Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Nigrán finaliza as obras do novo comedor no CEIP Humberto Juanes

O Concello de Nigrán rematou as obras de construción dun novo comedor no CEIP Humberto Juanes de Nigrán, estreándoo o alumnado esta mesma semana. Adicionalmente, está practicamente rematada a cociña escolar municipal, dimensionada para poder fornecer de menús a todos os centros educativos do municipio sen instalación propia e con sistema de catering, tal e como sempre comprometeu o goberno local.

A totalidade das obras foi adxudicada a Construcciones Castro cun investimento de 288.194 € con cargo ao remanente de Tesourería do Concello (o orzamento base era de 378.605 €). O comedor, agora nun único espazo diáfano aillado acústicamente, está decorado nas paredes con textos e ilustracións de Olalla Fernández alusivos á boa alimentación.

“Agradecemos o sacrificio de toda a comunidade escolar durante estes meses de obras xantando nas aulas, creemos sen dúbida que o esforzo pagou a pena e que se verá aínda máis recompensado cando funcione a cociña”, sinala o alcalde, Juan González, quen subliña a funcionalidade do novo espazo, que anteriormente se dividía en diferentes habitáculos. Adicionalmente, conta cunha nova entrada exterior mediante rampla para garantir a súa accesibilidade.