O Concello de Nigrán ven de habilitar no núcleo urbano da Ramallosa a súa primeira horta urbana comunitaria da man da cooperativa local ‘SomosTerra’, a quen o consistorio encargou tamén dirixir este curso os cultivos nos centros escolares de Nigrán. “Con este proxecto piloto queremos promover o autoconsumo nunha contorna que é moito máis urbana que o interior do municipio, xa que moitos veciños desta zona o desexaban pero non dispuñan desta posibilidade nos seus fogares”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ao mesmo tempo se fomentan hábitos saudables e se potencia a sensibilidade ambiental e o sentimento de pertenza ao barrio, polo que é un modelo que o Concello aposta por implantar noutros núcleos do municipio.
Así, esta iniciativa pioneira en Nigrán será levada adiante a partir do sábado 23 de abril na Praza Rosalía de Castro (ao carón da piscina mancomunada), onde xa están dispostos 13 bancais deseñados ex-profeso para o lugar pola empresa ‘Color Caléndula’. Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través dun formulariona web pendurado en www.nigran.es ou presencialmente no parking municipal da Ramallosa, o prazo para participar estará sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumplir as pautas de funcionamento.
A principal característica desta horta é que será comunitara, é dicir, todos os usuarios realizarán os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a posteriori a colleita de xeito equitativo entre os participantes. Para elo, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, establecerán un calendario de tarefas que os usuarios deberán seguir e, en caso de acudir a facelo, deberán sinalalo nun taboleiro situado na propia horta co fin de estar todos coordinados. “Esta fórmula promove a importancia do traballo en equipo, fomenta a relación e convivencia entre os usuarios e ao mesmo tempo potencia a integración, non só se trata de cultivar, se non de crear un sentimento de identidade comunitaria”, xustifica González.

“Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións axeitadas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte dos inscritos”, explican desde SomosTerra. De feito, todos os sábados de 12:00 a 13:30 horas impartirán obradoiros gratuítos, comezando o día 23 de abril cunha sesión adicada ás prantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortas verticais, plantas menciñais, control biolóxico de pragas, recollida de auga… A maiores, os luns (de 12:00 a 13:30 horas) e mércores (de 17:00 a 18:30 horas) estarán as técnicas presentes na horta para resolver presencialmente dúbidas, asesorar e colaborar.
“Tal e como o Concello plantexa, queremos que este sexa un espazo de convivencia e de encontro entre veciños, por iso promoveremos tamén o intercambio de sementes e a creación dun banco que recompile as variedades locais”, explican.
“Esta zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, se transformará nun punto de encontro onde florecerán os mellores valores e dos que como goberno nos sentimos máis orgullosos de promover”, conclúe o alcalde.