Venres, 9 Maio de 2025

O xefe territorial de Educación informa aos veciños de Nigrán da imposibilidade de desafectar a casa de mestres

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse onte pola mañá con veciños de Nigrán para explicarlles a imposibilidade de desafectar a casa de mestres da Escola de Educación Infantil de Camos, neste concello, por estar ocupada por unha docente.

Neste sentido, explicoulles que a vivenda está adxudicada conforme á normativa vixente e que a profesora adxudicataria segue cumprindo os requisitos de destino definitivo no concello e pagamento dos recibos correspondentes.

O xefe territorial sinalou, ademais, que a semana pasada non se votou en contra da desafectación no Parlamento de Galicia, senón que o director xeral de Centros e Recursos Humanos respondeu unha pregunta do Grupo Parlamentario Socialista na que se explicou precisamente a imposibilidade de acometer o proceso dado que a vivenda continúa habitada.

De feito, o propio director xeral sinalou en sede parlamentaria que a Xunta de Galicia é favorable á desafectación, tal e como xa fixo con outras vivendas desta mesma escola infantil, a ultima delas desafectada o 23 de xaneiro de 2017.