O Concello de Nigrán ven de instalar 13 paneis ‘metrominuto’ por todas as zonas urbanas (Nigrán, A Ramallosa e Panxón) como novidosa ferramenta para incentivar os desprazamentos a pé fronte ao emprego do vehículo. Trátase de mapas sinópticos que miden distancias e tempos camiñando entre diferentes puntos significativos e que empregan no seu deseño os códigos visuais dos planos de metro (como aceno a un dos medios de transporte máis significativos das grandes urbes, suxerindo o ir a pé como outro medio igual de valioso).

O Concello de Nigrán obtivo os seus ‘metrominutos’ a través da rede Ágora da Deputación de Pontevedra, quedando o municipio integrado na rede ‘Ciudades que Caminan’ (asociación internacional de diferentes administracións que busca que os peóns sexan os verdadeiros protagonistas do espazo público). Os tempos de desprazamento foron calculados a unha velocidade media de 5 km/hora, o que sitúa o núcleo de Panxón a 17 minutos do centro de Nigrán, o esteiro de A Foz a 6 minutos da Ramallosa ou o Templo Votivo a 8 minutos do espazo deportivo Dunas de Gaifar.
“O obxectivo é ‘desdramatizar’ a cultura de camiñar evidenciando o pouco que compensa coller o coche para moitos desprazamentos, sendo ademais algo saudable física e mentalmente”, explica o alcalde, Juan González. De feito, está demostrado que ao tratarse de distancias curtas e tempos breves, coa información que nos ofrece o Metrominuto nos predispoñemos mellor a camiñar ata o noso destino, priorizando así o medio pedestre.