Venres, 2 Maio de 2025

Rematados os traballos de diagnose do Templo Votico de Panxón, que rehabilitarase este ano

A Xunta de Galicia culminou os traballos de análise e diagnose das patoloxías presentes no Templo Votivo de Panxón, o que permitirá contratar as obras de rehabilitación este ano. Así o explicou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, no Parlamento de Galicia, onde respondeu unha pregunta sobre o estado dos estudos neste templo.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse ao “gran valor histórico e artístico” deste monumento do arquitecto Antonio Palacios que require de “análises minuciosas que permitan conservar e restaurar o templo co maior respecto posible á súa materialidade construtiva, así como á obra e a memoria das persoas que o promoveron, deseñaron e participaron na súa construción”.

“Ningún dos estudos realizados anteriormente foron quen de determinar con exactitude a causa que provocaba o dano nas vidrieiras, nin a forma axeitada para resolvelo e protexelo. Non era posible realizar propostas con solucións que supoñían unha completa alteración da obra, como facía algún proxecto anterior, construíndo unhas vidreiras completamente novas”, expuxo. Por iso, co informe xa culminado da Dirección Xeral, “o obxectivo é conservar o monumento co maior respecto posible”, declarou.

Visitas de campo

Neste sentido recordou que a Xunta leva anos estudando e traballando “con rigor” para diagnosticar os problemas do templo e os motivos e axentes que causan o deterioro. Durante o ano 2022, ademais de solicitar a opinión e asesoramento da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, quen achegou un informe coa súa proposta de criterios para a restauración, a Xunta encargou tamén a realización dunha toma de datos gráficos e construtivos sobre o monumento.

Fixéronse distintas visitas de campo e un traballo técnico especializado a cargo de equipos formados por arquitectos, asesores especialistas en conservación e restauración de bens culturais, expertos en topografía, delineación, análise e caracterización de materiais e a monitorización de fábricas e edificios históricos, que xa están culminados. Estas traballos permitirán a redacción do proxecto e a licitación e contratación das obras de rehabilitación do Templo Votivo de Panxón este ano.