14.8 C
Pontevedra
Domingo, 5 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación doou no 2022 máis de 700 plantas ornamentais de Areeiro

    A Deputación doou no 2022 máis de 700 plantas ornamentais de Areeiro

    A Deputación de Pontevedra fixo un total de 754 doazóns de plantas ornamentais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares puidesen enriquecer ao longo deste 2022 os xardíns abertos ao público na provincia. A institución puxo en marcha esta iniciativa no ano 2021 co obxectivo de incrementar a diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos parques e xardíns, amais de mellorar o espazo público e preservar os valores ambientais. Amais, estas doazóns teñen tamén como finalidade servir de recurso educativo e turístico dos espazos onde se plantan.

    Concellos, institucións e persoas puideron así solicitar excedentes das plantas cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano houbo 91 especies para elixir, e entre as máis solicitadas, figuraron diversas variedades de camelias, como xapónicas, williamsii e sasanqua, así como gardenias, magnolias, rododendros, piñeiros, liquidámbar, ficus ou árbores ginkgo biloba entre outros.

    En concreto, doáronse 754 exemplares entre unha trintena de concellos, asociacións e fundacións e centros escolares da provincia. En concreto, foron 13 os municipios beneficiados cun total de 443 plantas: Pazos de Borbén, Mondariz-Balneario, Poio, A Guarda, Cangas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Marín, Redondela, O Grove, Caldas de Reis, Gondomar e Vilanova. No que atinxe aos centros escolares, beneficiáronse o Colexio Sagrado Corazón de Praceres-Fundación Educativa Sofía Barat, o Colexio Espiñeiro de Portonovo (Sanxenxo), o CRA de Meis; o CEIP Plurilingüe de Nantes (Sanxenxo) e o CEIP A Xunqueira de Pontevedra. E, por último, tamén recibiron plantas a Asociación Peneirando o Monte, a Asociación Poza da Moura e a Casa Museo de Rosalía de Castro, mentres que a ANPA do Colexio Vilariño recibiu 160 sementes de camelia.

    Como condición á doazón das especies vexetais, as persoas e entidades beneficiarias deben colocar xunto aos exemplares cunha placa de identificación, na que ten que figurar o xénero botánico e a especie da que se trata, o nome común e o Código QR para acceder á información da planta de maneira telemática. No caso de se trate dunha camelia, a placa deberá levar tamén o logo da colección de camelias da Deputación de Pontevedra. Estas fichas técnicas serven, amais da identificación, para reforzar o carácter educativo e turístico destes xardíns e das áreas integradas nestas doazóns.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.