Venres, 2 Maio de 2025

Os veciños de Bouzavella decidirán o xoves o futuro da rúa

Os veciños de Bouzavella (Panxón) decidirán este xoves o futuro da súa rúa: bidireccional (como é actualmente) ou de sentido único a partir do cruce de Gorféns. Así, toda persoa maior de 18 anos empadroada nesta estrada e provista de DNI está chamada a votar en furna o xoves 23 de novembro Salón de Plenos do Concello de Nigrán, de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Deste xeito, o goberno de Nigrán aposta novamente pola participación cidadá para zanxar definitivamente este conflito entre os residentes da zona, enfrontados entre as dúas opcións desde hai anos. Así foi acordado hoxe no pleno ordinario de Setembro ao presentar o PSOE esta emenda concreta a unha proposta inicial do BNG que instaba a realizar un proxecto de seguridade viaria na zona. Este referendum inaugura un feito inédito na política local do municipio que vai na mesma liña da consulta pública realizada en xuño de cara a regular a presenza de cans nas praias do municipio (o resultado foi favorable ao cambio da actual ordenanza).

“O Concello acatará a decisión democrática da veciñanza e todos deberán respectala. Inicialmente considerarase ter en conta só a un representante por cada fogar, pero ante as numerosas alegacións recibidas aceptamos amplialo á maioría de idade para gañar en calidade democrática”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que o reconto será público e se realizará ali mesmo inmediatamente despois de pechar a furna (18:00 horas).

A estreiteza da rúa Bouzavella, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos se poidan cruzar simultáneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que atravesan a rúa para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro xerando, en consecuencia, retencións. “A xente a emprega como atallo para ir á praia de Patos para evitar ter que facer toda Estrada pola Vía e cruzar polo centro de Panxón, por esta mesma razón moitos veciños demandan que se quede como está, non con sentido único, porque consideran que lles obrigará a dar demasiados rodeos cando o problema é sobre todo estival”, explica o alcalde, quen insiste en que o que sempre evitou foi “tomar unha decisión unilateral sen o consenso da veciñanza, que é a verdadeira afectada”. “Non fun nunca partidario de impoñer unha solución habendo dous bandos veciñais opostos e cada un deles coas súas razóns lóxicamente argumentadas, así que finalmente vin claro que a decisión só podía saír dunha votación democrática entre eles mesmos que non os divida máis”, finaliza.