Domingo, 4 Maio de 2025

Fin de semana teatral en Gondomar con clásicos da literatura galega

A compañía Saraiba Teatro será a encargada de dar vida aos personaxes de A Lingua das volvoretas o vindeiro sábado 09 de outubro, ás 21:30 horas, sobre o escenario do Auditorio Municipal Lois Tobío. A obra chega tras ser galardoada recentemente con catro premios María Casares, e permitiranos regresar a gozar da entrañable relación que manteñen o Mestre don Gregorio e o pequeno Pardal.

Pola súa banda, será Cándido Pazó o que o domingo represente o clásico de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego a partir das 19.00 no Auditorio Municipal, coincidindo co 50 aniversario da 1ª edición deste clásico da literatura galega. O público poderá gozar dun espectáculo emotivo e divertido, cun gran atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de viedocreación, e unha proposta musical composta para a ocasión.

As entradas débense reservar en https://taquilla.concellodegondomar.gal.

Estas dúas citas teatrais son as novas citas culturais que ofrece o programa ‘Gondocultura Outono’, que esta fin de semana será íntegramente teatral.