Lucenza-Ateneo de Nigrán realizou este venres 28 de xaneiro, no Auditorio municipal, a súa presentación pública, que contou cunha nutrida concorrencia de público. Durante o acto o seu presidente, Xabier Méndez, e algunhas socias e socios da entidade, explicaron ao público os obxectivos da asociación e as actividades que van desenvolver nos vindeiros meses.
Houbo poesía e música de frauta e acordeón para acompañar o acto, que se aproveitou tamén para facer unha pequena homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, recentemente falecido.
Lucenza–Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.
O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de convertirse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.
[su_image_carousel source=”media: 52648,52646,52647″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Obxectivos
Lucenza quere contribuir modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio.
Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas,como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Clube de lectura ‘Compartindo libros’.
Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe; a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego, a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.
Para a difusión das súas actividades, Lucenza ten en marcha un perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).