O VIII Campus Nadal Solidario abre o seu prazo de inscricións este luns 29 de novembro e permanecerá aberto ata o 22 para cubrir as 70 prazas que se poñen ao dispor das familias de Gondomar como unha das alternativas para favorecer a conciliación durante as datas do Nadal.
“É unha das preocupacións que neste goberno sempre temos presente e desde as concellerías trabállase para atender esta demanda ofrecendo sempre actividades nas que os máis novos e novas ademais de divertirse tamén aprenden valores necesarios para o seu desenvolvemento como o compañeirismo, hábitos saudables ou a solidariedade, entre outros”, sinala o alcalde Paco Ferreira.
A única condición para poder inscribirse será a de achegar como mínimo 2 quilos de alimentos non perecedoiros para o banco de alimentos municipal “porque nestas datas, máis que nunca, non podemos esquecernos daqueles que se atopan nunha situación vulnerable”.
Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que durante os catro días do campamento poderán participar en distintas actividades deportivas, descubrindo as súas habilidades en deportes que descoñecían ou mesmo achegarse a novas modalidades, á vez que se divirten. Como en anos anteriores, tamén se programa unha excursión.
As inscricións realizaranse no pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, entre ás 17.00 horas e ás 19.00 horas. Máis información no correo [email protected] ou o teléfono 986 360 305.