Manifesto Miñor (MM) vén de denunciar o “empeoramento do servizo de recollida de RSU, que afecta especialmente ás parroquias de Gondomar”. A situación, segundo MM, dista moito do anunciado polo Goberno local logo da contratación da empresa FCC, por un importe de arredor dun millón de euros anuais e que prevía “unha mellora sen parangón do servizo, coa substitución de colectores, limpezas e desinfeccións constantes, unha mellora no funcionamento do punto limpo, etc”.
“A realidade, pola contra, é ben distinta”, afirma a formación asemblearia xa que habitualmente pódese observar que a recollida de RSU non se realiza de maneira diaria en todas as parroquias e os colectores permanecen cheos durante varios días. “Malia a insistencia do alcalde en xustificar esta situación co incivismo –explica Manifesto Miñor–, o certo é que a pésima recollida de lixo está a provocar a proliferación de vertedoiros por todas as parroquias”. Non se pode descargar a responsabilidade nas persoas incívicas, xa que, engade MM, é o Goberno local “o que ten a obriga de supervisar a recollida de RSU e revisar o prego de condicións que rixe o contrato con FCC para facer que facer que a empresa o cumpra”.
[su_image_carousel source=”media: 19367,19366,19365″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
Dende Manifesto Miñor denunciamos “a responsabilidade da empresa que se encarga do servizo na mala recollida de RSU nas parroquias” e aseguran que “cómpre revisar o contrato diante do máis que mellorable funcionamento do Punto Limpo. Sempre indicamos que era unha mala idea que a mesma empresa que se encarga da recollida do lixo xestione tamén o punto limpo, por pura lóxica e porque son ‘negocios’ incompatibles”.
O certo é que na medida en que os puntos limpos funcionen correctamente, esténdanse polo territorio e a xente tome consciencia, “simplemente as empresas de recollida diminúen considerablemente a súa carga de traballo”, motivo polo que Manifesto Miñor insiste na necesidade “de impulsar o punto limpo de Gondomar como modelo sustentable de tratamento dos residuos sólidos urbanos”.