O goberno de Nigrán aprobou a semana pasada o proxecto para levar o saneamento ao tramo de 330 metros que resta da rúa Mestra Emérita de Priegue cun investimento de 70.000 € a cargo das baixas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A obra permitirá, ao mesmo tempo, ampliar o servizo ao tramo da PO-552 entre o concesionario Rodosa e Saiáns, onde os colectores xa estaban instalados. Posteriormente, o goberno local plantexará emprender unha segunda fase de humanización cuxo proxecto xa redactado cifra o investimento en 241.000 €. Esta rúa, de aproximadamente 850 metros, está na traza do Camiño de Santiago pola Costa conectando Nigrán con Vigo.
“Queremos acondicionar axeitadamente Mestra Emérita, por iso o primeiro é dotar de saneamento á única parte que falta para despois poder emprender obras de mellora que inclúan cambio completo do firme e un sendeiro peonil seguro”, explica o alcalde, Juan González.
Así, os traballos para incorporala á rede de saneamento realizaranse nos próximos meses e supoñen a instalación de 330 metros de colector soterrado de PVC de 315 mm de diámetro, 17 pozos de rexistro prefabricados e reposición dos pavimentos afectados e máis dotación de equipamento electromecánico dun pozo de bombeo existente.
Simultáneamente, o Concello conta desde outubro co seguinte proxecto, o de humanizar esta rúa, que deberá ser aprobado unha vez remate esta primeira fase. Básicamente, suporá un investimento de 241.000 € para renovar por completo o pavimento e establecer unha senda peonil diferenciada que outorgue seguridade ao camiñante, xa que actualmente non existe, algo especialmente importante tendo en conta que por aí transitan veciños e peregrinos ao formar parte do Camiño de Santiago.