Domingo, 4 Maio de 2025

Concello, Deputación e Fundación Érguete clausuran o programa de emprego inclusivo da Fundación Érguete en Nigrán

Ao acto no Auditorio Municipal acudíu o alcalde, Juan González, a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, e as deputadas Raquel Giráldez (Nigrán) e Iria Lamas (Gondomar)

Fundación Érguete-Integración, Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán celebraron esta mañá no Auditorio Municipal a clausura do curso ‘Acompañante de transporte escolar e comedor escolar’ e ‘Auxiliar de Comercio’ de mellora da empregabilidade dirixido a desempregados. Ao acto acudíu o alcalde de Nigrán, Juan González; a presidenta da fundacion, Carmen Avendaño; e as deputadas provinciais Raquel Giráldez (Nigrán) e Iria Lamas (Gondomar).

O proxecto Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán e Zona Franca, estivo dirixido a desempregados, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral. Precisamente, 5 persoas están xa actualmente a traballar a raíz destes cursos programados pola maior demanda destes perfís laborais debido á Covid-19.

No curso  aprenderon a realizar as tarefas de coidado e atención dos alumnos usuarios do servicio de comedor, inculcando bos hábitos alimenticios e ensinando ós nenos a comer de xeito saudable, e o control das saídas e entradas dos alumnos para que ningún abandone o recinto sen permiso. Na parte de acompañante de transporte escolar: o coidado dos menores durante o transporte e as operacións de acceso e abandono do vehículo, así como, no seu caso, da recollida e acompañamento dos/das alumnos/as dende e ata o interior do recinto escolar.

O de ‘Auxiliar de Comercio’ desenvolveuse no Centro de Negocios de Porto do Molle dirixido tamén a mellorar a empregabilidade entre persoas en busca activa de emprego. Esta formación proporcionou a persoas en busca de emprego os coñecementos e as habilidades necesarias para realizar o traballo no sector do comercio e impulsar a súa inserción laboral. Entre as competencias xerais que adquiriron as persoas asistentes estiveron a prestación de atención e información  protocolarizada e estruturada ao cliente; así como realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda.