Domingo, 25 Maio de 2025

O Plan de Recuperación do Goberno pola modernización do turismo reafírmase en Nigrán

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe en Nigrán a aposta do Goberno pola cohesión territorial e o impulso ao turismo sostible de Galicia, coa achega dun millón e medio de euros do Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Despensa de Galicia’. “O Plan de Recuperación do Goberno chega á Ría de Vigo e ao Baixo Miño e supón unha oportunidade única para transformar o turismo da nosa comunidade e proxectalo cara ao futuro, cun modelo verde, sostible, dixital e competitivo”, salientou o delegado.

A presentación do proxecto tivo lugar no centro de negocios Porto do Molle coa participación do alcalde de Nigrán e representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, Juan González Pérez; e da presenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Tamén asistiu a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. No acto, José Miñones expresou o seu convencemento de que esta inxección económica do Goberno servirá para “potenciar esta zona tan importante de Galicia e consolidala como un destino comprometido coa conservación do medio ambiente, innovador e dixitalizado, flexible e resiliente ante os novos retos”.

O plan de sostibilidade turística do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño é un dos 16 que seleccionou o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para financiar en Galicia con cargo á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino 2022, que forma parte do Plan de Recuperación do Goberno. A lista definitiva dos proxectos foi aprobada en decembro pola Conferencia Sectorial de Turismo. Nesta convocatoria, Galicia recibirá 34.575.400 euros para o desenvolvemento dos proxectos aprobados na comunidade e que benefician á totalidade das provincias.

José Miñones destacou que con estes investimentos o Goberno busca promover un turismo máis verde e unha mobilidade máis eficiente. Este ano, os plans céntranse no enoturismo. Os Plans de Sostibilidade Turística en Destino, valorou o delegado, “representan o mellor exemplo de colaboración entre administracións en beneficio da competitividade e a calidade de todos os nosos destinos turísticos”.

O delegado incidiu en que os investimentos do Goberno consolidan a Galicia como un destino turístico verde, sostible e de calidade e concluíu: “Estamos a deseñar o turismo do futuro de Galicia. Para facer da nosa terra un destino sostible, competitivo e de calidade de primeiro nivel”.

O Plan de sostibilidade turística ‘Despensa de Galicia’

O PSTD ‘Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Despensa de Galicia’ beneficia os 14 concellos que conforman este territorio nas comarcas do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), Baixo Miño (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui), comarca e ría de Vigo (Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior) e A Louriña (Mos e O Porriño).

A actuación estrutúrase en catro eixes:

  • Eixe 1. Transición verde e  sostible (Investimento entre 2023 e 2025: 300.000 €)
    • Actuacións de rexeneración e adecuación do destino para mitigar o cambio climático
    • Plan de xestión de residuos en festas gastronómicas de interese turístico
    • Creación dunha rede de miradoiros e fomento do turismo astronómico
  • Eixe 2. Mellora da eficiencia enerxética (Investimento entre 2023 e 2025: 575.000 €)
    • Iluminación artística e eficiente do patrimonio do xeodestino
    • Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicos
    • Homologacion de rutas de sendeirismo: “Entre campos e viñedos”
    • Oficina técnica de asesoramento a empresas turísticas para optimización enerxética
    • Instalación de puntos de recarga eléctrica en espazos turísticos
  • Eixe 3. Transición dixital (Investimento entre 2023 e 2025: 150.000 €)
    • Plan de sinalización intelixente de recursos enogastronómicos do destino
    • Creación de contidos dixitais vinculados coa enogastronomía
    • Realidade aumentada e/ou virtual para recreacións virtuais do patrimonio enogastronómico
  • Eixe 4. Competitividade (Investimento entre 2023 e 2025: 475.000 €)
    • Instalación de espazos promocionais do xeodestino e a súa gastronomía
    • Programación cultural en espazos gastronómicos
    • Axudas ao sector empresarial para impulsar a enogastronomía do destino
    • Creación de produto de turismo industrial vinculado á gastronomía
    • Sistema de avaliación do PSTD
    • Oficina técnica do PSTD

Investimento total: 1.500.000 euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a cargo dos fondos do  Plan de Recuperación.