Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación cofinanciará os servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes

O plan inclúe o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a contratación de persoal dos Servizos Sociais dos 51 concellos beneficiados na provincia

A Deputación de Pontevedra mobiliza este 2022 preto de 2,5 millóns de euros (2.481.074 €)  parao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais dos  51 concellos de menos de 20.000 habitantes. A Xunta de Goberno vén de aprobar hoxe as bases deste plan, que asigna 1,2 millóns de euros (1.254.750 €)  para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar nos domicilios por parte de persoal especializado, e outros 1,2 millóns (1.226.324 €) para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, a fin de garantir unha prestación pública de calidade neste ámbito.

A presidenta Carmela Silva, subliñou que a principal novidade neste 2022 estará no apartado do persoal, no que a Deputación estenderá o financiamento do perfil da persoa auxiliar administrativa a todos os concellos, “contribuíndo así a axilizar os procesos administrativos dos Servizos Sociais Comunitarios que se atopan desbordados, moito máis agora que aínda estamos a sufrir a Covid e as súas consecuencias”. Esta modificación beneficia aos concellos de Arbo, As Neves, Crecente, Cuntis, Meis, O Rosal, Pontecesures, Portas, Rodeiro e Vilaboa, que suman un total de 60.145 € a maiores na súa asignación. “Fomos aumentando cada ano os recursos e agora todos os concellos van contar con este perfil”, destacou.

Carmela Silva cualificou o  Servizo de Axuda no Fogar  (SAF)  como “fundamental” e lembrou que atende a persoas maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente no caso de que carezan de apoio persoal no seu medio inmediato. No caso do coste do persoal, finánciase a contratación de persoas traballadoras administrativas e tituladas medias e superiores dos Servizos Sociais Comunitarios destes concellos, entre os que se inclúen os profesionais do Servizo de Educación e Apoio Familiar.

Investimento por comarcas

No Plan de Cofinanciamento dos Servizos Comunitarios Municipais, a comarca da Paradanta ten asignados neste 2022 un total de 178.704 €, que se reparten da seguinte forma: Arbo (50.566 €), A Cañiza (55.846 €), Covelo (36.387 €) e Crecente (35.904 €). No caso do Condado, recibirá 168.434,91 euros, distribuídos do seguinte xeito: Mondariz (56.079,21 €), Mondariz-Balneario (22.697,20 €), As Neves (36.733,21 €), e Salvaterra (52.925,29 €). Por outra banda, o Baixo Miño percibirá 258.061,15€, dos que A Guarda recibirá 59.866 €; Oia 25.541 €; O Rosal, 33.861 €; Tomiño, 59.042 €, e Tui 79.750 €.

Val Miñor ten consignados 188.350 euros, que se repartirán entre Baiona (51.310 €), Gondomar (56.446 €) e Nigrán (80.594 €), mentres que o investimento en Deza acada os 254.598 €, con Agolada  (50.633 €), Dozón (41.867 €), Rodeiro (32.899 €), Silleda (68.354 €) e Vila de Cruces (60.844€). E Tabeirós-Terra de Montes recibirá 113.634, dos que Cerdedo-Cotobade ten asignados 59.534 € e Forcarei 54.099 €.

A comarca de Vigo percibirá 221.937 €, dos que Fornelos terá 26.395 €; Mos, 80.864 €; Pazos de Borbén, 24.094 €; Salceda, 60.088,86 € e Soutomaior, 30.494 €. No caso do Morrazo, ten asignados 132.745 €, dos que Bueu recibirá 51.786 €, e Moaña 80.959 €.

A comarca do Salnés ten consignados 526.165 €, repartidos do seguinte xeito: Cambados (54.670 €), Catoira (21.337 €), O Grove (65.235 €), A Illa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (37.239 €), Pontecesures (27.681 €), Ribadumia (29.296 €), Sanxenxo (80.264 €), Valga (43.939 €) e Vilanova (82.939 €).

Finalmente, a comarca de Pontevedra recibirá 438.444 €: Barro (39.097 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (27.328 €), Cuntis (47.535 €), A Lama (41.345 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.756 €), Ponte Caldelas (52.946 €), Portas (35.821 €) e Vilaboa (27.130 €).