10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA 'Epic Race' volve esta semana dobrando a inscrición e con ciclistas...

    A ‘Epic Race’ volve esta semana dobrando a inscrición e con ciclistas de España, Portugal e Suiza

    Carmela Silva: “É unha aposta por un modelo de turismo sostible: deporte, cultura e natureza; o noso obxectivo é que sexa a mellor proba de BTT afeccionado de España”

    Todo listo para a celebración durante esta fin de semana da quinta edición da Epic Race, a proba afeccionada de bicicleta todo terreo que, ao chegar a esta quinta edición, tense convertido xa non só nunha referencia deportiva, senón nun escaparate turístico da provincia de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe o evento acompañada de Josevi Cimadevila, director da empresa organizadora (Global DXT) e os alcaldes de Moraña, José Cela; Portas, Ricardo Martínez, e Mondariz, Xosé Emilio Barros; así como os concelleiros de Pontevedra, Marcos Rey, e da Lama, Daniel Vidal.

    A quinta edición deste desafío ciclista conta un ano máis coa Deputación como principal patrocinador. Un total de 400 ciclistas chegados dende diferentes puntos de España e cunha altísima participación portuguesa tomará a saída este sábado. Este récord de participación, que dobra as cifras anteriores, está integrado por deportistas non só de Galicia e Portugal, senón tamén de Andalucía, Asturias, País Vasco, Madrid, Navarra, Canarias, Cantabria, Castela-León e Estremadura. Os ciclistas portugueses, que son este ano case 50, proceden de tódalas rexións do país e mesmo fixéronse dúas inscricións dende Suíza. O prazo está pechado dende hai un mes.

    Catrocentos participantes percorrendo 14 concellos da provincia e o territorio dun cento de comunidades de montes

    Carmela Silva destacou que a Epic Race, que percorrerá ata 14 concellos da provincia e o territorio xestionado por un centenar de comunidades de montes, encaixa á perfección no modelo de turismo sostible que defende a Deputación ao aglutinar deporte, cultura e natureza nunha contorna de gran beleza paisaxística. A presidenta recalcou os valores naturais dunha proba baseada no contacto directo con “paisaxes que son unha marabilla” e definiuna como “a posta en valor dun territorio que é un paraíso, e un paraíso que tamén está no interior, non só na costa”. Un evento no que o deporte, a cultura e natureza van da man. Ademais adiantou que a filosofía da Epic Race encaixa á perfección cos proxectos que está a financiar a Unión Europea cos fondos Nex Generation: “Europa entende que o deporte xera economía e atrae persoas aos territorios”.

    A presidenta da Deputación amosouse abraiada polas cifras de inscrición da Epic Race, que comezou en 2017, froito da colaboración entre Global DXT e a Deputación, con 100 participantes. Xa nos dous últimos anos alcanzou as 200 inscricións e este ano logrou dobrar “e isto non queda aquí!”. Tras valorar o incremento constante na inscrición feminina explicou que, dende o principio dixo que esta proba ía crecer de xeito espectacular “e acertamos, tanto a empresa, como os concellos e a Deputación”. Diante desta evolución en só cinco anos avogou por fixarse como obxectivo converter á “Epic” na mellor proba do calendario BTT afeccionado de España: “esa é a nosa ambición!”

    Silva fixo un recoñecemento “moi sentido” á empresa organizadora á que cualificou como “valente” por non terse botado atrás coas dificultades derivadas da pandemia, nin o ano pasado nin neste, mentres moitas probas deportivas do calendario eran e son suspendidas. Ademais tamén puxo en valor a colaboración da Deputación dos concellos: “somos a provincia onde hai unha maior ligazón dos concellos coa Administración provincial, que está ao seu servizo e este proxecto é un dos moitos que sacamos adiante conxuntamente”.

    Josevi Cimadevila recalcou o esforzo por garantir a proba, cumprindo o protocolo antiCOVID da Federación Galega de Ciclismo e incorporando medidas propias. A organización realizará un test de antíxenos a tódolos participantes, obrigará a utilizar máscara nas estacións de paso e, ademais, embolsará tódolos avituallamentos. Destacou que a Epic Race pasa polos termos municipais de Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas e Moraña. Coincidiu con Carmela Silva no avance na participación feminina e destacou que este ano serán 75 os ciclistas que afrontarán a proba de 300 Km en solitario e outros 180 os que pedalearán individualmente os 200 Km.

    Daniel Vidal, concelleiro de A Lama, agradeceu a oportunidade para a promoción turística do seu concello e tamén o valor deste tipo de probas para animar ás comunidades de montes a manter en bo estado as pistas e sendeiros que usan os ciclistas. José Cela, alcalde de Moraña, dixo que unha proba como a Epic Race, “salvando as diferencias porque é unha dura proba deportiva”, é un aliciente para apostar pola bicicleta como medio de transporte. Ricardo Martínez, alcalde de Portas, recalcou a importancia de promocionar o deporte en tempos de COVID. Finalmente, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, agradeceu o esforzo da Deputación e a empresa organizadora por crear esta proba “e aínda máis por mantela” e agradeceu a visión por “xerar visitantes á nosa contorna natural, entre ela espazos de Rede Natura como as beiras do río Tea”.

    A carreira estrutúrase en dúas distancias: A Epic Race 300 acumula un desnivel de 8.500 metros, mentres que a Epic Race 200 suma 5.500 metros de desnivel nos seus 200 Km. Ámbalas dúas teñen formato non stop e tempos límite de 28 horas e 19 horas respectivamente. Hai categorías masculinas e femininas tanto en individual como en parellas ou equipos. A proba está dividida en 7 etapas coa estación de paso ao remate de cada unha: Pontevedra-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Mos, Mos-Pontevedra, Pontevedra-Portas, Portas-Moraña e Moraña-Pontevedra, que serven para realizar os avituallamentos e facer os controis de paso cos xeolocalizadores. No caso dos equipos serven para a entrega da testemuña. O percorrido non está sinalizado, polo que faise con navegación GPS. A meta e chegada está na avenida de Montero Ríos pontevedresa, fronte ao Pazo Provincial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.