A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou nas instalacións de Vigo (rúa Teixugueiras, nº15 baixo) un curso de Apoio loxístico no almacenamento industrial con movemento de cargas, dirixido a persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para profesión habitual e no que participan oito persoas de Redondela e Vigo.
Os participantes, todos homes, iniciaron xa esta acción formativa que conta cunha duración de 265 horas lectivas, impartidas de luns a venres en horario de 9 h a 14 horas, das que 100 van ser prácticas en empresas da zona.
Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, o curso forma parte do Programa operativo de inclusión social e economía social 2014-2020, dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade a persoas con discapacidade ‘Un a Un’, dentro do programa POISES de promoción da inclusión social, de loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación.
O curso de Apoio loxístico no almacenamento industrial con movemento de cargas rematará o 13 de decembro.