Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán abre o prazo de inscrición da XII edición da Travesía a nado Costa Serena

Nigrán abrirá mañá mércores o prazo de inscrición da XII edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o 3 de xullo en Praia América. A organización espera reunir a preto de 500 nadadores nacionais e estranxeiros, nenos e adultos, nos cinco percorridos que se disputarán.

As inscricións poderán realizarse ata o 27 de xuño ás 12:00 da mañá a través de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com), e o regulamento da proba está dispoñible na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es. A inscrición inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, balizado, cronometraxe electrónica por chip, avituallamiento, seguro, asistencia médica, premios, fotografía, xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón e participación no sorteo de material deportivo.

Debido á crise provocada pola COVID-19, a travesía a nado tivo que adaptarse durante dous anos á situación sanitaria coa incorporación dunha serie de cambios para garantir a máxima seguridade dos participantes e cumprir cos protocolos sanitarios. Nesta edición, a proba volve ao formato previo á pandemia con saídas agrupadas e sen limitación de prazas nos distintos percorridos.

A organización da travesía, o Club deportivo Tumetapersonal e o Concello de Nigrán, renderán unha especial homenaxe ao comunicador baionés Pepe Costas, falecido o pasado ano, que foi o presentador da proba durante oito anos.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros e o neopreno será optativo. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada á altura do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrincará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Procura e Salvamento Ría de Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.

Máis premios

Nos tres percorridos entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina, e nas distancias de 4.000 e 2.700 metros tamén aos tres primeiros/ as que naden sen neopreno. Na proba reina tamén se repartirán medallas aos tres primeiros clasificados/ as das 12 categorías por idades. Ademais entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello de Nigrán no momento da inscrición, ao máis novo e de máis idade de todas as probas. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla.

A zona de concentración dos nadadores será o domingo 3 de xullo nas instalacións deportivas de Dunas de Gaifar en Panxón, a partir das 09:00 horas, onde se entregarán as bolsas aos participantes. Tamén haberá repartición de dorsais o día anterior no mesmo punto en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial de A Ramallosa, Atunlo e Angel Leirós Motos. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Saphire, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’ s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Procura e Salvamento Ría de Vigo, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Talaso Atlántico, Rosquillas Cristaleiro, Tupana e Comunica.