26.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeEleccións 12XGonzalo Caballero, "Galicia necesita unha Xunta progresista en sitonía co Goberno de...

    Gonzalo Caballero, “Galicia necesita unha Xunta progresista en sitonía co Goberno de España”

    O candidato socialista sinala que o goberno de España “necesita aliados para desenvolver as políticas sociais” e non a Feijóo “catro anos máis recortando, destruíndo emprego e desmantelando a sanidade”

    O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou onte en Santiago que “é necesario abrir en Galicia unha etapa de progreso para a reconstrución económica e social de Galicia”, e chamou a facelo cunha Xunta que sexa “aliada” das políticas de protección da cidadanía que está poñendo en marcha o goberno de España.

    Así o dixo logo dun encontro co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, no que avaliaron as 450 medidas que o goberno central puxo en marcha nesta comunidade autónoma durante a crise sanitaria provocada polo coronavirus, e que supón unha acción inédita ata o de agora.

    Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG reclamou o apoio para un Goberno de España que “necesita aliados para desenvolver as políticas sociais” e consolidar a saída da crise “sen deixar a ninguén na cuneta”, polo que apostou por “abrir unha etapa de progreso” en Galicia. Chamou a unha “mobilización masiva” en Galicia para poñer fin a 11 anos de recortes nas políticas sociais da man de Feijóo e dar paso a un novo goberno progresista que teña nas políticas sociais a súa referencia.

    Por iso, Gonzalo Caballero pediulle aos galegos e galegas “que nos acompañen” nun escenario electoral no que “comeza a respirarse aire de cambio” para “retirar ao Feijóo dos recortes” e poñer á fronte de Galicia a un goberno progresista que traballe en liña coas demandas da cidadanía.

    “O 12X non podemos levar o susto de ter a Feijóo catro anos máis recortando, destruíndo emprego e desmantelando a sanidade, e temos que ser nós os que lle deamos un susto electoral a Feijóo”, arengou o líder do PSdeG, da man dunha “maioría de galegos que queremos que Galicia progrese defendendo a sanidade, as políticas sociais e unha nova política económica que non deixe a ninguén atrás”.

    Ingreso mínimo vital

    O candidato socialista contrastou así a bagaxe dun goberno progresista en España que protexe á cidadanía, que -enumerou- toma medidas como o ingreso mínimo vital, que financia os ERTEs, que prohibe os desafiuzamentos e garante as subministracións básicas nos fogares e que aproba prestacións para os autónomos, cun Feijóo que “quere aparentar que se acorda das políticas sociais plantexando medidas que xa estaban en funcionamento nos concellos dende hai anos con interese electoral”.

    Nese senso, Gonzalo Caballero subliñou que Feijóo “vai a rebufo do goberno e do ingreso mínimo vital, intentando amagar cun compromiso coas políticas sociais” que non amosou durante a súa etapa á fronte da Xunta. En Galicia, evidenciou, “os colectivos vulnerables, os usuarios dos centros de día e de discapacidade ou das residencias de maiores, as familias que necesitan das escolas infantís… saben que o PP aplicou recortes drásticos durante 11 anos”.

    Debates

    Precisamente por iso, o máximo dirixente do PSdeG emprazou de novo a Feijóo a aceptar cinco debates electorais televisados nesta campaña, dous deles co candidato socialista como representante do principal partido da oposición, e outros tres co conxunto de forzas políticas.

    A un mes das eleccións, subliñou Gonzalo Caballero, Feijóo aínda non respondeu a esta proposta, demostrando que “quere agocharse e escapar, non quere falar dos seus recortes, do que pasou nas residencias con tantos contaxios, ou coa destrución do emprego e da actividade industrial”.

    “Feijóo quere pasar de puntillas pola campaña para non render contas, e vai chegar ao 12X acompañado tan só por Casado e Álvarez de Toledo fronte á maioría de progreso”, sentenciou Gonzalo Caballero, para facer fincapé en que “vai haber cambio en Galicia”, e “Feijóo vai ver como os galegos lle dicimos o que xa lle dixemos en abril, en maio e en novembro do ano pasado: que o seu tempo político en Galicia xa rematou”.

    Alcoa

    A preguntas dos xornalistas, o candidato socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que “se poña a traballar e pase a ser parte da solución” para a continuidade da planta de Alcoa en San Cibrao. Criticou que o goberno galego actúe “como unha axencia de queixas sen folla de ruta nin orzamentos, que non sabe que facer coa industria galega”, e cuxa única preocupación é “confrontar e non resolver” os problemas.

    Sinalou que “mentres a ministra de Industria traballa para defender a actividade industrial, non sabemos de nada que faga o goberno da Xunta de Galicia”, polo que urxiu a Feijóo a que “se poña a traballar nestas catro semanas que lle quedan á fronte da Xunta”. Do contrario, “será un goberno progresista quen encete unha nova política industrial comprometida cos traballadores e busque solucións para a planta”, engadiu.

    O delegado do Goberno, pola súa banda, emprazou ao goberno galego a “non equivocarnos e buscar ao inimigo dos traballadores nas administracións públicas” cando sen enfrontan a unha empresa que “non queren nin vender nin buscar un socio industrial nin tampouco presentar unha política industrial de futuro”. Advertiu que “empezo a pensar se o que está buscando é o conflito social”.

    “O goberno de España, os sindicatos e os traballadores están na mesma sintonía, e cando Alcoa xera o problema temos que dicirlle que permita unha solución, que se non quere seguir na fábrica hai posibilidades que ten que abrir”, remarcou Losada, para incidir en que Industria está “na mesma posición que nestes anos, resolvendo con negociacións ou acordos todos os conflitos que o PP deixou debaixo das alfombras”.

    450 medidas

    O delegado do Goberno puxo en valor hoxe en Santiago as máis de 450 medidas postas en marcha polo goberno de España para apoiar a Galicia durante a crise do coronavirus, demostrando que “nunca, en ningunha crise, houbo un goberno que dedicara semellante cantidade de recursos a esta comunidade”.

    O goberno galego, dixo, ten o “soporte necesario” para aplicar as medidas postas en marcha polo goberno de España en políticas sociais, educativas, atención aos máis pequenos, políticas sanitarias, nas residencias de terceira idade, material sanitario ou financiamento directo. Sinalou que “o obxectivo sempre foi saír da crise máis fortes, con respaldo e cun escudo social para a cidadanía”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.