11.9 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaErizana C.F. e Instituto de Estudos Miñoranos, 'Medalla de Ouro' do Concello...

    Erizana C.F. e Instituto de Estudos Miñoranos, ‘Medalla de Ouro’ do Concello de Baiona, máxima distinción que outorga a Corporación Municipal

    A Comisión de Honras e Distincións tamén decidiu, por unanimidade, conceder o nomeamento de fillos adoptivos de Baiona a Marie Savariau Dreno e Román Pereiro Alonso e a distinción honorífica de Lazo de Honra a Pedro Novalbos

    O Goberno local de Baiona, seguindo a liña emprendida polas anteriores corporacións municipais, vén de dar a coñecer os distintos galardóns cos que o Concello quere sumarse ao recoñecemento público de todas aquelas accións realizadas por persoas ou colectivos que, sendo ou non naturais do municipio, contribúan coas súas accións e traballo ao engrandecemento de Baiona.

    Así, a Comisión de Honras e Distincións do Concello decidiu neste ano 2020 conceder a distinción honorífica de ‘Medalla de Ouro’, máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, ao Erizana C.F. e ao Instituto de Estudos Miñoranos (IEM).

    A mesma comisión tamén acordou, por unanimidade, os nomeamentos de Filla Adoptiva de Baiona a Marie Savariau Dreno e Fillo Adoptivo de Baiona a Román Pereiro Alonso. Estas dúas distincións concédense, segundo o regulamento do Concello “a aquelas persoas que, sen ser naturais do municipio, destaquen polas súas actuacións extraordinarias e os seus méritos singulares en favor do municipio de Baiona”.

    Finalmente a Comisión decidiu outorgar a distinción honorífica de ‘Lazo de Honra’ a Pedro Novalbos, dita distinción recoñece o traballo das persoas, asociación ou entidades “que realicen unha labor relevante no campo das artes e das letras, das ciencias, do social e das humanidades sempre que nas súas obras se diten ou exalten aspectos que afecten ao concello de Baiona”.

    O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, aseguraba á hora de falar das diferentes distincións, que a concesión da ‘Medalla de Ouro’ ao Erizana e IEM, “eran de xustiza”. Polo Erizana, apunta o rexedor baiones, “teñen pasado dende os anos 50, ano tras ano, xeracións enteiras de baioneses e baionesas que, amais de practicar deporte, ’empapáronse’ dos valores que transmite a práctica deportiva como o compañeirismo, o traballo en equipo ou a solidariedade”.

    Pola súa banda o Instituto de Estudos Miñoranos, leva anos traballando arreo “e de forma altruista” para conservar e transmitir “a historia, patrimonio e cultura de Baiona e as súas parroquias e preservando estes coñecementos para as vindeiras xeracións”.

    No caso de Marie Savariau e Román Pereiro, filla e fillo adoptivo de Baiona, respectivamente, o rexedor local, fixo fincapé no xeito en que “dende as súas respectivas áreas, levan anos traballando a prol do municipio. Marie Savariau, que traballa para estreitar, cada día máis, os lazos de irmandamento entre Baiona e Pornic e en ampliar a dimensión internacional que ten o noso municipio e Román Pereiro, como un dos principais promotores de ‘Atlántica’, un fenómeno artístico e sociolóxico a nivel nacional e que tivo en Baiona o seu lugar de nacemento”.

    Por último, Carlos Gómez, amosaba a súa satisfacción polo ‘Lazo de Honra’ concedido a Pedro Novalbos “unha persoa que máis que traballou e loitou para que Baiona puidera amosar na Casa da Navegación, a veciñanza e visitantes, todo o patrimonio histórico que se tiña atopado no fondo da baía de Baiona e que permanecía agochado nun almacén do Museo de Pontevedra”.

    Máis información sobre cada un dos galardoados, nesta ligazón.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.