10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPreto de 133.000 euros da Deputación para a xestión de lixo tecnolóxico...

    Preto de 133.000 euros da Deputación para a xestión de lixo tecnolóxico en Ponteareas, A Guarda, Nigrán e Gondomar

    A Deputación de Pontevedra investirá preto de 133.000 euros na adaptación dos puntos limpos de Ponteareas, A Guarda, Gondomar e Nigrán, co obxectivo de acondicionalos de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española, vixente dende o ano 2015, para o tratamento do ‘lixo tecnolóxico’.

    A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, os puntos limpos estean plenamente operativos no primeiro trimestre de 2020.

    Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.

    Ponteareas

    No que atinxe ás obras do ‘ecocentro’ de Ponteareas vanse construír dous almacéns independentes para realizar o almacenaxe de RAEE (3o metros cadrados) e para a reutilización (28 metros cadrados).

    Tamén vaise iluminar o almacén e instalar un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo previsto destas obras é de 48.665,59 euros e o prazo de execución, trala adxudicación do contrato, será de dous meses.

    A Guarda

    No caso da Guarda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.

    As obras permitirán construir no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proveerase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. A empresa que resulte adxudicataria das obras disporá dun prazo de 2 meses.

    Gondomar e Nigrán

    Nos ‘ecocentros’ de Gondomar é Nigrán é preciso subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos .

    No que atinxe ás obras, no punto limpo de Gondomar vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para recollida de posibles derrames.

    No nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Instalarase iluminación e tamén de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O orzamento concreto para este punto limpo é de 35.637,19 euros.

    En Nigrán obrarase para dotalo de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construirase un edificio no nivel superior, apegado ao existente, para reutilización que poderá ser utilizado tamén como almacén de RAEE.

    Tamén será dotado de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. O custo en Nigrán ascende a 19.960,05 euros. O prazo de execución en ámbalas dúas obras será, unha vez adxudicadas, de dous meses.

    O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.

    O lixo ‘moderno’

    Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España.

    Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.