Luns, 24 Marzo de 2025

Novos achados arqueolóxicos confirman a forte pegada dos romanos en Ponteareas

Ninguén o dubidaba porque os restos arqueolóxicos así o demostraban pero novos achados veñen ratificar que os romanos deixaron unha forte pegada en Ponteareas. O museo municipal de Ponteareas ven de recibir a doazón de diferentes restos arqueolóxicos atopados nas inmediacións do Castro da Croa, en Ribadetea.

Uns afeccionados á arqueoloxía, entre eles Jhonathan Zúñiga, colaborador habitual de Comarcas na Rede, atoparon de xeito accidental estes restos logo de que alguén rozara nunha pequena zona do castro.

Varios restos de tégulas romanas, un elemento lítico, probablemente un machador e un trozo dun dolium pasan a formar parte da historia de Ponteareas.

Estes tesouros poderán ser admirados no noso museo municipal no que tamén podemos atopar restos que evidencian a convivencias das culturas romanas e castrexas. A influencia dos romanos na vida dos castrexos e castrexas plásmase nos elementos que amosan as vitrinas do museo. Un togado da época galaico-romana, moitas moedas aparecidas que os castrexos empregaban herdadas da cultura romana, vidro e un dolium que transportaba viño e aceite ou os tellados de palla son algúns dos exemplos destas culturas.

O concelleiro Fernando Groba agradece que os restos atopados foran entregados ao Museo Municipal “para que toda a cidadanía os poida desfrutar e felicita a estes afeccionados á arqueoloxía por este acto de responsabilidade e por contribuir á protección do novo patrimonio histórico”.

O Museo Municipal de Ponteareas abrirá de novo as súas portas ao público logo de rematar as obras de eficicencia enerxética do edificio da biblioteca museo e os traballos de reorganización das instalacións para ofrecer á cidadanía un servizo e unha visita máis atractiva.

Fernando Groba adiantou que dende a súa concellería realizarán distintas iniciativas “para achegar o mundo da arqueoloxía aos veciños e veciñas e promover a importancia do patrimonio histórico como parte da identidade dun pobo”.