Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Nigrán realiza obras de accesibilidade no cemiterio de Parada

Constrúe unha rampla de entrada que facilita especialmente a chegada dos cortexos fúnebres

O Concello de Nigrán rematou a pasada semana as obras para mellorar a accesibilidade no cemiterio de Parada, o único municipal xunto co de San Fiz (Nigrán). Así, operarios municipais habilitaron unha rampla no acceso esquerdo que facilita especialmente a entrada dos cortexos fúnebres ao diminuir a pendente existente e eliminar o escalón situado na propia entrada.

Esta actuación responde, precisamente, a unha vella demanda veciñal. Compre sinalar que nos últimos anos o Concello emprendeu importantes melloras neste camposanto público coa construción de 36 novos nichos no 2016, mellora do axardinamento e sinalización das súas rúas, un esforzo que tamén se levou adiante en San Fiz cunha vintena de novas sepulturas e a dotación de aseos accesibles e almacén.

“San Fiz e Parada son os dous únicos cemiterios municipais de Nigrán e nestes anos desde o Concello levamos a cabo melloras substanciais neles, os demais camposantos son privados e, igualmente, temos colaborado con eles de cara a obter a súa regularización, tal e como xa conseguimos en Camos ou Priegue”, indica o alcalde, Juan González.