Venres, 2 Maio de 2025

Hoxe comezaron a aplicarse as novas medidas de seguridade nas obras da Escola Infantil das Neves

Dende este luns, e durante todos os días lectivos, ata o remate das obras da nova Escola Infantil de As Neves, as mesmas estarán paralizadas durante a entrada e saída dos estudantes do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Así o acordaron o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e a concelleira de Educación, Pilar González Casas, co responsábel de seguridade desta obra e a directora da mesma.

Nunha xuntanza, “longamente solicitada”, na porta mesma do colexio, o alcalde, a concelleira, representantes da dirección do centro e da Asociación de Nais e Pais (ANPA), esixiron ao responsable de seguridade que tomase “de inmediato” medidas para garantir a integridade das alumnas e alumnos, logo de denunciar “graves perigos” para os mesmos nos traballos de construción da gardería.

Entre eles estaban a realización de actividades de corte ou excavación das que saltaban cascotes, o paso de maquinaria coincidindo cos rapaces e rapazas, traballos de carga e descarga, traslado de material ou circulación de vehículos xunto aos nenos que, logo de que non cesasen por orde dos responsábeis da obra foron paralizados polo alcalde en persoa ante o “grave risco de accidente”, tal e como se puxo en coñecemento da propia empresa concesionaria dos traballos, coma dos responsábeis da Consellería de Educación, que é que está levando a cabo os mesmos.

Non haberá actividade durante a entrada e saída dos estudantes

O xefe de seguridade da obra, logo de recoñecer estas deficiencias e de desculparse polas mesmas, estivo dacordo en que os operarios deixen de traballar “de luns a venres” de 09 h a 09:30 h, de 13:50 h a 14:15 h e de 16 h a 16:30 h, coincidindo coa entrada e saída do colexio.

Ademáis, haberá unha persoa encargada de coordenar e vixiar a entrada e saída de vehículos da obra e esta mesma semana se reforzará o valado que separa a zona de construción da entrada do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e do Pavillón Municipal.