Mércores, 11 Decembro de 2024

Carmela Silva e Asociación de Mulleres no Sector Público apostan pola formación en igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo un encontro de traballo con mulleres directivas da Asociación de Mulleres no Sector Público en aras de impulsar liñas de colaboración e proxectos conxuntos. En concreto, ambas organizacións acordaron lanzar actuacións para visibilizar ás mulleres no sector público e apostar pola formación en materia de igualdade.

Para Carmela Silva esta asociación de recente creación “é un orgullo e un referente nun campo tan importante como o sector público, que xestiona os recursos de todas e de todas, e que impulsa as iniciativas que están a transforman ás sociedades. Por iso penso que a idea de asociarse é moi positiva, porque tiñamos que ter aquí presenza organizada para permitir ás mulleres do eido público visibilizarse, dar a coñecer o que se fai, o inxente traballo que se desenvolve, a creatividade e enxeño das traballadoras públicas, e loitar pola igualdade, así como traballar para que acaden postos de dirección”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra amosouse moi receptiva á colaboración coa Asociación de Mulleres no Sector Pública e, deste xeito, pechou xa liñas de colaboración que se irán desenvolvendo ao longo da lexislatura. Así, vaise crear un mapa das mulleres do sector público de Pontevedra, analizando a presenza que teñen en todas as administracións da provincia, especialmente nos postos de maior responsabilidade. Neste eido, a presidenta remarcou que “xa o fixemos co mundo audiovisual, a través do programa “Cinema e Muller” que puxo en valor a todas as grandes mulleres que están a traballar no mundo audiovisual. Pensamos que ter cifras e datos reais nos vai permitir tomar decisións máis axeitadas e apreciar a verdadeira realidade do público, así como tamén visibilizar ás mulleres que están a traballar neste sector”.

Por outra banda, e tamén en colaboración coa Asociación de Mulleres no Sector Público, vaise impulsar unha rede de expertas en diferentes temas. A través desta rede preténdese crear unha axenda de eventos e actos, nas que participen profesionais especializadas en determinados campos de traballo e poidan servir de exemplo a outras mulleres e de inspiración ás mozas.

Finalmente, ambas entidades avanzaron tamén na colaboración no eido da formación. Neste eido, a presidenta formulou a posibilidade de impulsar algunha xornada no marco da Escola de Igualdade María Vinyals ou da cátedra de Feminismo da Universidade de Vigo.

Amais das liñas de actuación e colaboración conxunta, a presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para trasladarlle ás directivas da Asociación de Mulleres no Sector Público as accións que a institución está a desenvolver no eido da igualdade. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de aplicar os principios da igualdade de xeito transversal en todos os eidos da sociedade.

A Asociación de Mulleres no Sector Público, de recente creación, está a presentarse a diferentes entidades públicas de todo o Estado. No caso concreto da Deputación, segundo declararon as dirixentes da entidade, “escollémola porque a presidenta é un referente do feminismo, que apostou na Deputación de Pontevedra pola igualdade como eixo vertebrador e transversal das políticas públicas que está a desenvolver”. Ao tempo, as directivas da asociación subliñaron a boa predisposición da presidenta da Deputación para abrir liñas de colaboración con elas e impulsar proxectos conxuntos.