13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Galaicos. Un pobo entre dous mundos», dende hoxe no Sexto Edificio do...

    «Galaicos. Un pobo entre dous mundos», dende hoxe no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

    A exposición, que permanecerá aberta ata o 2 de febreiro, serve para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que é o xerme do actual Museo

    Poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia pontevedresa e Galicia e favorecer deste xeito un turismo sostible baseado na historia, co fin de atraer visitantes durante todo o ano, é o obxectivo da mostra da Deputación de Pontevedra ‘Galaicos: Un pobo entre dous mundos’, que desde hoxe e ata o 2 de febreiro exhibe o Museo de Pontevedra.

    No acto de apertura ao público da mostra, no que xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, estiveron as deputadas e deputados provinciais, o director do Museo, José Manuel Rey, e o comisario da mostra, Antoni Nicolau, tivo lugar unha representación teatral das actividades artesanais que se desenvolvían na provincia na Idade de Bronce e de Ferro e na época romana.

    Co obxectivo de dar a coñecer un pouco máis a fondo as tres épocas que abarcan a exposición, o acto de apertura contou cunha visita teatralizada que levou ás persoas asistentes ata a prehistoria e historia antiga da provincia de Pontevedra. Deste xeito, esta tarde no Museo de Pontevedra púidose ver como se desenvolvían actividades artesanais, económicas ou sociais, identificadas en diferentes xacementos arqueolóxicos, mostrando os diferentes papeis que xogaron nestes aspectos tanto homes como mulleres.

    No caso da Idade de Bronce, foron traballos en madeira con reproducións de obxectos deste período e moenda de cereais con muiño barquiforme, mentres que como representativas da Idade de Ferro, amósanse actividades de realización de pezas perforadas en pedra e cestería con fibras vexetais e, da época romana amosáronse traballos de óso para a elaboración de dados e alfinetes e a realización de tecidos con técnicas deste período.

    Amais destas actividades, varios actores amenizaron tamén a apertura de ‘Galaicos: Un pobo entre dous mundos’, introducindo ao público asistente aos contidos da mostra.

    A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que esta exposición recala na cidade pontevedresa despois do seu éxito nas anteriores estadías no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo da Prehistoria de Valencia, onde recibiu a máis de 32.000 persoas. Amais, esta mostra serve tamén para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, o xerme o Museo da cidade.

    A exposición ‘Galaicos’, que abarca a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI e pretende amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, reúne no Sexto Edificio do Museo máis de sesenta obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así como información sobre algúns dos xacementos da provincia, como os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo, Adro Vello e A Lanzada tardía.

    As fotografías e vídeos que se amosan permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para, en conxunto, mostrar cales foron os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de dous mil anos da historia de Galicia e darlles ás persoas que visiten a mostra as claves para a interpretación dos citados xacementos.

    Hai que destacar que algunhas destas pezas nunca antes formaran parte de ningunha exposición, pois trátase de materiais arqueolóxicos dos xacementos que se están a por en valor grazas ao protocolo firmado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para o aproveitamento turístico dos xacementos galaico-romanos da provincia que coordina Turismo-Rías Baixas como, por exemplo, Monte do Facho, Monte do Castro, A Lanzada e Castrolandín.

    Outras nunca saíran dos museos que as acollen, como o caldeiro e fíbula zoomorfa de Monte do Castro, o askós do Castro de Alobre e a hacha votiva de Lalín, que abandonaron por primeira vez o Museo de Pontevedra para a parada desta mostra en Madrid. Tamén se exhiben pezas que hai máis de quince anos que non participaban en exposicións que non sexan as do seu lugar habitual, como o casco/cunca de Leiro, e a diadema de Elviña, ambas pezas no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón (A Coruña).

    A exposición, da que son comisarios o arqueólogo da Deputación Rafael Rodríguez e o historiador Antoni Nicolau, articúlase en 5 ámbitos cronolóxicos, que responden a unha periodización histórica. O primeiro, ‘¿Campesiños e guerreiros?’ fala da Idade do Bronce Final (anos 1500 a 800 antes da nosa era); o segundo, ‘Poboados fortificados da Primeira Idade do Ferro’, comprende do ano 800 ao 400 a.n.e.; o terceiro, ‘O Atlántico ábrese ao Mediterráneo’, do 400 ao 19 a.n.e.; o cuarto ‘Na esfera de Roma: Gallaecia’, nos séculos I a III da nosa era e o último, ‘A provincia de Gallaecia’, de finais século IV ao século VI.

    Os fondos expostos proceden de dez entidades, cinco das cales son da provincia de Pontevedra: o Museo de Pontevedra, o MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega), Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, Museo do Mar de Galicia e o Museo Massó. O resto son de Galicia: Museo Provincial de Lugo, Museo das Peregrinacións de Santiago, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón. E de fóra da comunidade figura o Museo Arqueológico de Asturias.

    Durante o tempo que dure a exposición, ata o 2 de febreiro, a Deputación vai desenvolver múltiples actividades arredor desta mostra, como anunciou a presidenta, entre elas visitas guiadas e dramatizadas, sesións de conferencias, recreacións históricas e xornadas gastronómicas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.