Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán conmemorará o xoves o Día Mundial do Alzhéimer

O Concello de Nigrán, en colaboración con Afaga, conmemora este xoves 21 de setembro o Día Mundial do Alzheimer establecido pola OMS con diferentes actos no Auditorio Municipal abertos á participación da veciñanza (o Concello de Nigrán declarouse no 2015 ‘Localidade Solidaria co Alzhéimer’).

Durante a xornada, que arranca ás 17:00 horas, o propio rexedor resumirá o traballo realizado polo Concello no centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, unha iniciativa pioneira en toda Galicia e que arrancou no ano 2016 dentro do recinto do CEE de Panxón e que atende actualmente a 24 persoas baixo a xestión de Afaga (entidade concesionaria do servizo municipal).

Despois dun breve acto institucional co rexedor de Nigrán, Juan González, e o presidente de Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, terá lugar no Auditorio unha breve representación teatral a cargo de Teatro do Ar e, posteriormente, unha mesa informativa e coloquio coa presenza de persoal especializado como Ángela Estévez Dopazo (psicóloga), Miguel Vázquez da Cunha (técnico en actividade física) e Paula González Rodríguez (traballadora social). O obxectivo é atender a todas as preguntas e que os asistentes reciban información de primeira man sobre os primeiros signos da enfermidade, as diferentes terapias, etc. Asimesmo, e dentro da conmemoriación deste día, a Casa Consistorial iluminarase de violeta, cor identificativa da doenza.

En Galicia existen preto de 70.500 personas con Alzheimer ou algun outro tipo de demencia. Realmente, ‘Demencia’ e ‘Alzheimer’ son dous termos que a miúdo se confunden, aínda que están estreitamente relacionados, non son exactamente o mesmo. A demencia refírese á perda progresiva e irreversible das capacidades cognitivas, motoras e sociais. Esta perda pode ser causada por diversas razóns, tantas como tipos de demencia existen. O tipo máis común de demencia é o Alzheimer, o que leva á confusión entre os dous termos, pero tamén existen outros tipos como a demencia por Corpos de Lewy, Frontotemporal ou Vascular, que, aínda que son demencias, non están relacionadas co Alzheimer. O alzhéimer é unha enfermidade dexenerativa de carácter progresivo que afecta ás neuronas, causando a morte gradual das mesmas.