Venres, 2 Maio de 2025

O Concello de Nigrán intenta salvar ao castiñeiro de San Pedro do “chancro”

O Concello de Nigrán traballa a contrarreloxo para salvar do ‘chancro’ ao castiñeiro centenario de San Pedro despois de que a Brigada Forestal Municipal detectase a súa presencia. Así, tras solicitar o Concello hai dous anos sen éxito que este espectacular exemplar fose incluído no catálogo de ‘Árbores Senlleiras de Galicia’ da Xunta pola súa singularidade, agora, ante esta situación, o Concello pedíu oficialmente que o Departamento de Sanidade Vexetal inicie o tratamento fitosanitario que o podería salvar e, por outra banda, que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro estudie polo míudo a súa saúde. A maiores, esta mesma semana a Brigada Forestal Municipal retirou as polas mortas e podou os chupóns para que non lle resten vigorosidade.

“Ao parecer o chancro é unha enfermidade moi común nestas árbores e, sen tratamento axeitado, conduce á morte, polo que, aínda que nin sequera é competencia do Concello porque está en terreo da Igrexa, nos puxemos mans á obra inmediatamente para salvalo”, explica o alcalde, Juan González, quen tratou no 2021 de que, xunto ao ‘árbore botella’ situado a 400 metros (ao carón da fábrica de champán)se catalogase como árbore ‘senlleiras’ de Galicia para outorgarlle a máxima protección (en Nigrán ningún exemplar ten esta distinción). O certo é que o chancro é unha das peores enfermidades que poden aparecer en árbores e plantas e está provocada por unha bacteria que penetra na planta a través dunha ferida das ramas, talos ou follas, unha vez dentro, crea vultos que impiden que o zume circule ben, facendo que poida chegar a morrer.

Este castiñeiro ten un diámetro de 158 cm (28 cm por riba do perímetro normal) e 35 metros de altura baixo un aspecto corpulento e porte erecto. O enxeñeiro forestal municipal certificou no 2020 que, “sendo moi precavido’, supera os 110 anos, xa que nas fotografías do voo américano de 1956-1957 xa se aprecia cunha copa moi similar, polo que como mínimo naquel intre tería 50 anos. Sendo unha árbore autóctona e icónica en Galicia, é unha sorte que sobreviva un exemplar coas súas características ten preto do litoral, xa que pola propia urbanización da franxa costeria, a maioría destes exemplares redúcense ao interior da comunidade. Este exemplar é boa proba da importancia dos castiñeiros en Galicia como sustento e fonte de madeira ao longo do tempo: as fortes podas que sufríu (aínda apreciables) indican que a súa extración non só foi con obxectivos de formación, se non tamén para adquisición de madeira de gran calidade. A maiores, o certo é que este castiñeiro forma parte esencial do conxunto da igrexa de San Pedro e tamén da súa historia, tanto é así que os veciños aínda recordan cando apoiado sobre as súas polas se colocaba o palco da música para as festas parroquiais.

“Forma parte do patrimonio natural de Nigrán e ten un valor científico, cultural, etnográfico e histórico indubidable, polo que hai que protexelo a nivel biolóxico e antropolóxico”, engade o rexedor.