Domingo, 10 Novembro de 2024

Máis de 100 rapaces e rapazas, positivos por COVID-19 derivados do gromo de Baleares

A maioría deles, 89, pertencen á provincia de Pontevedra, sendo a metade deles positivos na variante Delta

A Consellería de Sanidade informa da existencia de 102 rapaces que deron positivo por covid-19 como consecuencia do gromo de Baleares. A maioría destes casos, concretamente 89, pertencen á provincia de Pontevedra, sendo a metade deles positivos na variante Delta.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fai un chamamento aos mozos para que acudan aos cribados, xa que é fundamental para controlar a expansión do virus. Lembra, ademais, que o uso da máscara é obrigatorio en interiores e no exterior cando non se poida garantir a distancia de metro e medio.

Por outra banda, García Comesaña confirmou coa conselleira de Saúde do Goberno balear que alomenos 18 galegos permanecen illados nun hotel de Mallorca, tras confirmar que interaccionaron nas festas, que supostamente foron a orixe do gromo. Ademais de interesarse polo estado dos rapaces galegos, o titular de Sanidade ofreceu a colaboración da Xunta para atallar canto antes o gromo.

Un equipo de enfermería da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza desprazarase mañá ao aeroporto da Lavacolla para ofrecer probas PCR aos estudantes que chegan de Baleares.