magos.

A Cabalgata de Reis chegará ata a nosa vila na tarde do día 5 de xaneiro, recuperando ao final do seu percorrido a tradicional recepción ás nenas e nenos na Casa dos Alonso.

A proba de obstáculos en familia A GUARDA FAMILIY KIDS, na Alameda ás 16:30h. que pechará a programación o día 7 de xaneiro.

PROGRAMACIÓN

DECEMBRO

Martes 27 de decembro ás 18:00h no Centro Cultural

Mago Rei Midas

Martes 28 de decembro ás 19:00h no Centro da Vila(data modificada)

Animación Itinerante dende a Alameda ata a Praza de Avelino Cicente

Xoves 29 de decembro ás 20:00h no Centro Cultural

Concerto Ventos de Nadal da Agrupación Musical da Guarda

Venres 30 de decembro ás 18:00h no Centro Cultural

Cinema Infantil

Sábado 31 de decembro ás 17:00h na Praza de Avelino Vicente

San Silvestre

XANEIRO

Do 3 ao 5 de xaneiro polas rúas da Guarda

Carteiros do Nadal

Días 3 e 4  de 17:00h a 20:00h. Día 5 de 11:30h a 14:30h.

Martes 3 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Circo de lume

Xoves 5 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Cabalgata e visita dos Reis Magos

Sábado 7 de xaneiro ás 17:00h na Alameda

A Guarda Family Kidsc

O equipo feminino do CN Ponteareas ascende a 1ª división

Hai uns días coñecíanse os resultados definitivos da 2ª división da Copa de España, a competición nacional de clubs de natación no noso país. Máis de 70 equipos femininos de todo o estado disputaban esta competición no seu novo formato, con diversas sedes autonómicas, buscando unha das 6 prazas de ascenso que daban acceso á primeira división.

Unha vez unificados os resultados, o equipo feminino do CN Ponteareas obtivo a 5º posición, alcanzando por primeira vez na súa historia unha praza para ascender a 1a división e estar, por tanto, entre os 24 mellores equipos nacionais.

A próxima tempada as mulleres do club do condado debutarán e ademais serán as únicas galegas nesta división. O equipo formado por Iria Lemos, Sofía Carballo, Carla Faro, Carla Carrón, Alba Ortiz de Guinea, Sara Ibáñez, Naiara Eijo, Inés Borge e Naroa Estévez competirá, entre outros, contra equipos de capitais de provincia, como Madrid ou Málaga, con longas traxectorias e notables recursos, que contan nas súas filas con nadadoras internacionais de diferentes países e potentes canteiras.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, queren “felicitar ao equipo polo ascenso, un fito que ata o momento só conseguiron uns poucos equipos galegos. Asimismo, queren desexarlles “moita sorte ás deportistas ponteareás, que son un exemplo de esforzo e dedicación para a mocidade da vila”.

A Deputación mellora a seguridade da EP-4204 nas Neves

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello das Neves para a posta en marcha das obras de mellora da mobilidade peonil na EP4204 As Neves-Estación, no seu primeiro tramo de 550 metros. A actuación, que inclúe a habilitación dunha senda peonil, unha zona de convivencia e beiravías, suporá un investimento de 177.000 euros, dos que segundo o convenio a Deputación aportará o 80% (141.000 euros) e o Concello das Neves o 20% restante (35.400).

A actuación desenvolverase nun treito de medio quilómetro nesta estrada provincial, que ten unha lonxitude de dous quilómetros e conecta o centro das Neves coa zona da estación, e ten como obxecto principal o acondicionamento do viario, ao fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como para o peonil. Deste xeito, nun primeiro tramo de 125 metros realizarase unha senda peonil pola marxe dereita, cun ancho mínimo de 2,5 metros e executada en formigón coloreado, ata unha zona de convivencia que se proxecta na intersección coa estrada municipal. Na marxe esquerda ampliarase a calzada para acadar dous carrís de 2,75 m e dobre sentido de circulación ata a ponte que cruza a estrada autonómica.

A zona de convivencia con prioridade peonil habilitarase no cruce co viario municipal (entre os pq 0+125 e 0+150). No resto do ámbito de actuación,  proxéctase a renovación da capa de rodaxe e a ampliación da estrada nos lugares onde é posible e a execución dunha beiravía para aumentar a seguridade viaria. A maiores, a actuación contempla a execución dunha nova rede de pluviais, así como a rede de alumeado público soterrada, con novas luminarias.

Redondela continúa mediando entre empresa e sindicatos para garantir os dereitos das traballadoras do SAF

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo unha reunión cos sindicatos o día 26 de decembro para facer un seguimento sobre as irregularidades da empresa Os ventos Innovación en Servizos, SL. “A intención e manter as traballadoras do SAF informadas en todo momento. Estamos buscando unha solución que non prexudique os intereses dos usuarios nin delas”, afirma rotunda Digna Rivas. Dende o Concello vaise mediar nunha una reunión coa empresas e os sindicatos que se celebrará despois das festas do nadal.

O día seguinte, 27 de decembro, a rexedora reuniuse coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para informar de todo o proceso que o concello está a levar a cabo, con sindicatos e empresa. “Este goberno está mediando para que se cumpran os dereitos das traballadoras e dos usuarios”.

A intención é explicar as medidas técnicas e legais para facer posible as peticións, “asegurando a continuidade do servizo e evitando o paro das traballadoras”. O Goberno local mantén unha “continua labor de fiscalización” sobre a empresa concesionaria do SAF para comprobar que “en todo momento cumpra coas condicións establecidas no prego de condicións polo que se rexeu a contratación do servizo”.

O seguinte paso a dar pola alcaldesa é manter unha reunión cos sindicatos e a empresa, na que o concello será o órgano mediador e na que se pretende sacar algunha conclusión entre ambas partes. “Por suposto, mantendo sempre informadas as traballadoras do SAF de todos os movementos, porque a intención última é que se cumpra o contrato con toda a legalidade e non imos parar ata conseguilo, garantindo a tranquilidade das traballadoras e da veciñanza que se poida ver afectada ante a situación”, explica Rivas.

A alcaldesa de Redondela lembra que o Goberno que preside “ten a obriga de velar polo cumprimento estrito do prego de condicións establecido na contratación e da fiscalización continua da prestación do servizo en condicións óptimas”. “A empresa ten que prestar un servizo acordado e nas condicións estipuladas e o Concello e esta alcaldesa velan, día a día, porque se faga de xeito satisfactorio para os usuarios e usuarias”, conclúe a rexedora local.

Esta Alcaldía, ao abeiro das competencias que lle confire a lexislación vixente, continuou facendo o seu traballo de fiscalización, no que as técnicas presentaron a data de 14 de decembro o último informe sancionador, onde se reflicten as continúas irregularidades da empresa implicada.  “Unha vez explicados os recursos de penalidades xa impostos, expresamos a nosa intención de penalizar a través da contía máxima. Sen embargo, para poder resolver ese contrato temos que garantir a continuidade do servizo a través da execución deste por parte doutra empresa, ter todas a armas legais para que o servizo non quede ningún día sin cumprir e garantir por outra banda o emprego das traballadoras. Este concello cumpre cos pasos legais a seguir e sobre todo quere garantir que as traballadoras non se atopen nunha situación de desemprego. Estamos buscando a solución correcta e xusta para tódalas partes, utilizado as medidas legais para solventalo”.

A resolución final do expediente que acabou en multa o 23 de novembro, aínda está en prazo de recurso. Este prazo vence a finais de xaneiro, “momento no que poderemos continuar avanzando no proceso. Unha multa ou imposición non é firme mentres este en prazo de recurso, prazo que remata a finais de Xaneiro, data no se poderá abrir outro expediente de penalidades por incumprimento dos pregos.

Dende esta Alcaldía xa se están a traballar nuns novos pregos para o novo contrato, que será consensuado nun primeiro momentos coas técnicas municipais, onde se empezará coas reunións de traballo no vindeiro mes, para continuar traballando cos sindicatos e partidos políticos.

O CB Nigrán clausura o seu “encesta un alimento” máis triste

0

Cun minuto de silencio, así se iniciaron todas as franxas dos diferentes partidos deste Torneo, en recordo a Eneas, o mozo de Nigrán falecido no accidente de autobús do pasado sábado procedente de Lugo. Por respecto á dor da súa familia e a decretar o Concello 3 días de loito, foron suspendidos todos os elementos festivos habituais do Torneo, por exemplo a música.

O torneo, ademais do deportivo, ten un compoñente de solidariedade importante pois, cada un dos xogadores que participan achegan alimentos non perecedoiros para ser entregados ao Banco de Alimentos.

Máis de 48 horas de baloncesto, máis de 60 equipos, preto de 800 xogadores e quilos e quilos de comida colleitados. Estes son os números do torneo máis grande organizado por este club. Desde a categoría baby á categoría junior, pasando polas categorías, benjamín, alevín e infantil desfilaron polo Pavillón de Panxón diferentes clubs, para gozar de dous días de deporte, solidariedade e convivencia.

Os partidos foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación que participaron voluntaria e desinteresadamente, como o fixeron en edicións anteriores.

Ao finalizar o Torneo cada neno recibiu unha medalla que acreditaba a súa participación no mesmo.

A totalidade dos alimentos recolleitos entregaranse ao ‘Banco de Alimentos’ para destinalos ás familias máis necesitadas.

Ponteareas presenta a edición de 2023 do seu Calendario Galego

O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do Calendario Galego de Ponteareas 2023. Esta nova edición permitirá achegar á veciñanza algúns dos penedos máis coñecidos da vila, como o penedo do Equilibro ou a Pena dos Namorados, pois recolle unha escolma das propostas que participaron no concurso de fotografía ‘Pontepenedo’.

O mes de xaneiro cédelle o paso ao Penedo dos Namorados, un dos máis senlleiros de Ponteareas, retratado baixo a ollada de María José Prado, mentres que febreiro amosa outra perspectiva do mesmo penedo cunha foto de Isaac Sánchez coa que descubrimos o rito das tres pedras.

En primavera é momento de sorprenderse coas figuras dalgúns penedos como o captado por María del Mar Lorenzo no Provizo, en Guláns, que protagoniza o mes de marzo. En abril volve o Penedo do Equilibrio da man de Analía Martínez, en maio é a quenda da pena senlleira do Monte da Picaraña recollida por Sabela Rodrígues e en xuño visitamos o agocho dos namorados cunha nova imaxe de Isaac Sánchez.

No monte de San Cibrán, en Guláns, Arístides Carrera amosa o penedo do Curucho, que nos acompañará o mes de xullo, mentres que en agosto as protagonistas son ‘as penas furadas’ vistas coa óptica de Isaac Sánchez. O verán vaise coas rochas xigantes que salpican a paisaxe nos montes de San Cibrán fotografados por Patricia Fernández e outubro aterra coas similitudes atopadas coa lúa chea nunha fotografía feita no Provizo por Carmen Barrera.

Isabel María Montenegro sorpréndenos cun penedo en forma de cogomelo, habituais do mes de novembro e a maxia e a luz do Nadal cóanse no mes de decembro coa fotografía ‘Noite máxica’ de Patricia Fernández co Penedo do Equilibrio como protagonista. Rochas en forma de dinosauro durmido captadas por Susana Lamela, as pedras no leito do río de María Victoria Gándara e unha visión distinta do Penedo do Equilibrio achegada por Analía Martínez pechan este especial calendario.

O acto comezou co tradicional saúdo da alcaldesa, Cristina Fernández, quen avanzou no seu discurso as principais liñas de actuación do goberno municipal no vindeiro ano: “Seguiremos traballando para lograr avances importantes para toda a veciñanza e seguiremos contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas, a loitar contra a emerxencia climática, a potenciar a economía e o emprego local, a avanzar na igualdade e a inclusión social e a acadar un gran dinamismo cultural, deportivo e de lecer”. A alcaldesa apelou a un 2023 “positivo e de ilusión, reforzando o orgullo que sentimos de Ponteareas, dos elementos que a compoñen e da nosa xente”.

Pola súa banda, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a todos os veciños e veciñas a “que se achegen á Casa do Concello ou á Biblioteca Municipal nos vindeiros días para recoller de balde o calendario, “un pequeno detalle co que agasallar a ponteareás e ponteareáns nestas datas tan sinaladas”.

O Porriño contratará 21 persoas para reforzar os servizos municipais

O Concello do Porriño abre o proceso de selección para a contratación de 21 persoas desempregadas que desenvolverán funcións en diferentes servizos municipais.

Serán concretamente 1 oficial de carpintería, un de soldadura, un de albanelería, un tractorista-condutor con guindastre e dous peóns de obra pública para o Departamento de Obras;  8 peóns forestais para o Departamento de Parques, xardíns e limpeza; 1 auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e 6 conserxes para diferentes departamentos municipais.

Estas contratacións efectuaranse con cargo ao Plan Concellos 2023 e o Concello do Porriño fará unha aportación de preto de 50.000 euros.

“Para nós é unha prioridade contar con persoal para poder prestar os servizos públicos aos que á cidadanía ten dereito e neste momento os nosos medios son insuficientes. Por iso estas contratacións non só servirán para incorporar ao mundo laboral a 21 persoas que se atopan en situación de desemprego, senón que permitirá ao Concello atender ás necesidades da veciñanza como corresponde”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Hai que destacar que as persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todas as persoas interesadas se inscriban nos seguintes códigos de ocupación  para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego:

  • 1 Oficial 1ª de carpintería: 71311049
  • 1 Oficial 1ª soldador: 73211020
  • 1 Oficial 1ª de albanelería: 71211015
  • 1 Oficial 1ª tractorista-condutor con grúa e outros servizos: 83221013
  • 2 Peóns de obra pública: 96011029
  • 9 Peóns forestais: 95431028
  • 1 Auxiliar de enfermería: 56111013
  • 6 Conserxes: 58331022

Salvaterra reparará sete casas de cultura e o edificio do Xulgado de Paz

O Concello de Salvaterra abre o proceso para contratar as obras de mellora e reparación en sete casas de cultura e no edificio do Xulgado de Paz. Estas obras enmárcanse dentro do plan de mellora nos servizos e infraestruturas que o Concello está realizando, co fin de mellorar e reparar diferentes aspectos das casas culturais, ubicadas en Fiolledo, Corzáns, Meder, Leirado, Soutolobre, Lourido e Alxén, ademais do xulgado, xa que o estado actual das instalación aconsella a súa mellora e reparación.

As obras nas Casas de Cultura consisten  na reposición de tellas ou arranxo no tellado necesareos, limpeza de cuberta, aplicación de hidrofugante, formación de caneletas, reparación de grietas e pintado exterior. No Xulgado levarase a cabo un cambio de fiestras e portas, co fin de mellorar a eficiencia térmica do edificio e a instalación dun sistema de tracción mediante piñón-cremalleira acciondao por motor eléctrico co fin de mellorar a accesibilidade.

Todo isto realizarase por un importe de máis de 160.000 euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Mondariz Balneario levou a peor parte do temporal da fin de semana

As brigadas de estradas da Deputación de Pontevedra atenderon durante o temporal que varreu a provincia de Pontevedra na fin de semana de Noiteboa e Nadal un total de 19 incidencias principais nas vías provinciais. As intensas choivas afectaron especialmente á estrada EP-4402, que une Mondariz-Balneario e Vilasobroso, onde xa se está a construír un muro de contención para garantir a seguridade viaria no punto quilométrico 1+500, á altura do concello de Mondariz. Amais das 19 incidencias principais, atendéronse outras de menor relevancia.

A construción do muro vén motivada polo deslizamento da berma do talude, o que comprometeu a estabilidade da calzada, que quedou moi danada polo afundimento da contención. As obras estanse aproveitando agora para reforzar a mellora da drenaxe superficial e subterránea nesta zona. 

As intensas precipitacións da fin de semana da Noiteboa e o Nadal foron atendidas polas brigadas, a pesar da coincidencia nas datas festivas, garantindo a seguridade na rede provincial de estradas. A atención ás incidencias cóbrese a partir do reparto da provincia en tres zonas.

Na zona norte, as brigadas provinciais interviñeron en cinco incidencias, concretamente tiveron que retirar árbores caídas sobre a estrada na EP-6302 Berredo-Brántega, na EP-8402 Cuntis-Cequeril e na EP-6001 Lalín-Botos-Gresande. Amais, na EP-7101 Cerdedo-A Portela foi necesario actuar ante un desprendemento de terra sobre unha cuneta e un dos carrís e na EP-7003 A Estrada-Somoza ante o desprendemento de terra sobre a cuneta.

Na zona centro producíronse oito intervencións, dous delas para retirar árbores na estrada, na EP-1102 Meira-Fraga e na EP-2908 Arcade-Amoedo. Así mesmo, nas EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira foi necesario realizar a limpeza de arrastres de pedras e na EP-0002 Marco-Tomeza retiráronse tanto arrastres de pedras como de terra. Na comarca do Salnés, actuouse na EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-Samieira para achicar a auga de escorredura que inundaba a planta baixa dun edificio, e na EP-9501 Ribadumia-Grenla foi necesario cortar a estrada ante o desbordamento dun río. Amais,  na EP-0601 Poio-Campelo as brigadas interviñeron para reparar unha fochanca na calzada e na EP-1103 San Benito-Domaio houbo que limpar un vertido de gasoil no viario.

No caso da zona sur da provincia, foron seis as incidencias abordadas. Ademais da actuación de emerxencia na EP-4402 Mondariz Balneario-Vilasobroso, que obrigou á obra de emerxencia, as brigadas tiveron que actuar ante as bolsas de auga na calzada que ocasionaron as choivas na EP-2402 O Porriño-Torneiros e na EP-2401 O Porriño-Mosende, mentres que na EP-2103 Nigrán-Vincios, realizouse a limpeza de arrastres de auga e pedras no viario e na EP-2005 Meixoeiro-Cuvi tamén houbo que limpar a estrada tras un accidente. Por último, na EP-3302 Tabagón-Goián-Portocelo as brigadas actuaron ante un desprendemento de terra sobre a cuneta e un carril.

Por outra banda, na xornada de onte, luns 26, tamén se atenderon dúas incidencias na estrada provincial A Cañiza-Mouretán, onde houbo que retirar unha árbore caída, e na de Cachafeiro-Silleda, onde se reparou un burato na calzada.

Tomiño formará a 15 auxiliares en atención sociosanitaria a persoas no domicilio

0

O Concello de Tomiño comezará o ano cun novo curso gratuíto a través do que tomiñeses poderán formarse como auxiliares de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Como salientou a alcaldesa, Sandra González, “dende o Concello continuamos apostando por organizar accións deste tipo porque ademais de ofrecer especializada damos resposta á demanda actual que hai en diferentes sectores do mercado laboral”.

Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria, o curso terá unha duración de 300 horas, 150 teóricas e 150 prácticas e realizarase durante os meses de febreiro e marzo na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián. A parte teórica será do 6 de febreiro ao 31 de maio de luns a venres de 09.30 a 14.00 horas, mentres que as prácticas non remuneradas serán do 3 ao 31 de abril.

O curso está dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño e con carné de conducir que estean interesadas en formarse para poder traballar no sector da atención sociosanitaria en domicilios. Ao remate da formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mundo laboral neste sector, servirá para abrirlles a vía de acceso ao proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais organizado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición comezará o vindeiro 16 de xaneiro ás 08.00 horas e permanecerá aberto ata o 20 de xaneiro. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da web do Concello de Tomiño e enviar o seu currículo a través de correo electrónico a [email protected] indicando o nome do curso ‘SSCS0108 – Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio’.

Covelo destina 6.000 € aos clubs deportivos locais

0

O Concello de Covelo informa da sinatura dos distintos convenios mediante os que se apoia aos clubs deportivos locais para facilitar que sigan desenvolvendo a súa actividade.

En concreto, o Club Covelo de Patinaxe Artística recibe 2.500 €, o Covelo Club de Fútbol, 3.000 € e o Covelo Fútbol Sala, 500 €. Segundo explica o alcalde Pablo Castillo, é imprescindible brindar todo o apoio  posible a estes clubs que fan posible a práctica deportiva non só de ducias de nenos e nenas, tamén de adultos. “Ter a posibilidade de desenvolver actividades deportivas no propio lugar de residencia é un servizo moi importante non só por cuestións lúdicas e deportivas tamén para fomentar hábitos de vida saudables e promover momentos de encontro e socialización”.

Estas axudas ao deporte, dun total de 6.000€, súmanse ás concedidas a asociacións e colectivos de carácter cultural e medioambiental por un total de 8.000 € e ás concedidas á Asociación de Nais e Pais do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de 5.700 €. Deste xeito, o goberno de Covelo destina un total de subvencións nominativas a clubs e entidades sociais de 19.700 € promovendo, así, o asociacionismo local “tan fundamental para o desenvolvemento persoal do día a día das persoas”, engade Pablo Castillo.

A Deputación lanza a nova edición de Musigal 2023

O Goberno da Deputación vén de aprobar as bases do programa Musigal 2023, a iniciativa provincial que apoia a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes ao longo do ano, poñendo a súa disposición grupos e artistas profesionais da música que realizan as súas actuacións e concertos en lingua galega ou, no caso de instrumentais, con pezas de autoría galega. A institución destina a esta iniciativa, coa que neste ano se programaron 57 actuacións noutros tantos concellos da provincia, un orzamento de medio millón de euros.

O programa busca facilitar aos concellos a programación e celebración destes concertos, que son gratuítos para o público. A partir do 9 de xaneiro e ata o 25 dese mes (ambos incluídos), os municipios poderán solicitar de xeito telemático na sede electrónica da Deputación as actuacións para o 2023 de artistas inscritos no Catálogo Musigal, que reúne ao redor de 150 solistas e grupos de distintos xéneros musicais. Segundo as bases, que este martes 27 foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, os concellos poderán sinalar ata un máximo de dúas propostas por orde de preferencia, facendo constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación. Concederáselles unha única actuación que se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2023. Por outra banda, segundo as bases, o número máximo de actuacións que poderá realizar cada grupo será de tres. A Deputación encargarase de aboar o caché do espectáculo do grupo ou artista, o concello e a produción da actuación.

Catro agrupacións tudenses protagonizan este venres 30 o concerto de Fin de Ano

0

Seguindo a tradición Tui vai despedir o ano con música co Concerto de Fin de Ano que se vai celebrar este venres, 30 de decembro, ás 20.30 h no Teatro Municipal, a cargo de catro agrupacións tudenses  a Banda de Música Popular de Tui, a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, a Coral Polifónica Ponte das Febres e a Coral San Telmo de Tui, e baixo a dirección artística de Eloy Carrera.

Ao longo de 60 minutos as catro agrupacións ofrecerán un programa marcado polas composicións de Nadal pero no que haberá tamén oco para bandas sonoras.

Así o concerto comezará coa interpretación de “Los Chicos del Coro” pola Banda de Música Popular de Tui, para a continuación xa xunto coas tres corais ofrecer “Vangelis”. De novo só a banda tocará “Halleluja” para dar paso a interpretación conxunta de “Compañeira”, “Noche de Paz” e “Adeste Fidelis” xunto as corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo. O programa continuará con “We Are The World”, “Blanca Navidad”, “Feliz Navidad” e pecharase coa Marcha Radetzky.

As entradas para o concerto de Fin de Ano están xa á venda en tui.gal até este venres ás 20 h ao prezos de 4€ e 3€.

A Banda de Música Popular de Tui conta con máis de 140 anos de historia na que se formaron importantes músicos e músicas que hoxe en día percorren o mundo tocando en numerosas orquestras, en bandas ou impartindo clases como docentes superiores. No ano 2006 concedéuselle unha Mención Honorífica por todos os méritos contraídos ao longo da súa historia e por actuar como representante da cidade de Tui. Eloy Carrera Bernárdez é o seu director dende o ano 2019.

A Coral do Centro Sociocomunitario de Tui foi refundada no pasado ano 2021. Está formada por 32 compoñentes e as súas actuacións inclúen misas, aniversarios de voda, festivais e outras celebracións. O seu director é David González Sobrino.

A Coral Polifónica Ponte das Febres leva vinte anos de actividade, e conta con 31 compoñentes. O seu repertorio abrangue unha gran variedade de estilos e épocas, dende música renacentista, pasando por melodías tradicionais galegas. Na actualidade está dirixida Rafael Pérez Dopeso, quen guiou á coral en numerosas actuacións, como o I e II concerto de Habaneras da Deputación de Pontevedra.

A Coral San Telmo de Tui está conformada por 50 persoas e comezou a súa andadura no ano 2015. No ano 2016, organizou o I Encontro de Corais da Eurocidade e, cada mes de xuño, organiza o Festival de Corais e Música Tradicional. O seu director é, dende hai seis anos, Celso Diéguez Martínez.

O Porriño humanizará as rúas Buenos Aires e Progreso

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou a licitación das obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño, que suporán un investimento da Xunta de case 1 M€ e comezarán a executarse na primavera.

Vázquez Mourelle achegouse esta mañá ata o municipio pontevedrés para presentar na zona da avenida Buenos Aires a reforma integral que vai realizar a Xunta na vía autonómica PO-329 ao seu paso polo centro urbano. O obxectivo dos traballos, tal e como salientou, é transformar unha estrada nunha rúa na que os coches ceden protagonismo en favor dos peóns.

Vázquez Mourelle explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación dos traballos para actuar nun treito de case 700 metros desta vía autonómica, na que se reforzará a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

Segundo detallou a conselleira, a previsión da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de marzo para poder inicialas xa na primavera, co que se prevé ter rematadas as actuacións para o desfrute dos veciños a finais do 2023, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses.

A titular de Infraestruturas precisou que esta nova actuación na PO-329 dálle continuidade á intervención xa executada no treito inicial da vía autonómica, no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello veciño de Mos.

En liñas xerais, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación; na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación; na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada.

Completarase a intervención coa dotación de mobiliario urbano: disporanse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademais de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Segundo indicou Ethel Vázquez, os traballos dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles.

No primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías do tren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita.

No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta unha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso.

No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade.

E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contenedores e aparcadoiros.

Trátase, en definitiva, dunha actuación “transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da PO-329 no Porriño”, concluíu Ethel Vázquez.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona reparte a axenda igualitaria 2023

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona,  está a repartir a  axenda igualitaria 2023 que ten como protagonistas a 12 mulleres destacadas de Baiona. Desde a Concellería quíxose recoñecer nestas axendas o papel que ten a muller no municipio, a través de doce baionesas que foron pioneiras en diferentes campos. Así,  cada un dos meses está dedicado a unha muller da vila, algunhas suficientemente recoñecidas e outras do todo descoñecidas ata o momento. Detrás de cada unha destas mulleres hai unha historia de loita pola igualdade que merece que os seus conveciños e conveciñas coñezan. As biografías destas mulleres viron a luz grazas a investigación levada a cabo por Víctor Miguel Fernández.

A Concellería de de Igualdade aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

A concellería de Igualdade é a encargada de editar estas axendas. A selección das homenaxeadas foi levada a cabo polo persoal do Centro de Información á Muller. “Somos conscientes de que no noso municipio son moitísimas as mulleres que deberían ter un oco nesta publicación, pero tivemos que facer unha selección”, aclara a edil de Igualdade.

A axenda está sendo entregada a profesionais do municipio de distintos ámbitos como o sanitario o docente…

O Concello de Salceda de Caselas contará un ano máis co programa de formación aberta Aula Mentor

O Concello de Salceda renovou este mes por un ano máis o programa de formación aberta Aula Mentor dependente do Ministerio de Educación e Formación Profesional para maiores de 18 anos.

Este programa formativo aberto, coordinado dende a concellería de emprego e formación que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, conta dentro da súa ampla oferta cun catálogo de cursos que abranguen nos seus temarios contidos de diferentes áreas como a administración e xestión, comercio e marqueting, hostalería e turismo, informática e comunicacións, instalacións e mantemento, idiomas, servizos socioculturais á comunidade e ademais agora permite configurar un “itinerario formativo” propio para cada persoa.  

Algúns cursos contan coa certificación do Ministerio de Educación, con validez oficial para puntuar en procesos de oposicións oficiais do eido da educación e da sanidade.

As principais novidades para esta anualidade son que o concello de Salceda pasa a ser un centro propio, non dependente coma aula auxiliar de Vigo, e contará con dous titores oficiais que forman parte do persoal técnico municipal.

Da mesma maneira toda a tramitación de matrículas, altas e baixas do alumnado dentro do programa se realizarán tanto na OMIX, sita na Casa da Cultura Castelao, coma na aula física do CDL do Torrón onde se realizarán os exames.

Verónica Tourón alcaldesa e  concelleira de emprego e formación: “É unha excelente nova que contemos un ano mais co Programa Aula Mentor que ofrece á veciñanza de Salceda un gran abano de posibilidades para poder formarse dunha forma flexible. O programa permitirá adquirir competencias profesionais básicas a aquelas persoas que queiran iniciarse na formación dalgunha área en concreto ou que estean interesadas en actualizar e perfeccionar os seus coñecementos nalgunha delas”.

Arbo organiza actividades no mercado para dinamizar a compra de cercanía

0

O Concello de Arbo pon en marcha a campaña ‘Cociña de Mercado’, coa finalidade de dinamizar a Praza do Mercado de Arbo. Con tal motivo organiza os obradoiros “Cociña de Mercado” os días 4, 11, 18 e 25 de xaneiro en horario de 11:00 a 13:00 horas na Praza do Mercado.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, indica que con esta iniciativa, outras xa realizadas e as programadas para o ano 2023, o Concello de Arbo, esta pondo en marcha accións de mellora e activación da promoción comercial co fin de fomentar a actividade económica, fidelizar os consumidores da zona e captar novos usuarios e visitantes. Deste xeito, o Concello promove unha vila máis activa mediante a programación de eventos de dinamización do comercio e da hostalería.

Dende o día 4 de xaneiro, e todos os mércores de xaneiro, o Concello de Arbo ofrece a posibilidade de gozar dunha actividade que inclúe información, combinada con clases de cociña para aprender a cociñar os alimentos que se mercaron no Mercado da Praza do Arbo.

Os obradoiros terán un aforo limitado a 15 persoas. Os que queiran participar deberán inscribirse previamente nas oficinas municipais do Concello de Arbo ou no correo electronico [email protected].

Mercar na Praza de Abastos de Arbo, é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, con estes obradoiros o Concello pretende fomentar  o consumo  do mercado cunha variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas, froitas…

Touriñán dará as badaladas de Pre Fin de Ano en Mos

0

Onte pola tarde a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Turismo e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, e demais membros do equipo de goberno local presentaron nos exteriores do Pazo de Mos a gran festa Pre Fin de Ano que terá lugar o vindeiro venres 30 de decembro, nesta mesma ubicación, e contará con Touriñán para dar as badaladas.

A velada, que será a cuberto baixo unha gran carpa, dará comezo ás 23:00 horas no Pazo de Mos. As badaladas con uvas e cotillón, a cargo de Xosé Antonio Touriñán, serán ás 24.00 horas, contando tamén coas actuacións musicais da orquestra El Combo Dominicano, dj Samu Pexe e dj Groove Amigos.

“Voando nas Rías Baixas” pecha unha nova edición con case 200 persoas

A Deputación de Pontevedra revalida, un ano máis, o éxito do programa de rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas” tras finalizar a súa quinta edición. Dada a súa gran acollida en anos anteriores, neste 2022 ampliáronse de cinco a sete as saídas de observación de aves e tamén o número de prazas para cada ruta, de 15 a 25, chegando a esgotarse todas elas en cuestión de horas. Durante es saídas desta edición, as e os participantes puideron gozar de ata 150 especies diferentes de aves en enclaves de alto valor paisaxístico.

A rutas ornitolóxicas comezaron en febreiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, (unha das novas rutas xunto ca do Intermareal Combarro-Lourido), seguindo polas as Ribeiras do Río Umia, o Parque Natural do Monte Aloia, as Brañas de Xestoso, e a Serra do Súido, o ata concluír, neste mes de decembro, cunha saída pola desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido.

A fin de esta actividade é contribuír á conservación e á posta en valor dos recursos naturais da provincia, así como ao desenvolvemento turístico e económico sostible destas zonas de alto valor ecolóxico. A natureza e as paisaxes das Rías Baixas son un recurso turístico de primeiro nivel e a ornitoloxía é unha actividade que atrae un numeroso público durante todo o ano. As rutas supuxeron unha grande sorpresa para aqueles visitantes que desfrutaron por primeira vez dunha experiencia ornitolóxica, en especial para ós máis novos que descubriron como dentro de zonas moi humanizadas existían grandes xoias naturas moi prósperas para a fauna. Cabe destacar que un dos valores máis importantes para as aves na nosa provincia, son os humidais costeiros nos que se poden apreciar unha gran cantidade de especies diferente segundo a época do ano.

“Voando nas Rías Baixas” ven desenvolvéndose en colaboración con SEO Birdlife en todas as edicións. Todas as saídas están conducidas por persoal experto que axudan ás e ós participantes no recoñecemento das aves. O programa pon á disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista. Unha experiencia que aposta por coidar e apreciar os recursos naturais que ofrece a nosa provincia incentivando á poboación a demandar máis actividades no medio natural.

Ponteareas amosa a súa satisfacción ante un novo avance na ampliación e reforma da depuradora da Moscadeira

O Concello de Ponteareas amosou a súa satisfacción ante un novo avance nas obras de ampliación e reforma da depuradora da Moscadeira. O Consello de Administración de Augas das Cuncas de España, ACUES, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, adxudicou por máis de 754.000 euros o contrato de asistencia técnica á dirección na supervisión da redacción do proxecto construtivo da mellora da EDAR e do control da execución das obras, así como na supervisión e control medioambiental das obras de mellora da depuradora e dos colectores ponteareáns.

O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que estas obras de mellora suporán un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán. “Despois de anos de conversas e innumerábeis xestións, por fin vemos como avanza de xeito firme o que será o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal. Para nós trátase dun investimento imprenscindíbel para solucionar dous dos grandes problemas históricos de Ponteareas, como é a falta de saneamento no rural e a contaminación do río Tea”, sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Cun prazo de execución de 36 meses e un investimento de 8 millóns de euros, estas obras contemplan a reforma e ampliación da actual depuradora para chegar a cubrir unha poboación de 20.000 habitantes. Será a través da execución dun novo pretratamento para as verteduras procedentes dos colectores Sur, Norte e Xinzo e da construción dun segundo reactor biolóxico e decantadores secundarios de apoio aos xa existentes.

Xunto á depuradora tamén se mellorará o saneamento de Ponteareas coa construción de dous colectores e coa limpeza e rehabilitación do último tramo do colector interceptor do río Xinzo, ao que se lle incorporará un novo pozo de bombeo ata a EDAR.

Con este proxecto reduciranse as infiltracións que se producen na rede de colectores, propiciando a captación e separación de augas non contaminadas procedentes de escorrentías superficiais e fontes do sistema de saneamento. Permitirá así recuperar as augas do río Tea, eliminando as verteduras producidas ata o momento.

As obras serán cofinanciadas ao 50% polo Estado a través de fondos europeos FEDER ao abeiro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Xunta. Ademais, mentres as obras de ampliación e mellora da Moscadeira avanzan, o Concello tamén traballa de xeito paralelo no proxecto dunha nova depuradora que permita atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar da Moscadeira.

O pleno de Salceda aprobou o proxecto de impermeabilización da cuberta e da fachada do pavillón municipal

O concelleiro de Deportes, Rubén González, levou ao pleno ordinario, para a súa aprobación, o proxecto de Intervención para a impermeabilización da cuberta e da fachada oeste do pavillón municipal.

Este proxecto ten como finalidade realizar unha primeira intervención na cuberta para arranxar as súas infiltracións de augas e evitar así a posible aparición de goteiras que impidan o normal desenvolvemento das actividades deportivas no pavillón municipal. Se retiraran os vinte lucernarios existentes para substituílos por outros e mellorar así o illamento de toda a cuberta do pavillón.

Na segunda intervención se realizarán actuacións sobre a fachada para realizar un  sistema de revestimento SATE que enrasará toda a superficie de maneira uniforme para aplicar posteriormente un tratamento de morteiro acrílico que axudará a asegurar o illamento e impermeabilización da fachada. Na súa parte superior se instalará unha albardilla de aluminio que servirá para evitar as filtracións entre a estrutura de formigón do edificio e os paneis sandwich da cuberta.

Complementariamente se instalarán unha nova liña de vida permanente de 15 metros e unha escaleira vertical de uña de gato na fachada principal da instalación, que facilitarán o acceso para realizar as labores de mantemento.

O orzamento base de licitación para a execución do proxecto é de 47.857,33 € (IVE incluído).

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “Este proxecto solucionará as infiltracións de auga de choiva que se poidan producir no pavillón, unha instalación deportiva municipal fundamental que ten que atoparse sempre nas mellores condicións de uso para poder prestar servizo a gran cantidade de clubs e equipos que o utilizan periodicamente para desenvolver a súa actividade deportiva”.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”Estamos loitando por conseguir máis e mellores infraestruturas deportivas. Mentres tanto seguimos a traballar na liña de coidar e manter as nosas instalacións municipais para seguir prestando servizos de calidade á veciñanza. O pavillón municipal é unha desas instalacións municipais chave para o noso pobo e haberá que realizar todas as intervencións de mantemento necesarias para que sempre se atope en perfectas condicións de uso”.

A humanización de nove rúas do centro urbano inclúe a creación dunha praza diante da Casa do Concello de Ponteareas

O Goberno Municipal do BNG-PSOE presentou á veciñanza e comerciantes de nove rúas da localidade os proxectos de humanización previstos para estes espazos. Trátase das rúas Concha Brey, Avenida de Galicia -na parte posterior dos Xardíns da Xiralda-, Rogelio Groba, Virxe dos Remedios, Constitución, Reveriano Soutullo, Senén Canido, Morales Hidalgo e Vidales Tomé.

Segundo a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, os proxectos pretenden converter en rúas “de calidade e atractivas espazos que hoxe xa están peonalizados de forma transitoria e transformados en lugares saudábeis, inclusivos e de encontro social”.

Os proxectos abranguen unha superficie total de 8.500 m2 e teñen un orzamento de execución previsto de 2.690.000 euros. Entre as actuacións proxectadas atópase a creación dunha gran praza de preto de 1.500 m2 diante da Casa do Concello.

Segundo explicaron Roberto Mera, concelleiro de Mobilidade, “este espazo era unha encrucillada de rúas, con tráfico en dous sentidos, vehículos aparcados en dobre e tripla fila e beirarrúas estreitísimas, agora é un espazo xa recuperado para as persoas e co proxecto de humanización se converterá nun gran espazo de calidade”. Trinidad López, enxeñeira redactora dos proxectos, explicou que se prevé renovar as canalizacións soterradas de servizos como saneamento, abastecemento de auga, electricidade ou telecomunicacións. O pavimento que se colocará é de pedra, concretamente granito gris Mondariz, empregando lousas de diferentes dimensións, acabados e tonalidades. Ademais, o espazo contará con nova iluminación, disporá de arborado con especies caducifolias e contará con bancos de madeira e pedra ademais de dúas fontes de grandes dimensións que ao mesmo tempo serán utilizábeis como bancos. Trinidad López salientou que esta actuación realzará de maneira significativa o valor patrimonial do edificio da Casa do Concello, construído no século XIX.

O “Reno Navideño” gaña o I concurso de postres de Nadal do Porriño

O Porriño buscaba este ano o mellor postre de Nadal e atopouno! O “Reno Navideño” elaborado por Noelia Gómez resultou gañador da primeira edición do Concurso de Postres de Nadal organizado polo Concello do Porriño. En segundo lugar quedou a “Tarta de queixo ao turrón” de Susana Cabaleiro e no terceiro a “Tarta de turrón” de Rebeca Alonso.

O xurado presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e composto por José Manuel Fernández (AHOSPOR), Noelia Conde (ACIPOR), David Sobral (AE Porriño), José Manuel Fernández (Asociación de Panadeiros do Porriño) e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, tivo que elexir entre as seis preparacións que se presentaron, todas elas de elevado nivel o que fixo que o podio estivera moi axustado.

Valorouse o sabor, a elaboración, a complexidade da receita, os ingredientes utilizados, a orixinalidade e a creatividade da presentación.

As gañadoras recibiron unha tarxeta-regalo para comprar no comercio e hostalería do Porriño por importe de 250 euros o primeiro posto, 150 euros o segundo e 100 euros o terceiro.

Redondela impulsa as compras locais co parking gratuito durante o Nadal

0

O Concello de Redondela promove o mercado minorista e de proximidade na vila a través do intercambio de tickets de compra locais por horas de aparcamento gratuito no Parking da Xunqueira.

Por cada 30 euros de compras en tendas minoristas de Redondela, o cliente recibe unha hora de parking de balde. O proceso de cambio é moi sinxelo: sumando o importe correspondete, sen importar canto gastes en cada comercio, recibes unha hora de aparcamento gratuito. O cambio realízase no Multiusos da Xunqueira.

“Esta iniciativa foi moi demandada polos comerciantes de Redondela para impulsar as compras no pequeno comercio, pero ademais tamén é unha forma de facilitar á veciñanza as compras no nadal, datas de moito movemento  e no que precisas o coche”, explica a acaldesa de Redondela, Digna Rivas.

A Praza de Abastos de Redondela continuará coa promoción que leva meses posta en marcha para impulsar as compras no mercado. “Os praceiros e praceiras mostraron o seu interese por continuar co intercambio de tickets de compra por horas de aparcamento. Leva sendo un éxito nos últimos meses e o concello comprometeuse a ampliar a oferta durante as datas de nadal”, engade Rivas.

Por cada dous tickets de compra dalgún dos postos do mercado, o cliente recibe unha hora de aparcamento de balde no Parking da Xunqueira, sen importar que sexan da mesma tenda. Neste caso o intercambio dos tickets faise na propia cafetería do mercado, para facilitar o movemento dun espazo moi concorrido do municipio.

A rexidora local quixo salientar a importancia dun comercio local e unhas prazas de abastos –Redondela e Chapela– “que teñen capacidade dabondo para ofrecernos todo o que precisemos para este Nadal”.

A Mancomunidade do Val Miñor zanxa o problema da temperatura da piscina

0

A Mancomunidade do Val Miñor dá por zanxada a crise da temperatura da auga da piscina da Ramallosa tras acadar un acordo con Serviocio aceptado nunha Xunta de Portavoces ex-profeso. Así, a concesionaria elevará a temperatura a 28,5º tras aceptar finalmente unha modificación do contrato que obrigará a manter eses grados centígrados fronte ao parámetro vixente de entre 24º e 30º. A cambio, e como compensación económica para cumprir co aspecto do mantemento do equilibrio económico, a Mancomunidade lle condonará o cánon. A devandita modificación contractual será sometida a tramitación e aprobada en acordo plenario nas vindeiras semanas pero o acordo supón a condonación do cánon (12% da facturación) desde o mesmo momento en que se suba a temperatura (acción realizada o 23 de decembro) e ata o 25 de maio de 2023 que expira o contrato, estimántose a contía nuns 20.000 € (a razón de 4.000 €/mes).

“Agradezo  públicamente a todos os grupos políticos que participaron nesta negociación o apoio e lealdade coa Presidencia da Mancomunidade porque unidos fomos quen de arranxar un problema que era moi complexo e que estivo suxeito a moita demagoxia e manipulación”, explica Juan González, o alcalde de Nigrán e presidente actual da Mancomunidade, quen esta mañá  volveu a convocar a Xunta de Portavoces para darlle o visto bo á resolución tras decidir os mesmos o día 15 de Decembro dar os pasos cara a modificación contractual hoxe acatada pola empresa.

“Non era un problema fácil de solventar porque a temperatura de 25º cumpría co contrato vixente, neste sentido foi imprescindible tamén a axuda de Into Consulting para axudarnos a atopar unha saída ao problema que tivese toda a garantía xurídica”, engade González en referencia á empresa de Nigrán que, ademais, se está a ocupar de realizar a auditoría técnica, económica e laboral e unha memoria xustificativa e plego de prescripcións para a futura licitación, xa que a concesión non será prorrogada a Serviocio cando expire (maio de 2023).

A Guarda inaugura en xaneiro a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”

0

O vindeiro martes día 10 de xaneiro de 2023 ás 10:00h terá lugar na Casa dos Alonso a inauguración da Exposición “O noso Mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que estará ata o próximo 26 de xaneiro, día da educación ambiental.

Neste acto de inauguración contarase coa visita do alumnado do Colexio PP Somascos da Guarda, que serán recibidos polo Alcalde da vila, Antonio Lomba e a Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes.

Moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto, contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as ondas de calor, tormentas, inundacións,… son algunhas das consecuencias que por todo o planeta provocará o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto suceda, pero é preciso que todos os actores sociais involúcrense na loita contra este fenómeno global.

Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer a todos os galegos o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais tenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY – Acción Educativa polo Clima – pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para facerlle fronte. CLARITY, deseñada en formato CD, é unha ferramenta que facilita a centros educativos, asociacións culturais, municipios e calquera outra organización interesada, a montaxe da súa propia exposición sobre cambio climático e a organización de actividades relacionadas.

A exposición conta con 19 paneis, ademais de un vídeo curto de 15 minutos que será proxectado no Salón de Plenos.

Mos ampliará en preto de 5.000 m2 o parque da auga da Pesqueira

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo secretario municipal, Carlos Piñeiro Sarmiento, asinou na notaría do Porriño, xunto cos propietarios e propietarias dos terreos, a compra e o pago das parcelas necesarias para ampliar o parque da auga da Pesqueira. Trátase do último trámite administrativo antes de poder comezar a obra.

A mediados do mes de xuño do pasado verán aprobouse en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación e pregos de compra de terreos para a ampliación do Parque da Auga da Pesqueira.

A actuación proposta polo Concello de Mos no devandito parque dará resposta á gran demanda de usuarios da xa existente primeira fase desta infraestutura de lecer ao aire libre, ao carón do Paseo do Río Louro, na Pesqueira, parroquia de Mos.

Trátase pois dun interese público para o que surxiu a necesidade de adquirir unhas parcelas colindantes co actual parque municipal da auga na Pesqueira. Xa que actualmente o espazo do parque existente quédase curto para absorver a elevada demanda de zonas de esparcemento público para as persoas. O parque actual está diferenciado en 4 zonas que acollen parque da auga, parque infantil, zona elementos biosaludables e zona de esparcemento.

Preténdese, coa adquisición das parcelas, ampliar as 4 zonas dotándoas de máis elementos de xogo e esparcemento, e acadando unha superficie final total de 8.477,00 m2. Resulta idónea a ampliación do parque existente porque está no Paseo do Louro, o que supón unha vantaxa de excelente ubicación como área de lecer dunha zona moi transitada. Na zona non existen outras parcelas que reunan as condicións con igual idoneidade para a finalidade pretendida, porque son todas colindantes co actual parque.

A superficie actual do parque municipal da auga da Pesqueira ascende a 3.710,00 m2, máis a superficie a adquirir para realizar a ampliación de 4.767,00 m2, suporá un parque da auga de superficie total final de 8.477,00 m2.

Chega a San Silvestre Solidaria do Concello de Nigrán

0

O Concello de Nigrán celebrará  un ano máis a carreira San Silvestre Solidaria o sábado 31 de decembro para despedir 2022. A proba deportiva, non competitiva, consta de 4,5 km e será con saída ás 17:00 horas desde o inicio do Paseo de Panxón para chegar ao final de Lourido e regresar. Finalizará cunha chocolatada. Os interesados en participar non precisan inscribirse, tan só achegar ese mesmo día 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés.

Unidade Móbil de inspección técnica de turismos en febreiro e marzo na Guarda

0

A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de A GUARDA nas seguintes datas e ubicacións:

  • do 17/02/2023 ao 06/03/2023 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)

O horario de atención será de 9:00 a 13:30 pola mañá, e de 15:15 a 18:00 pola tarde. O servizo prestarase en horario de mañá e tarde todos os días, agás:

  • 06/03/2023 que será horario só de mañá

Para solicitar cita previa:

  • Por teléfono: 902 30 90 00
  • A través da nosa páxina web: www.sycitv.com – Cita previa

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

322 quilos de alimentos recadados na Ruta Solidaria Ponte Nafonso Racing 2022

0

A Asociación Ponte Nafonso Racing finalizou o ano cunha nova ruta automobilística solidaria polo Concello de Tomiño. Cunha carpa situada en plena Praza do Seixo, tanto os e as participantes como público e veciñanza achegaron o seu gran de area e recadaron un total de 322 quilos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que serán entregados á asociación SOS Baixo Miño.

O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, deron os parabéns en nome de todo o Concello á organización por implicarse un ano máis nunha actividade na que se mestura deporte, lecer e solidariedade.

O 061 de Galicia reforza o persoal ante o incremento de demanda sanitaria no Nadal

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como nas quendas de mañá e tarde dos días 24, 25 e 31 de decembro e dos días 1, 5, 6, 7 e 8 de xaneiro. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun teleoperador máis na quenda da noite do 24 de decembro e con dous na noite do 31 de decembro.

Nadal 2021-2022

O pasado Nadal -desde o xoves 24 de decembro de 2021 ata o mércores 6 de xaneiro de 2022-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 37.057 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 34.527 procesos asistenciais.

Dos 34.527 procesos asistenciais xerados, o 64% resolvéronse sen mobilización de recursos e o 36% restante precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliaria de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias). Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso e nun 53% tratouse de emerxencias sanitarias e no 47% de transporte urxente. En total, mobilizáronse 11.698 recursos.

Neste período, os accidentes de tráfico e as intoxicacións foron os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación. Así, no Nadal pasado o 061 de Galicia recibiu 287 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 219 asistencias, nas que atenderon a 380 persoas, das que tres faleceron no punto do incidente.

No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 324 persoas, das que  275 foron asistidas por intoxicacións por alcohol e 49 por consumo de drogas.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.

Zona Franca busca chan empresarial na Cañiza

0

O nivel de ocupación do chan empresarial-industrial do Consorcio da Zona Franca de Vigo é moi elevado, chegando ao 100% na maioría. Esta situación levou á institución “á procura de oportunidades e estase traballando no desenvolvemento de posibles parques industriais como o da Ran en Cuntis, cunhas 64 hectáreas, e na Cañiza, con preto de 96 hectáreas”, segundo informou o delegado do Estado, David Regades, ao pleno do Consorcio na súa última sesión do ano.

No repaso que fixo David Regades sinalou que, no polígono industrial de Balaídos, a ocupación actual dos espazos en arrendamento é do 100% e por iso estanse levando a cabo os traballos necesarios para a ampliación do polígono, mediante a ordenación detallada que se incorporará á novo PXOM, en tramitación.

En canto á área de Bouzas, o edificio principal conta cunha ocupación dun 84%, aínda que están previstas novas adxudicacións que incrementarán a referida porcentaxe. As 3 naves e a superficie exterior presentan unha ocupación dun 100%. O delegado avanzou que durante 2023 publicaranse automaticamente os espazos que queden libres para os efectos de que os interesados presenten as correspondentes ofertas e axilizar os prazos de tramitación.

Dentro do ámbito de Vigo, está en marcha a tramitación que permitirá a ampliación do PTL, unha superficie de 25 hectáreas, e que será a maior área comercial e de lecer da contorna de Vigo. Está a estudarse a posibilidade de constituír unha sociedade, á que se incorpore unha entidade con experiencia probada na promoción e xestión de áreas comerciais e de lecer. Na actualidade, o Centro de Servizos conta cun 93% de ocupación mentres que as naves loxísticas alcanzan o 100%.

No polígono da Granxa no Porriño se continua coa oferta de arrendamento de oficinas, locais e naves no Centro de Servizos e no Centro de Iniciativas Empresariais, existindo actualmente unha elevada ocupación.

En Porto do Molle en Nigrán, a ocupación é de 100% nas naves bioclimáticas, nos viveiros e nos locais comerciais. Ademais, existe unha porcentaxe de ocupación moi elevado no Centro de Negocios e nos espazos para viveiros. No que afecta o Edificio Tecnolóxico e do sector aeroespacial a ocupación dos laboratorios é dun 100%, mentres que os espazos destinados a viveiro atópanse con alta ocupación.

O delegado do Estado explicou que á vista da altísima ocupación das 40 naves bioclimáticas que están arrendadas, iniciouse a construción dun novo complexo de novas naves en Porto do Molle e avanzou que está previsto que en 2023 convóquese a nova oferta de arrendamento.

En canto a parcelas, en Porto do Molle están dispoñibles 1 de uso industrial, 7 de uso lecer-recreativo, 9 de servizos múltiples e 1 de equipamento social.

Finalmente, no ámbito da Plisan continúase coa comercialización das, aproximadamente, 19 hectáreas que están libres na denominada área LLE -Loxística Empresarial- para o que se procederá á convocatoria da terceira oferta pública de venda e dereito de superficie das parcelas dispoñibles.

Planta de hidróxeno e planta fotónica
O delegado do Estado tamén se referiu aos grandes proxectos que Zona Franca ten en marcha, como é a planta de hidróxeno en Bouzas. David Regades explicou que se adxudicou o expediente para a redacción do proxecto e posterior execución das obras, cunha instalación que pretende abrir unha porta a un futuro descarbonizado, favorecendo ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, mellorando a seguridade e resiliencia dos sistemas enerxéticos e actuando como un exemplo para a sociedade.

O delegado sinalou que “o Consorcio Zona Franca Vigo actúa, unha vez máis, como un axente facilitador e impulsor dunha economía máis xusta, accesible e libre de emisións”. A instalación solar fotovoltaica instalarase Bouzas, nas cubertas das tres naves industriais (Naves 1, 2 e 3) cunha extensión de 15.127 m2, mentres que a instalación de produción de hidróxeno situarase entre as naves 0 e 1, ocupando unha área aproximada de 330 m2.

O outro gran proxecto é o centro de produción de semiconductores fotónicos SPARC, no que Zona Franca participa como socio fundador, a través de VigoActivo. Prevese iniciar as obras no segundo semestre de 2023.

Lucenza organiza en Nigrán a mostra “Prestige, marea negra. 20 anos”

0

O 13 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige sufría un accidente e afundía días despois, botando ao mar, e contra as nosas costas, unha parte moi importante das 70.000 toneladas de fuel que levaba nos seus depósitos.

Con tal motivo, Lucenza – Ateneo de Nigrán remata o ano organizando os días 27, 28 e 29 de decembro a mostra-xornadas “Prestige, marea negra. 20 anos”, no que colaboran o Concello de Nigrán e a Plataforma Nunca Máis do Val Miñor. Estas actividades terán lugar nas instalacións do Colexio Humberto Juanes de Nigrán, en horario de 18:00 a 22:00 horas. A entrada e participación é aberta e de balde, ata completar aforos.

Integran o programa charlas e mesas redondas, o visionado de documentais, visitas guiadas orientadas aos rapaces e rapazas e, sobre todo, unha ampla mostra, con fotografías, materias diversos e documentos referidos a dito momento, no que abondan as referencias ao Val Miñor.

Con estas actividades, Lucenza quere lembrar aos que o viviron, e dar a coñecer aos máis novos, o que sucedeu naquel tempo en Galicia e na nosa ría. Abórdanse nesta exposición aquela crise ecolóxica, a reacción social provocada pola catástrofe e a súa mala xestión, así como o xurdimento do movemento Nunca Máis.

O programa de actividades a desenvolver durante estas tres xornadas é o seguinte:

Martes 27

  • 19:30 h  Presentación da mostra e das xornadas. Xabier méndez.
  • 20:00 h  “consecuencias ecolóxicas da marea negra e situación 20 anos despois”. Alfredo lópez (cemma).
  • 20:30 h  “marea negra e nunca máis”. Uxía senlle.
  • 20:45 h  Proxección do documental “20 anos de dignidade”. Producido pola plataforma nunca máis.
  • 21:30 h  Coloquio.

Mércores 28

  • 18:00 h  “a salvar o mar”.  Visita guiada á mostra, para nenas e nenos. Delfina meire e jorge vilas.
  • 18:45 h  “co sorriso como arma. Humor gráfico en tempos de chapapote”.Documento audiovisual.
  • 19:15 h  Presentación da asociación e do proxecto “unha gran burla negra”.
  • 20:00 h  “reacción no ámbito cultural e literatura da marea”. Marta dacosta e camiño noia.
  • 21:30 h  Coloquio.

Xoves 29

  • 18:15 h  Proxección do documental “alegría”. Producido por ecoloxistas en acción e presentado por ana díaz freiría.
  • 20:00 h  “ver e actuar. A reacción da sociedade ante os acontecementos”. Mesa redonda, coa participación de intervenientes da comarca. Modera maría xosé andrade.
  • 21:00 h  Coloquio.
  • 21:30 h  Sorteo do “gran capacho de nadal” e acto de clausura da mostra e das xornadas.

A Xunta conxela as peaxes mentres o Goberno de España sube un 4% a AP-9 e a AP-53

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que mentres a Xunta conxela as peaxes, o Goberno de España imporá aos galegos unha nova suba do 4% nas autoestradas estatais AP-9 e AP-53.

A conselleira lamentou que o Executivo central decidise non atender a demanda social de Galicia, da Xunta e dos parlamentos autonómico e nacional, de evitar un novo incremento das peaxes estatais. Segundo dixo, as medidas coñecidas a día de hoxe quedan nun “remendo de última hora insuficiente”.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Ethel Vázquez remarcou que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 4,8M€ para conxelar e bonificar as peaxes das autoestradas autonómicas, a que conecta A Coruña e Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57).

Destacou que en 2023, coa conxelación das peaxes e o mantemento das bonificacións, as autoestradas de competencia da Xunta seguirán a ter as tarifas máis baixas de España. Precisou que de non ter adoptado medidas a tempo o 1 de xaneiro, estas peaxes teríanse incrementado un 7%.

Fronte a esta planificación da Xunta, lamentou que nun momento económico complicado, o Goberno de España renuncie a facer un esforzo e evitar calquera suba de tarifas nunhas autoestradas estatais que continuarán en 2023 entre as máis caras do país.

Vázquez Mourelle incidiu en que a Xunta leva varios meses requirindo ao Goberno central que colla o exemplo do Goberno galego e adopte medidas para conter unha suba histórica das peaxes das autoestradas de competencia estatal en Galicia.

A conselleira destacou a improvisación do Executivo estatal, que continúa sen aclarar, por outra banda, que vai pasar coas bonificacións dos carburantes e cos descontos dos autobuses urbanos e interurbanos.

Ethel Vázquez contrapuxo isto coa planificación da Xunta, que xa incluíu nos seus  Orzamentos unha dotación de 3,5 M€ para garantir a viabilidade do servizo público de transporte de viaxeiros ante o incremento de gasto derivado do custo dos combustibles.

Estrada en San Vicente de Leira

Por outra parte, a conselleira tamén respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre a estrada OU-0807 en San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín de Valdeorras, unha vía de titularidade provincial ao formar parte da rede de estradas da Deputación de Ourense.

Sinalou que a Xunta está a seguir con atención as solucións nas que está a traballar a Deputación de Ourense, financiando un servizo de autotaxi que garante unha mellor mobilidade dos veciños.

Apuntou que a administración provincial tamén ten previsto actuar na vía de acceso a este núcleo, como se ten comprometido co Concello de Vilamartín de Valdeorras.