O Concello de Nigrán arrancou, co inicio do mes de decembro, unha programación especial de Nadal que concentra preto de medio cento de actividades desde este pasado domingo día 1, no que se celebrou o mercado dos comerciantes da Ramallosa en Panxón, ata a cabalgata de Reis, o 5 de xaneiro, como punto final. As cinco mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de todas aquelas persoas que as soliciten para garantir así a accesibilidade nos diferentes concertos.
Así, tras celebrar o Día Internacional da Discapacidade hoxe martes 3, o venres 6 de decembro terá lugar o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello coa actuación de Peter Punk e o concerto posterior da banda feminina de rock&soul Broken Peach.
Ao día seguinte celebrarase unha das novas iniciativas do Concello neste Nadal, un bingo solidario no Auditorio Municipal co concerto posterior de Argonat Band. Non será a única novidade na programación, o Concello ofrecerá sendos concertos no Templo Votivo do Mar en Panxón (‘Il Bimbi Appassionati‘ e o grupo de música antiga ‘I Colori dell’Armonía‘ o domingo 8 e a Coral Novos Aires o sábado 21) ou unha gala de teatro o día 28 e outra de Afaga o día 27, ademais, colaborará cos comerciantes na celebración das 12 badaladas o mediodía do 28 na Alameda de San Campio.
Como é preceptivo nestas datas, os nenos serán os protagonistas na programación non só na Cabalgata do día 5 de xaneiro, se non moi especialmente durante o periodo de vacacións escolares. O Concello, ademais de organizar a ludoteca de Nadal e ofrecer a visita dos paxes reais ou Papá Noel a tódolos colexios e a Praza Rosalía de Castro e Auditorio, ofrecerá diferentes sesións de contacontos os días 27 de decembro e venres 3 de xaneiro, e os musicais ‘A voar’ de Cé Orquestra Pantasma o domingo 29 e ‘Pedro e o lobo’, de Prokofiev, o xoves 2. Novamente, prográmase unha excursión a Perlim o xoves 26 (inscrición previa do 16 ao 20 de decembro) e o colexio Humberto Juanes realizará dous festivais solidarios o xoves 19 e venres 20.
Citas xa tradicionais como o baile de maiores (día 15) ou o pasarrúas da Rondalla de Parada (martes 24) e o concerto de corais (día 14) mantéñense na programación un ano máis xunto aos papanoeles surfeiros ou moteiros os dous o día 22 e o cine-club Alice Guy o 19.
No eido deportivo, os clásicos torneos solidarios multiplícanse co ‘Encesta un alimento’ do C.B. Nigrán (21 e 22), fútbol-sala (27, 28 e 29) e patinaxe (20) no Pavillón, o de xadrez Laroca no Auditorio (20, 21 e 22) e, finalmente, a carreira San Silvestre organizada polo Concello o sábado 28.
“En definitiva, deseñamos unha programación pensando en todas as idades e en todos os gustos para que ninguén se sinta fora”, resume o alcalde, Juan González.