Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello produce o documental ‘A xente do mar de Nigrán’

Será estreado este sábado 9 de Abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal nun acto aberto á participación de toda a veciñanza

O Concello de Nigrán dá un paso máis para protexer e blindar a súa tradición mariñeira a través da produción do documental de testemuñas ‘A xente do mar de Nigrán’, un proxecto que se encadra nas diferentes iniciativas municipais para recuperar a memoria histórica da localidade. Baixo a dirección do cineasta Xan Leira, este será presentado o sábado 9 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal nun acto aberto á participación de toda a veciñanza.

“A pesca é máis que unha tradición para Nigrán, explica a nosa orixe e o noso modo de vida, por iso era fundamental recompilar e protexer eses recordos do Panxón mariñeiro de antano. Esta é a primeira parte, pero seguiremos gravando testemuñas”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que todo o material será pendurado nas próximas semanas na web do Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán https://arquivoaudiovisualnigran.org/ para que todo o mundo o poida ver. “A recuperación da memoria histórica é un dos nosos obxectivos como goberno e por iso estamos constantemente presentando iniciativas, nesta ocasión vinculándoa ao noso sector produtivo máis tradicional, do que non nos esquecemos como Concello á hora de repartir as axudas económicas para paliar os efectos da covid”, resume o rexedor.

Neste primeiro documental son 17 persoas moi vinculadas ao mar as protagonistas. Falan á vez como suxeito individual e colectivo, transmitindo os seus recordos, impresións e informacións do pasado en entrevistas de entre 7 e 14 minutos que nos definen a través deste importante legado audiovisual. Son: Francisco José Costas Alonso, Javier Costas García, Lucía Costas González, Cristina Dosil, Ladislao Alonso Valverde, Manuel Carbajo Rial, José Antonio Fontela Arjones, Manuel Fontela Arjones, Marina Gómez González, Celeste González Costas, Rosalía González Valverde, Gonzalo Iglesias Fernández, José Iglesias Fernández, José Manuel Lago Chamorro, Mercedes Lema López, Jesús Pérez Soto e José Manuel Varela González. Todos comparten as súas lembranzas, anécdotas e o quefacer cotiá no mar, sobre todo o xeito de traballar de entón fronte hoxe en día. Agora o obxectivo do goberno local é ampliar estas testemuñas coa produción dun segundo documental.