Mércores, 7 Maio de 2025

O Concello de Nigrán limpa o leito do río Muíños para previr danos ante posibles riadas

O Concello de Nigrán comezou esta semana os traballos para limpar o leito do río Muíños na tramo en que a competencia é municipal, é dicir, na zona urbana entre a desembocadura de Praia América e as instalacións de Ureca. En total, trátase duns 400 metros de lonxitude que están sendo abordados pola Brigada Forestal Municipal e que agardan que estén concluídos en dúas semanas. “O obxectivo é iniciar a tempada de choivas cos deberes feitos por parte do Concello, tal e como os propios residentes destas zonas facilmente inundables nos pediron; deste xeito minimizamos efectos das posibles crecidas do río”, explica o alcalde, Juan González, en referencia, precisamente, ás graves consecuencias das inundacións do pasado inverno, cando chegaron a afectar ás vivendas situadas no Camiño Salgueiral, contorna da rotonda de Ureca e Rúa Areosa.

Os traballos consisten fundamentalmente en eliminar as canas (especies invasoras con gran presencia neste tramo), retirar árbores caídos e polas rotas e desbrozar todo o perímetro do río co obxectivo final de que o leito estea liberado de calquera obstrucción e permitindo acceder a el.

“Como Concello, actuamos na zona en que temos competencia tal e como os veciños nos pediron, agora agardamos que a Xunta, a través de Augas de Galicia, cumpra co seu cometido no resto do trazado”, engade o rexedor.