Domingo, 4 Maio de 2025

‘Entroideiro ou besta’, o Entroido de Salceda di “non” ás agresións sexuais

O Concello de Salceda, xunto coas asociacións de A Feira e Castro Barreiro, veñen de presentar a campaña ‘Entroideiro ou besta’, coa que queren poñer o foco de atención nas agresións sexuais e os ataques a mulleres, conscientes de que o anonimato agochado detrás dunha máscara na festa do Entroido, pode carrexar situacións de risco para as mulleres.

Salceda acolle, esta fin de semana, a que sen dúbida é a súa festa máis representativa, a do Entroido, que leva máis de 130 anos enfrontando aos barrios de Castro Barreiro e A Feira. O que eran festas parroquiais, co paso do tempo, transformáronse en grandes eventos que congregan a multitude de persoas chegadas de toda a bisbarra.

Con esta iniciativa, sinala a alcaldesa de Salceda e responsable da área de Igualdade, Loli Castiñeira, o Goberno local “segue a implantar novas medidas do plan de igualdade aprobado en novembro de 2019”.

Cómpre lembrar que non é a primeira vez que este ambiente de festa é aproveitado por suxeitos parapetados detrás dunha máscara que aproveitando as aglomeracións se dedican a cometer actos moitas veces de acoso e mesmo violencia contra as mulleres.

Concello e asociacións pretenden, deste xeito, concienciar na convivencia e no respecto, de xeito que o entroido de Salceda siga a ser coñecido por unha única loita: a dos barrios da Feira e de Castro Barreiro. Baixo o lema ‘O meu NON é o teu NON’, os cartaces da campaña estarán presentes polos torreiros de festas dos dous barrios, así como no camiño que os une, no que se aglutinan os desplazamentos dos centos de persoas que circulan entre ámbolos dous torreiros.

Loli Castiñeira, reafirmaba o compromiso do Goberno local “coa igualdade e coa liberdade das mulleres”, compromiso que se plasma en campañas coma esta, “que non serían posibles sen o compromiso das diferentes asociacións, neste caso vinculadas ao Entroido”, remata a rexedora local.