Zona Franca de Vigo abriu as portas de Porto do Molle (Nigrán) nunha xornada na que mostrou os resultados do proxecto ambiental europeo ‘Run4 Life’, para transformar as augas negras (augas dos inodoros) en fertilizantes de baixo impacto.
A xornada, coa asistencia do delegado do Estado, David Regades, e o alcalde de Nigrán, Juan González, contou tamén con representantes das outras cidades onde se desenvolve o proxecto, en Gante en Bélxica; Sneek en Países Baixos e Helsingborg en Suecia. O proxecto conta con fondos do Programa Marco de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Unión Europea.

Trátase dun macroproyecto de investigación no que participan 16 organizacións dos países seleccionados, no caso de España están Zona Franca de Vigo, Aqualia e a Universidade de Santiago de Compostela, entre outras, pero tamén hai centros de investigación, provedores de tecnoloxía, servizos públicos, usuarios e especialistas en innovación.
David Regades mostrouse “orgulloso de que o parque empresarial de Porto do Molle sexa o Centro Piloto, porque puxemos aquí moitos esforzos para que sexa un exemplo de sustentabilidade e economía circular” e destacou “a nosa estratexia de aposta por enerxías renovables e o medioambiente”.

O parque empresarial de Porto do Molle de Zona Franca é o Centro Piloto neste programa europeo e o éxito dos resultados provoca que xa se estea analizando replicarlo no Polígono de Balaídos a maior escala. Nesa nova localización, ademais da obtención de fertilizantes, o proceso que se pretende realizar permitirá obter gas para o abastecemento das caldeiras dalgunhas naves do polígono, ademais de servir tamén para abastecer de gas aos equipos propios da instalación. Trataríase dunha instalación de depuración de augas totalmente autónoma.
Nas catro plantas piloto, en colaboración cos produtores de fertilizantes, caracterizaranse os produtos resultantes e explóranse as posibilidades para o seu uso en agricultura e outras aplicacións, grazas á participación no consorcio de posibles usuarios finais e ao desenvolvemento dun novo modelo de negocio baseado nun esquema financeiro cooperativo.