Venres, 9 Maio de 2025

Nigrán comprométese a evitar a emisión de 23.271 toneladas de CO2 de aquí ao 2030

O pleno aprobou unánimemente o plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ que busca reducir nun 40% as emisións en todos os municipios de aquí a 2030

O Concello de Nigrán aprobou unánimemente no pleno ordinario deste luns o plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ para acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030. Esto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017.

“Reduciremos a emisión en 1,32 toneladas per cápita só a través de iniciativas de competencia municipal, como é o cambio a iluminación LED no alumeado público”, explicou o alcalde, Juan González, en referencia a este pacto ao que Nigrán se subscribíu oficialmente o 5 de agosto de 2019.

Así, o Plan de Acción presentado polo goberno local neste pleno ordinario sinala como liña maestra o troco a iluminación LED como a fórmula estrela para acadar ese aforro do 40% de emisións. Como proba irrefutable, a través do troco que ven levando a cabo o Concello en diferentes rúas nos derradeiros catro anos, o consumo pasou de 4,8 millóns de Kw/hora/ano a 3,6 millóns, cuantificándose o aforro en 61.839 €. Outro dos obxectivos de cara a 2030 é que polo menos o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables.

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008 e reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Nigrán contribuiría á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.

Castanheira de Pera

O goberno de Nigrán aprobou tamén coa unanimidade da corporación  unha moción para iniciar os trámites do anunciado irmandamento coa localidade lusa de Castanheira de Pera, cuestión que a Covid-19 retrasou máis do desexado. Ambos rexedores acordaran no 2019, na celebración do aniversario dos incendios de 2017 en Chandebrito, formalizar esta unión (Nigrán está paralelamente oficializando o irmandamento co coruñés de Valdoviño). A súa vez, unha representación do goberno nigranés acudirá como invitada ás celebracións do 8 de agosto en Castanheira, no seu día grande, para continuar cos trámites alí.

O vínculo entre Nigrán e a localidade de Castanheira de Pera (rexión central de Leiría) transcende máis alá da histórica unión Galicia/Portugal ao ter compartido ambas localidades unha experiencia traumática que, precisamente, se desexa reverter con este irmandamento: neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentres trataban de fuxir do lume pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos.  Só catro meses despois, as parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación fallida, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como peor da súa historia recente ao causar  66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião, na rexión central do país.

“As vidas humanas son irreparables, a dor inconmensurable, e a testemuña do vivido non se debe esquecer nunca. Sen embargo, tanto desde o goberno nigranés como desde o de Castanheira, se desexa ver o futuro con esperanza e que desas cinzas de 2017 prenda un irmandamento entre ambas localidades que permita intercambiar experiencias e compartir proxectos ilusionantes”, explica o alcalde nigranés, Juan González.

Ademais deste vínculo emocional que comparten ambas localidades, tamén teñen en común o seu encanto paisaxístico, a gran biodiversidade natural e a experiencia turística que proporciona riqueza económica a ambos territorios e que se poderá ver aumentada con esta unión. Máis alá do propio irmandamento, ambos territorios, de 3.600 y 18.000 habitantes respectivamente, traballarán conxuntamente para conseguir fondos europeos interrexionais de programas como “Europa para las personas”, destinado a financiar encontros, visitas, xornadas….

“Galicia e Portugal son verdadeiramente pobos irmáns ao ter compartido unha mesma lingua e cultura froito dun pasado histórico común. Os lazos entre ambos pobos son evidentes e en Nigrán cobran un especial significado ao situarse a orixe dos devanceiros de Luis Vaz de Camöes (poeta universal portugués autor de ‘Os Lusíadas’) na parroquia de Camos (de aí o topónimo)”, incide González.

Cidade Amiga da Infancia

O Concello de Nigrán da un paso máis de cara ao recoñecemento ‘Cidade Amiga da Infancia’ (CAI) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) coa aprobación unánime no regulamento querexerá o Consello Sectorial da Infancia e da Adolescencia. Este novo órgano municipal aprobado esta mañá nace para situar na axenda local os verdadeiros intereses e necesidades de cativos e adolescentes, xa que a través del poderán participar na vida política de Nigrán realizando propostas, seguindo as mesmas, pedindo información, etc. O goberno consignará xa para desenvolver todas as actividades do selo ‘CAI’ unha partida orzamentaria de 10.000 €.

A partir de setembro, os 21 nenos (dous por cada aula de 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de cada unhas das escolas públicas ou concertadas de Nigrán) reuniranse durante o curso escolar unhas decena de veces co obxectivo de trasladar todas as súas peticións a este Consello Local da Infancia e da Adolescencia, este novo órgano sectorial presidido polo alcalde, constando dun secretario, dous vogalías de adultos con voz pero sen voto (dous representantes de Anpas, un de cada grupo político municipal, un técnico municipal, un concelleiro das áreas máis implicadas, un representante de ‘Un Nigrán para todos’) e, por descontado, todos os integrantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil (21 nenos, dous por cada aula de 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de cada unhas das escolas públicas ou concertadas de Nigrán ).