Venres, 2 Maio de 2025

Rescatado en helicóptero un varón tras caer nunha zona de difícil acceso en Panxón

O home foi rescatado a bordo do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia tras caer nas rochas, nunha zona de difícil acceso en Panxón, no termo municipal pontevedrés de Nigrán.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o varón foi evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Todo ocorreu preto da unha da tarde de onte, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada de alerta dun familiar. De acordo co seu relato, a irregularidade do terreo dificultaba o acceso ao home ferido.

De inmediato, desde o 112 activouse un operativo que, ademais dos membros de Gardacostas de Galicia, tamén contou coa participación dos profesionais sanitarios, dos membros de Salvamento Marítimo, do GES de Val Miñor e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ademais, pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.