Venres, 2 Maio de 2025

A Xunta elimina un punto de verquido de augas residuais ao rego de Piquetes, en Gondomar

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais cara ao rego de Piquetes, no concello de Gondomar.

Esta achega irregular foi identificada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección cara ao leito do rego nas filtracións da infraestrutura de saneamento municipal que discorría polo camiño de Goldra, no lugar da Texosa, na parroquia de Mañufe.

Augas de Galicia comunicoulle esta situación ao Concello de Gondomar para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.