Martes, 5 Novembro de 2024

Formoso empraza á Xunta a dar o paso de solicitar a declaración de zona catastrófica para os incendios do Courel e Valdeorras

O secretario xeral do PSdeG sinalou que aproveitará a asistencia ao Comité Federal do PSOE para pedirlle a Pedro Sánchez que teña en conta a petición para mobilizar toda a axuda posible

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou á Xunta a non perder máis tempo e a dirixirse ao goberno do Estado para solicitar formalmente a declaración de zona catastrófica para as zonas do Courel e Valdeorras afectadas polos incendios forestais. Esta medida permitiría mobilizar toda a axuda posible para as persoas que perderon os seus fogares ou que viron danadas as súas explotacións agropecuarias e todo tipo de establecementos empresariais.

O número un dos socialistas galegos, que este sábado asistiu en Madrid ao Comité Federal do PSOE, valorou ao inicio da xuntanza que “faise imprescindible que o goberno galego pida oficialmente esta declaración de zona catastrófica”, algo que de momento non aconteceu. Do mesmo avanzou que vai pedir esta declaración directamente ao presidente Pedro Sánchez, aproveitando a reunión orgánica na rúa Ferraz.

A consideración administrativa de zona catastrófica comportaría algunhas vantaxes e compensacións para as persoas damnificadas polos lumes forestais. Entre as posibilidades que ofrece a declaración do Consello de Ministros están as medidas compensatorias a nivel económico para os particulares afectados, accións para incentivar a recuperación empresarial e económica dos territorios ou axudas para a activación no plano laboral.

Estas accións que serían pagadas con fondos estatais permitirían compensar no plano económico a veciños, agricultores e pequenos empresarios “para recuperar parte dos bens perdidos” aínda que Formoso insiste en que “a parte emocional non se recupera con cartos”.

O líder do PSdeG confía en que o goberno do Estado acepte a petición xa que o propio Pedro Sánchez puido coñecer en primeira persoa “o efecto devastador do lume no noso país” no transcurso dunha visita que Formoso agradeceu “en nome de todos os galegos e as galegas”.

A petición de declaración de zona catastrófica para as zonas devastadas polos incendios foi solicitada por unanimidade pola corporación municipal do Barco de Valdeorras, en sesión celebrada o pasado mércores, e tamén foi avalada polo PSdeG dende o Parlamento de Galicia.