Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Nigrán insta ao Concello a crear unha oficina de impulso definitivo ao despregamento da fibra óptica

O PP de Nigrán vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno do 5 de Abril, de cara que o Concello cre unha oficina de impulso ao despregamento de fibra no municipio durante os próximos 2 anos e conseguir, dese xeito, que o acceso a internet de banda ancha chegue ao 100 % dos fogares e empresas do municipio.

O despregamento da fibra óptica en Nigrán, “aínda que creceu considerablemente nos últimos anos”, aseguran os populares, “ten unha distribución é claramente irregular, dándose paradoxos como que algúns núcleos rurais teñen máis cobertura que nas zonas urbanas, onde a priori sería máis fácil o seu despregamento”, sinala o portavoz popular, Carlos Abal.

A explicación a esta distribución irregular atopase no feito, di o PP de Nigrán, “de que en zonas rurais están subvencionados pola administración, co que as operadoras prefiren despregar nesas zonas que teñen un custo menor de investimento”. Aínda así, engaden, “hai numerosas peticións de fogares e empresas que non son atendidas, cando realmente están moi próximas ás zonas despregadas, tanto nas zonas urbanas como nas rurais”.

“Agora mesmo, o ter ou non ter fibra está a converterse nun requisito imprescindible para a venda ou o alugueiro de vivendas. Doutra banda, a hostalería e calquera tipo de empresa necesita ter unha conexión a internet de calidade, ademais xorde a oportunidade de fixar residentes aquelas persoas que poden teletrabajar pero que igualmente necesitan unha conexión de calidade”, apunta o PP na súa moción.

A proposta popular consiste na creación, por parte do Concello, dunha Oficina de Impulso da Banda Ancha en Nigrán, que recolla as demandas dos fogares e empresas e busque, xunto coas pperadoras, solucións a curto prazo para que a banda ancha chegue a todos”.

Para conseguir este obxectivo, explica o PP, “sería conveniente mobilizar recursos público-privados realizando convenios coas operadoras, para que co apoio municipal, se poida dar o servizo solicitado mediante accións como compartir os postes de iluminación ou canalizacións, ou mesmo subvencionar en parte algún despregamento”.