19.6 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta e as farmacias galegas colaborarán na detección precoz de novos...

    A Xunta e as farmacias galegas colaborarán na detección precoz de novos casos Covid

    Sanidade confirma que os derradeiros datos epidemiolóxicos de Galicia amosan unha tendencia estable e lixeiramente descendente

    O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou onte en rolda de prensa do comezo dun novo programa de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, que ten por obxectivo incrementar a capacidade de detección de novos casos covid entre persoas asintomáticas.

    A iniciativa botará a andar na xornada de mañá coa posta en marcha do programa piloto, no que participaran seis farmacias da provincia de Pontevedra. Neste senso, prevese que desde a vindeira semana se incorporen progresivamente as 235 farmacias desta provincia, que figuran inscritas neste plan ata o de agora, e cuxo prazo de inscrición permanece aínda aberto.

    O titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que esta colaboración estenderase no transcurso das próximas semanas ao conxunto das oficinas de farmacia das restantes provincias galegas que, dun xeito voluntario, queiran adherirse ao programa.

    Deste xeito, as oficinas de farmacia galegas ofrecerán kits de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade, inicialmente ás persoas de entre 40 e 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizarán. Así, unha vez avaliadas, comunicaráselle o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR.

    Trala xuntanza do grupo de expertos que fai seguimento á evolución da covid en Galicia, Garcia Comesaña apuntou que os derradeiros datos epidemiolóxicos da comunidade galega comezan a desprender certo nivel de estabilidade con lixeira tendencia descendente, tras varias xornadas de ascenso sostido.

    Na compaña da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores; García Comesaña destacou tamén a incorporación dun novo equipamento que aumentará a capacidade de diagnose do Sergas. Así, estes novos equipos permitirán detectar dun xeito máis rápido e con maior sensibilidade a presenza do virus entre a poboación cribada. Este equipamento incorporarase á totalidade dos servizos de urxencias dos 14 hospitais galegos e, inicialmente, a 24 Puntos de Atención Continuada do Servizo galego de Saúde.

    Respecto do Plan de vacinación, o conselleiro de Sanidade remarcou que en Galicia xa se lle administraron as dúas doses da vacina contra a covid-19 a un total de 28.935 persoas. Así, tamén confirmou que na xornada de hoxe comezará a administración da segunda das doses da vacina entre o persoal sanitario de primeira liña.

    Durante súa intervención, Garcia Comesaña agradeceu á poboación e ao conxunto de profesionais que traballan no ámbito sanitario, o seu esforzo e dedicación, tanto no cumprimento da medidas establecidas como no desenvolvemento do seu traballo, Neste senso, puxo especial énfase no persoal das unidades de críticos e naqueles profesionais que realizan o traslados de pacientes. Así mesmo, agradeceu á cidadanía que acuda aos chamamentos para participar nos cribados programados polo Sergas, así como ao conxunto de concellos e institucións que participan na sua organización.

    No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que nestes intres está a producirse un cambio de tendencia en Galicia, e que estamos nunha fase de “meseta con tendencia decrecente”. A responsable de Saúde Pública destacou o descenso da incidencia acumulada a sete días, fixada no día hoxe en 323 casos por 100.000 habitantes.

    A doutora Durán puxo o foco na gran capacidade que está a amosar Galicia na realización de probas diagnósticas, como reflicte o dato de que entre o 22 e o 29 de xaneiro se realizaron máis de 118.000 probas entre test de antíxenos e PCR.

    Respecto da presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, salientou que o derradeiro informe de ocupación hospitalaria rexistra unha ocupación en planta do 16% e dun 42% nas unidades de críticos. Ademais, Flores salientou que dentro da concepción de “hospital único” que está a desenvolver o Sergas, ata a xornada de hoxe, producíronse 26 traslados entre a rede de hospitais galegos, nomeadamente, 19 desde a área de Ferrol e 7 desde a de Pontevedra.

    Finalmente, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Souto, amosou a vontade de colaboración entre o Colexio e a administración sanitaria galega no ánimo de frear a expansión da covid-19 en Galicia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.