11.8 C
Pontevedra
Venres, 8 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación promociona a Ruta das Camelias cunha visita guiada aos xardíns...

    A Deputación promociona a Ruta das Camelias cunha visita guiada aos xardíns do Castelo de Soutomaior

    O recinto alberga máis de 500 exemplares, 19 deles centenarios, da árbore coa flor máis representativa das Rías Baixas

    A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, participou hoxe nunha das visitas guiadas aos xardíns do castelo de Soutomaior co obxectivo de promocionar a ‘Ruta das Camelias’, un dos programas turísticos máis característicos da Deputación. O acto, ao que se sumaron os deputados e deputadas Noemí Outeda, Olga García Ballesteros, Victoria Alonso e Manuel González, contou coa presencia de varios visitantes, entre eles unha parella de turistas alemáns que está a percorrer a provincia.

    Durante a visita guiada ofrecéronse explicacións sobre os máis de 500 exemplares de camelia existentes no recinto, a meirande parte da variedade japónica, pero tamén exemplares de reticulata moi valiosos. O guía detívose especialmente diante dalgúns dos exemplares que ofrecen as flores máis curiosas como a Sangue de pichón, Eugenia de Montijo, Plena Alba, Cidade de Vigo ou a camelia olorosa (Sasanqua). A ruta concluíu cun paseo polo xardín inglés do castelo, onde poden apreciarse 19 exemplares de camelias centenarias nun espazo compartido coas catro árbores senlleiras existentes no recinto.

    Na súa intervención, Ana Laura Iglesias, destacou os valores da camelia como flor representativa das Rías Baixas, unha vez que foi introducida dende Oriente hai uns 200 anos, e subliñou a beleza dos xardíns galegos nos que cobra protagonismo. Destacou a boa acollida que están a ter as visitas guiadas e deu a benvida aos participantes. Ademais congratulouse de que se estean a producir visitas de persoas chegadas doutros países, como foi o caso de hoxe.

    A Ruta das Camelias é un produto turístico que engloba os xardíns do Castelo de Soutomaior, o Pazo de Rubiáns (Vilagarcía), o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), o Pazo Quiñones de León (Vigo), o Pazo Gandarón (Pontevedra), o Pazo A Saleta (Meis), Pazo de Oca (A Estrada) e o Parque do Castro (Vigo). Entre todos ofrecen a posibilidade de gozar de 80 especies distintas e dos milleiros de variedades de camelia presentes en Galicia. Catro deles están declarados Xardíns de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia. O primeiro deles foi, a finais de 2012, o Castelo de Soutomaior.

    As visitas guiadas aos xardíns do castelo, que se ofrecen tódolos martes e xoves, comezaron a ofrecerse este mes de febreiro aproveitando a etapa de floración desta árbore en inverno. A iniciativa, que durará ata finais do próximo mes de marzo, está a ter unha gran acollida entre o público, pois supón unha oportunidade única de contemplar algúns dos exemplares máis raros, antigos e fermosos de Galicia.

    Deste xeito, o castelo ofrece agora diferentes modalidades de visitas guiadas ao público, dado que visita conxunta ás instalacións musealizadas do castelo e mailos xardíns, tamén se celebran martes e xoves, pero en horario de 16 horas. Por outra banda, tamén é posible acceder ao recinto sen visita guiada. As persoas interesadas en participar poderán adquirir as entradas tanto de forma presencial coma nesta ligazón.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.