Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán finaliza as obras que resolven o problema de verquidos de augas pluviais aos colectores de residuais paralelos ao río Muíños

En momentos de gran pluviosidade producíase o desbordamento das arquetas no tramo final do río, situación que agora queda liquidada

O Concello de Nigrán rematou esta semana a través da empresa adxudicataria Sodein Soluciones Integrales os traballos para reducir os verquidos de pluviais aos colectores de residuais que discorren paralelos ao río Muíños, cun investimento de 103.000 €. Queda así resolto o problema que se producía nos momentos de moita choiva ao desbordarse as arquetas no tramo final do río e que, ademais, dificultaban o traballo da depuradora.

“O obxectivo final deste investimento era o de devolver ao río Muíños ao seu estado natural; desde hai décadas había este problema no curso final debido, en parte, ao aumento da presión humana, polo que adaptouse á nova realidade de Porto do Molle para poder xestionar ben as redes de pluviais, ao mesmo tempo aplicáronse técnicas de bioenxeñaría para que reparen o seu trazado natural e deixe de erosionarse artificialmente”, sostén o alcalde, Juan González.

O traballo, con proxecto de Santorio Arquitectos, consistíu en diferentes intervencións, encamiñadas todas elas a reducir as incorporacións de augas naturais aos colectores de residuais, minimizando o volume e frecuencia dos mesmos nos momentos de choiva abundante. Así, nuha primeira fase reparáronse os 40 pozos de rexistro (moitos presentaban filtracións e outros foron clausurados) para seguidamente instalar un equipo rototamiz fabricado ex-profeso para esta actuación e que se sitúa a escasos metros da depuradora co obxectivo de filtrar calquera auga que se puidera desbordar. A intervención incluíu a instalación de aliviadoiros e acondicionamento paisaxístico na contorna dos pozos que producen maior impacto visual.  A maiores, realizaranse traballos de bioenxeñaría fundamentalmente mediante a colocación de estaquillado natural (a base de estacas) nun total de 37 metros do curso fluvial e en tres puntos diferentes para protexer as marxes e frear o caudal (técnica novidosa que o Concello de Nigrán xa aplicou anteriormente neste río). Todo isto xunto evita que desborden as arquetas no tramo final e que a depuradora non reciba unha cantidade de auga excesiva para o seu correcto tratamento.